Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (VIII)

Os autores abordan nesta ocasión o periodo comprendido entre 2008 e 2017 no Obradoiro do IES María Soliño de Cangas

O teatro escolar (VIII)

En esquema esta é a traxectoria deses anos:

2008: "O último roedor", de Cándido Pazó, dirixido por Pedro P. Riobó e Vanesa Sotelo.

2009: "A deshora", de Pedro P. Riobó sobre textos de varios autores, dirixido por Pedro P. Riobó.

2010: "Déixame en paz", de Moisés Mato e Matutian Teatro, dirixido por Pedro P. Riobó.

2011: "O Carteiro do Rei", de R. Tagore, dirixido por Pedro P. Riobó.

2012, "Romance de Micomicón e Adhelala (Farsa para títeres especiosos)", de Eduardo Blanco Amor, dirixido por Pedro P. Riobó.

2013: Como Aula de Drama de 4º da ESO do IES María Soliño: "Teatro para neófitos", de Pedro P. Riobó sobre textos de varios autores, dirixido por Pedro P. Riobó.

2014: "Acariñando os cabelos",de Xoán Carlos Riobó, dirixido por Xoán Carlos Riobó.

2015: "Mochilas pesadas",de Xoán Carlos Riobó, dirixido por Xoán Carlos Riobó.

2016: "Suspéndese a función",de Fernando Lalana, dirixido por Xoán Carlos Riobó.

2017: "O principiño",dirixido por Xoán Carlos Riobó.

* "O último roedor". No curso 2007-2008 preparamos "O último roedor," de Cándido Pazó, unha alegoría sobre a destrución á que estamos sometendo o planeta que ten como protagonistas aos últimos seres vivos que baixo el viven, os ratos. O reparto estaba integrado por Óscar Cerqueira, Andrea Soage, Carolina Guitián, Santiago Piñeiro, Diego Enríquez e Marcial Lagoa. O vestiario foi obra de Milagros Abal e Vanesa Sotelo ultimou a dirección que iniciara Pedro P. Riobó. Tras estrearse no María Soliño, a obra presentouse na XII Mostra no Instituto As Barxas de Moaña, a finais de abril de 2008.

* "A deshora" .2009 foi o ano da segunda Mostra organizada polo María Soliño. Celebrouse no noso centro entre o 24 e 30 de abril. Os espectáculos que se presentaron foron: "A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos", de Teatro da Réplika, do IES Rodeira de Cangas; "Os noivos da Torre Eiffel", do GT do IES As Barxas; "As vodas de Fígaro", do GT do Colexio Eduardo Pondal; "A avoa Sol e as trece rosas", do GT da ANPA do IES de A Paralaia; "Ghilipollas! Ssomos ou estamos? Ghilipollas", do GT da ANPA do IES de Rodeira; "A illa amarela", de Comediantes Anónimos do IES Johán Carballeira e "O novo inferno," de Tróquele do IES Illa de Tambo de Marín.

Para a clausura desta XIII Mostra contamos coa participación da Aula de 4º de Interpretación textual da ESAD de Galicia que nos ofreceu unha mostra do seu traballo de aula. Para a inauguración o Obradoiro preparou "A deshora", unha comedia de Pedro P. Riobó sobre textos de varios autores, con música de Carlos Salgueiro, nas que o público asiste á montaxe dun espectáculo musical que, ao parecer non vai comezar en menos dunha hora.

Durante ese tempo as actrices -trátase dun grupo de mulleres- conversan sobre a súa relación cos homes mentres van montando os decorados. Finalmente retíranse a vestirse e maquearse e o rexedor, un home, queda a falar co público. Comeza o espectáculo que remata de repente a causa dun apagón irreparable. Elas eran Carol Guitián, Andrea Soage, Julia Alcalde, Tamara González, Paula Chapela, Laura Parcero, Nerea Bastón, Laura Nerga, Iris Paz, Úrsula Fernández, Mara Novas, Alejandra Vidal e Rebeca Cancelas; el, Diego Enríquez.

* "Deixame en paz". No curso 2009-2010, o Obradoiro reuniu un grupo de alumnas e alumnos que encararon sen complexos un dos retos máis difíciles para os adolescentes: falar de si mesmos con sinceridade e sen cancelas. "Déixame en paz", de Moisés Mato e Matutian Teatro, foi un dos nosos maiores traballos como taller de teatro e tamén un do que nos sentimos máis orgullosos pola resposta do público e dos compañeiros e compañeiras de mostra. Seis rapazas, encarnadas por Úrsula Fernández, Marisa Troncoso, Iris Paz, Cristina González e Laura Barreiro, e dous rapaces, encarnados por Abel Juncal e Aitor González, que veñen fuxindo de alguén ou algo, coinciden nun vertedoiro onde se desenvolven os feitos ao tempo que, através dos seus monólogos e declaracións policiais, imos sabendo o que alí sucedeu. Na parte técnica estivo Nelson Reboreda. Estreouse no María Soliño a finais de abril de 2010 e, a seguir, na XIV Mostra no Johán Carbalheira de Bueu.

