Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luís Davila: "A miña retranca é a autoestima que temos que ter os galegos"

A exposición ligada á figura de Castelao chega ao Bueu natal do artista

O debuxante e artista Luís Davila na inauguración da súa exposición, onte en Bueu. // Santos Álvarez

Luís Davila presenta na sala Amalia Domínguez Búa, de Bueu, as súas viñetas cómicas na exposición "Retranca dun país", que se poderá visitar ata o 13 de agosto, de luns a domingo de 11.00 a 15.00, e de 17.00 a 20.30. Despois de ter percorrido durante este ano diferentes puntos da provincia, chega á vila natal do debuxante da man da Deputación de Pontevedra. O obxectivo da mostra é o de poñer en valor o legado de Castelao dun xeito actualizado. A exposición atópase ademais adaptada para personas con discapacidade auditiva, ás que se lle ofrecen audioguías para que poidan disfrutar do humor do debuxante.

-Xa pasaron uns días sen a súa tira de O Bichero e a xente bótao en falta.

-Quérenme de volta [risos]. Estes días servíronme, máis que nada, para descansar a cabeza un pouquiño e volver xa en quince días.

-Volve con novas ideas preparadas?

-Pois sí, hai que ir recopilándoas!

-E nota moito este cariño do que falabamos por parte dos lectores?

-Si. A verdade é que é moi gratificante ver a resposta da xente e esa tradición que teñen coa viñeta.Isto fai que a súa resposta sexa sempre moito máis gratificante.

-E xa en relación coa exposición que se vai celebrar en Bueu. Cal é a "retranca" dun país?

-Isto vén sendo unha escolma de viñetas sobre como somos os galegos. Está divida en temáticas: do mar, do agro, a nosa relación cos animais...Resumo un pouco o exemplo das viñetas e de como vemos nós o humor e o mundo. É unha exposición que leva xirando pola provincia de Pontevedra xa cerca de ano e medio. Xa estivo en varios concellos e agora recala aquí en Bueu, onde xa tiña de gañas de que chegase.

-A casa?

-A casa!

-Xa dicía que non é a primeira mostra de "Retranca dun país". Cal foi a resposta do público?

-A resposta da xente foi moi boa e os comentarios dos que levan as salas tamén. Din que é bonito ver unha exposición na que a xente ri e escoitar gargalladas no momento en que están vendo as viñetas. É o que se pretende, que a xente bote alí media horiña ou o que sexa pasando un bo rato, lendo as viñetas. De todas maneiras, casi é preciso facer dúas visitas para quedarse con todas as mensaxes [risos].

-Entón está resultando todo un éxito.

-Si. A Deputación organizou a exposición e fixeron eles a escolla de viñetas. Despois o que ten moi chulo é que está preparada para discapacitados auditivos. Van acompañados dunhas audioguías coas que os xordos e os xordomudos poden entrar un pouquiño máis no mundo do Bichero.

-E que é o que pretende mostrar con esta exposición?

-Son detalles da nosa vida, de como somos. Tamén fai un resumo dos últimos anos, de cousas de actualidade. Pero unha actualidade máis ampla que a mera noticia do día, aquela que vai de cousas do día a día: a tecnoloxía, o cine... Trato de enfrontar a nosa realidade no máis rural e tradicional coa máis moderna e actual. Confronto personaxes como unha muller brava, en homenaxe ás nosas mulleres, con elementos como os móbiles, internet, os drons...Ahí xorde o chiste.

-Na exposición veremos tiras xa publicadas ou trátase de material inédito?

-Son viñetas que foron no seu día publicadas en FARO. O que pasa é que o volume delas ao longo dos anos faise tan grande que moitas están un pouco esquecidas polos lectores.

-Como definiría o seu humor?

-Eu son moi do país, como o viño da casa [risos]. O meu humor é moi compartido por todos os galegos, é un humor da casa.

-Isto é o que podemos apreciar en "Retranca dun país"?

-Si, eu penso que si. Esa cercanía dos personaxes e que a xente recoñeza as cousas que está vendo. Todo o mundo ten escenas que son plenamente recoñecibles e é o que busco, que se identifiquen co que están mirando. Os personaxes son xente que todo o mundo coñece.

-Falando doutros proxectos, "Menú do día" e "Menú de noite" foron os espectáculos nos que participou xunto a Carlos Blanco. Como foi esta experiencia?

-Foi moi gratificante tamén. Imaxina que recibes resposta da xente no momento no que estás debuxando e escoitas as risas espontáneas no propio momento, subido no escenario. É completamente diferente. Eu estaba acostumado a traballar dende a casa, nun estudio no que estaba eu só coa miña pantalla do ordenador, os papeis e lapis. Claro, o estar subido no escenario é unha sobredose de adrenalina moi grande. Con Carlos de marabilla, estou aprendendo moitísimas cousas. O seu humor e o meu son casi o mesmo, pero falado de formas diferentes. É unha comunicación de linguaxes do humor galego que está tendo moi boa acollida.Estou moi contento.

-E para rematar, cal é a "retranca" de Luis Davila?

-A retranca de Luís Davila?[risos]. A min gústame a positividade e, sobre todo, a autoestima. Eu penso que baséase sobre todo niso, na autoestima que temos que ter os galegos. Penso que falta moita, esas gañas de recoñecernos tal como somos e rirnos de nós mesmos co humor que nos identifica. Que nos sintamos orgullosos da nosa lingua e de ser como somos.

Compartir el artículo

stats