O tempo pasa voando. Tanto que xa van 18 anos desde a primeira edición da Festa Folc de Vilariño. O popular festival que organiza a Asociación Cultural O Gato acada neste 2017 a súa maioría de idade e un ano máis a organización volve a brindar un cartel con figuras de renome e con estilos variados dentro da música folc e tradicional. Donicelas, Susana Seivane, Che Sudaka e The Skarnivals forman o cartel dun festival que se celebrará o vindeiro 19 de agosto no seu tradicional escenario da praia de Vilariño.

Donicelas é un grupo de seis pandereteiras do municipio de Salceda de Caselas. As súas orixes hai que buscalas nun actividade escolar no colexio e na que amosaron o seu interese polo mundo da música galega. Desde aquel entón xa pasaron máis de 20 anos e ao longo deste tempo teñen gravado dous discos: "Que nunca foi abalada" e o máis recente "Donicelas", amáis de colaborar en traballos discográficos doutros artistas.

As Donicelas serán as encargadas de abrir a edición deste ano e logio darán paso a un dos grandes nomes da música tradicional galega: a gaiteira Susana Seivane, herdeira da familia Seivane, que é unha das sagas con máis prestixio e recoñecemento no mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas. A Vilariño chegará xusto despois de participar en Francia no Festival Saint Loup, un certame que este ano cumpre 60 anos. A gaiteira leva publicados catro álbumes: "Susana Seivane", "Alma de buxo", "Mares de tempo", "Os soños que volven" e un DVD en directo titulado "Susana Seivane e amigos".

A segunda parte do festival será a que teña un toque máos festivo. Primeiro con Che Sudaka, un grupo formado por músicos arxentinos e colombianos que están afincados desde principios da década de 2000 en Barcelona. A súa música, tal como a definen eles mesmos, é unha especie de punk reggae party, na que ademais hai cabida para outros ritmos, como o hip hop ou o ska.

Os encargados de pechar a XVIII Festa Folc de Vilariño serán uns mozos do Morrazo: The Skarnivals. Comezaron aló polo ano 2009 co nome de Skakeo e os seus directos, cheos de enerxía e un estilo claramente reivindicativo, servíronlles para facerse un oco no panorama musical galego e editar os seus primeiros traballos. O máis recente chámase "Movimiento Irracional", un disco que segundo eles é unha chamada "á tolemia, tanto no temático como no musical". A súa música é unha fusión de ska, punk e folk galego e serán os encargados de facer bailar ao público ata ben entrada a madrugada.

A celebración da Festa Folc é en realidade o culmen a unha ampla programación de actividades que se van desenvolver ao longo de toda a semana na aldea de Vilariño. Xa está confirmada a que vai ser a quinta Mostra de Instrumentos de Música Tradicional con Lagharteiras. O luns 14 haberá un concerto de Eikasia e Wondercovers. O martes 15 haberá un encontro pandereteiro e proxectarase a curta "Irei a Darbo". O mércores 16 haberá un obradoiro de pandeiro e o xoves 17 unha actividade de baile con Pandecroba.