* "O carteiro do Rei". Como unha continuación do mesmo grupo de traballo, en 2010-2011, comezamos a preparar un texto longamente desexado que, por outra banda, nos unía dalgún xeito aos nosos amigos da escola india María Soliña, para a cal desde principio desta década comezamos a facer festivais de apoio. Xurdiu entón "O Carteiro do Rei", ese marabilloso texto que Rabindranath Tagore escribiu sobre un neno enfermo chamado Amal que enternece a todos cantos o coñecen. Marisa Troncoso e Tania Patiño foron as que o interpretaron ben secundados por Tinín Maquieira, Laura Vidal, Adrián Blanco, Cristina González, María Jesús Novo, Claudia Martínez, Laura Barreiro, Úrsula Fernández, Alba Hermelo, Andrea Patiño, Laura Vidal, Ana Rodríguez, Andrea Patiño, Alejandra Dacosta e Ana Rodríguez, con Nelson Reboreda na parte técnica. Presentámolo na XV Mostra organizada polo IES As Barxas no Auditorio de Cangas en abril de 2011.

* "Romance de Micomicón e Adhelala". 2011-2012 foi o último curso que Pedro P. Riobó dirixiu o Obradoiro. Como o grupo de traballo era un dos máis curtos que houbo en anos acaía ben a selección dun texto de Eduardo Blanco Amor. Elexiuse "Romance de Micomicón e Adhelala", historia dun príncipe xigantón e desmadrado para o seu teatro de títeres que, traspasado á interpretación actoral, representaron Martín Ares, Antía Armada, Tania Patiño, Josué Gestido, Fátima Collazo e Jéssica Viéitez. Na XVI Mostra de 2012 organizada mancomunadamente no Auditorio de Cangas, presentouse o 27 de abril.

* "Teatro para neófitos". Como en 2012-2013 non houbo Obradoiro, o IES María Soliño decidiu cubrir a baixa de tal presentando na XVII Mostra, que se celebraba no Colexio Eduardo Pondal, con "Teatro para neófitos", traballo da Aula de Drama de 4º da ESO, unha peza didáctica de Pedro P. Riobó na que se xoga con coñecidos textos do teatro universal. Foi interpretada por Sheila Bernárdez, Abraham Bernárdez, Fernando Guimeráns, Rebeca Cancelas, Paula Fernández, Andrea Pereiro e Iván Bermúdez; da iluminación encargouse Brais Menéndez, do son, Candela Lorenzo e, como rexedora, actuou Paula López.

* "Acariñando os cabelos" (2013-14). Aproximarse ao conto popular de Carrapuchiña Vermella é sempre un reto. O conto da avoa, que vén da tradición oral francesa, foi a versión que nos inspirou para tratar o tema do abuso sexual. Desde un punto de vista actual, Eli, a nosa protagonista pre-adolescente comeza a sentir a sexualidade. Os medos e as inquietudes deixan de ser segredos cando llos conta a súa amiga Mar. Chega Pucho e enfronta ás amigas que se separan. Pucho, despois de matar á avoa, dálle de comer a carne e o sangue a Eli, como ritual e preludio da violación. Por medio de tres pantallas, e con tres retroproxectores, estas duras imaxes refórzanse cunha escenografía que ten vida e significado: O bosque escurece cando Pucho entra en escena; a lúa convértese en vermella na loita entre Pucho e Eli.

Estamos agradecidos á colaboración de Julia Abal que fixo o deseño dos espazos tanto de exterior como de interior cos seus debuxos cheos de expresividade e sabor a tradición. Outra das características das pantallas era a funcionalidade, pois tanto valían para crear espazos, ambientes, traballar as sombras corporais ou proxectar unha conversa por WhatsApp. O grupo estaba formado por Miriam Otero, Estela Santos (que pertencía ao IES Rodeira), Benjamín Malvido (Benyi) e Andrea Pérez, actualmente cursando estudos de interpretación na ESAD de Galicia. Os ensaios fixémolos no IES de Rodeira, pois xa viñamos de traballar xuntos o ano anterior neste Instituto. Coñeciámonos moi ben e había unha boa dinámica de traballo.

O reto consistía en aproximarse o máximo posible ao personaxe que interpretaba cada actriz e cada actor. Benyi, por exemplo, tiña unha personalidade que se achegaba ao Pucho conquistador, mais era oposta e custáballe moito poñerse na pel do lobo agresor. Un día, nunha das representacións, atopeino eufórico correndo e saltando detrás do escenario dicindo: "Conseguino. Conseguín ser o lobo." Esas son grandes satisfaccións ao ver as frustracións superadas. Gran traballo que se presentou na XVIII Mostra no IES As Barxas de Moaña.

* "Mochilas pesadas" (2014-15). O problema é que temos un sistema educativo que non nos merecemos. Desde pequenos xa nos van organizando en bloques: os que son aptos para o estudo e os que non entran no sistema. Non hai outra alternativa. Ou te adaptas ou es un inadaptado. Este ano formamos un grupo totalmente novo, composto por Julia Alonso (actualmente estudando interpretación na ESADdeG), Nuria Cabezón, Pablo Budiño, Pedro Parcero, Abraham Bernárdez, Noemí Santomé, David Cao, Irene Fernández e Abel Villar. Todas e todos montamos esta obra que se desenvolve nunha clase.

A panda ten encomendado un traballo sobre a educación e debaten sobre distintos aspectos educativos como poden ser as políticas ineficaces, un profesorado pouco motivado e desbordado ou a familia egoísta, falta en valores. Este texto critica o sistema educativo pero tamén debuxa unha sociedade que está en crise. Ao ser unha obra de texto, había que dar movemento ás escenas para eliminar a inmobilidade dunha clase. Creouse un espazo sonoro e distintas coreografías grupais para convertelas en imaxes poéticas.

Con esta función abrimos a XIX edición da Mostra que se celebrou no María Soliño entre o 27 e o 30 de abril de 2015, acompañada de moitas outras actividades nas que se involucraron outros departamentos e alumnado do centro. Ademais, presentáronse "É a guerraaarrr!!", de Comediantes anónimos do IES Johán Carballeira; "Os catro mosqueteiros na procura do Pai do Rei", de Teatro A Réplika do IES Rodeira; "Cinco semanas en globo", de Teatro Eduardo Pondal do Colexio Eduardo Pondal e O" xogo de Green", de O teatro que ri do IES As Barxas. Para o acto de clausura invitamos a Moito Morro Teatro que representou "Es-Ketches".

* "Suspéndese a función", de Fernando Lalana (2015-16). Esta obra mantivo a maldición do título ata o final. Dividida en tres partes para simplificar, na primeira, a compañía explica ao público as razóns polas que teñen que suspender a función, a segunda consta duns spots publicitarios e na terceira represéntase un conto popular. Todo aderezado co humor característico da comedia.

Comezamos os ensaios. O grupo era novo, a cousa estaba en espera, a ver se despegaba, mais coa chegada da primavera e o caloriño do sol, houbo unha desbandada migratoria cara a outras latitudes e dos trece que eramos quedamos catro. Foron momentos confusos porque faltaba un mes para a representación e só tiñamos preparada a segunda parte, que curiosamente a representaban eles catro: Noel Malvido, Alba Fernández e David Cao máis Abel Villar que xa participaran no curso anterior. Animou moito a valentía do grupo para seguir adiante sen caer no desánimo. Había que reestruturar toda a obra.

O título valeunos como escusa para xustificar o motivo da suspensión da actuación: deixarnos colgados. Despois intercalamos novo texto con fragmentos que xa estaban ata completar a obra. A representación levouse adiante no día previsto dentro da XX Mostra celebrada no IES Johán Carballeira de Bueu. Víase a soltura e o ben que o pasaban no escenario, incluso coa subida de ton de Noel empregando algunhas palabras malsoantes. A amizade que xerou a unión do grupo e a súa capacidade para superar as adversidades son motivos importantes a destacar.

* "O Principiño" (2016-17). Este é un texto, o de Saint- Exupéry, que sempre se quere levar a escena. Só hai que esperar o momento para indagar no interior e buscar a paz que proporciona este personaxe cuxa respiración é como unha nota continua que oscila con mínima vibración e navega contemplativa desde a inmensidade do universo ata o particular. O Principiño tiña moito texto, igual que o aviador, así que decidimos facer tres Principiños (Silvia Otero, Noel Malvido e Yago Otero), dividindo a obra en tres partes, e dúas aviadoras (Laura Carballo e Sara Vázquez), a primeira como narradora e a segunda como personaxe que interactúa co Principiño. O resto dos personaxes foron representados co seguinte elenco: A Rosa por Antía Riobó, Rei e Xeógrafo por David Graña, Vaidoso e Faroleiro por Abel Villar, Bebedora e Serpe por Yaiza Portela, Home de negocios por Rubén Ballesteros (Sax) e o Raposo por Alba Fernández. Despois de extraer o texto dramático, o que máis interesa é abrirse á creatividade e facer unha posta en escena chea de significado. O círculo do universo, dos planetas, de todo o que nos rodea, da vida mesma, foi a premisa fundamental para crear a escenografía e o movemento. Faltounos un pouco de tempo para redondear a peza. Algúns textos ían xustos e todo o que sexa comer palabras fai perder o significado, mais, en conxunto, fixeron un excelente traballo. A implicación foi máxima e moitos creceron cos seus personaxes dunha forma significativa. Para o alumnado dun instituto que ten o Bacharelato Artístico, o resultado da obra non é só o obxectivo. Detrás queda o contacto con distintas técnicas e soportes para desenvolver linguaxes e ideas, pois o teatro bebe de todas as fontes artísticas. A procura non remata e a investigación é fundamental. Con este espectáculo participamos na última Mostra (a XXI) que o IES de Rodeira organizou no Auditorio de Cangas.

Compartir el artículo

stats