Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Sarah Leen, fotógrafa americana en Cangas

A directora de fotografía da National Geographic pasou tres intensos días en Cangas en maio de 1987

Auxi coa cámara que lle regalou Sarah Leen. Ao fondo a casa da familia de Carmiña onde viviu en Cangas a fotógrafa norteamericana.

A fotógrafa estadounidense Sarah Leen estivo en Cangas participando nunha obra colectiva que trouxo a 100 fotógrafos de diversos países para realizar fotografías coas que compoñer un libro de gran formato da serie "Un día en la vida de España", editado por Planeta e que veu a luz no ano 1987.

Sarah Leen nace en Wisconsin no ano 1952. Graduada na Escola de Xornalismo da Universidade de Missouri (Columbia). Publica a súa primeira historia aos 25 anos, "O retorno a Uganda" (1979) mentres facía as prácticas en National Geographic. Casa con Bill Marr e vive no este dos Estados Unidos, entre Maryland e Virxinia, na baía de Chesapeake onde desembocan máis de 150 ríos e bañada polo mesmo océano que chega ata nós, o Atlántico. Alí vive Sarah Leen cos seus gatos e os koi,uns peixes de cores orixinarios de China.

Entre os anos 1990 e 2005, traballa na National Geographic Society fotografando lugares e xentes desde Búfalo, nas terras fronteirizas entre Estados Unidos e Canadá, ao Lago Baikal e a península de Kamchatka, en Siberia. Ou facendo reportaxes sobre os barrios urbanos das cidades nos Estados Unidos.

No 2005 dá o salto á edición de fotos despois de ter traballado 27 anos como fotógrafa independente. Traballa para dous xornais: o Topeta Journal da capital do estado de Kansas e o The Philadelphia Inquirer de Pensilvania un dos máis antigos de Estados Unidos. Recibe o Premio Robert F. Kennedy por unha foto documental sobre a enfermidade do Alzheimer. Tamén ten recibido o premio World Press Photo de Ciencia e Tecnoloxía.

É autora do libro "American Back Roads". Fotografías de Sarah Leen teñen sido incluídas na serie de libros "Un día en la vida de ?" da editorial Planeta e noutros volumes colectivos e individuais aparecidos na editorial da National Geographic con temas relacionados coas mulleres no mundo, o Vietnam, a Fotografía e as Mulleres Fotógrafas.

Un día recibiu o encargo de Planeta de participar nun libro colectivo da serie "Un día en la vida de...". A editorial seleccionou 100 fotógrafos de todo o mundo para que o día 7 de maio de 1987 realizaran fotografías no sitio que tiveran escollido por toda a Península.

Sarah Leen escolleu Cangas e veu da man dos Massó. Alí compartiu casa coa familia de Carmiña Pérez e José Cordeiro. "Tiña 35 anos cando veu a nosa casa no Salgueirón, pero semellaba máis nova. Era loira, alta e moi guapa. Falaba só en inglés por iso nola trouxeron porque a nosa filla Auxi estudaba inglés e algo podían comunicarse. Estivo só tres días, pero moi intensos. Non paraba de andar dun lado para outro, buscando que retratar. Da fábrica para o centro. Gustáballe moito o espazo da lagoa de Massó". Así a lembra Carmiña que amosa unha máquina de fotos que lle regalou e que aínda fai fotos, unha Olympus - super 200M- en agradecemento polas comidas que lle preparou e das empanadas e do polbo que tanto lle gustaron.

No libro "Un día en la vida de España" (Planeta novembro 1987) aparecen dúas fotos de Cangas da autoría de Sarah Leen. Unha, reproducida a dobre paxina, feita na fábrica de Massó na que aparece Mucha tendendo as toallas acabadas de lavar. E outra no cemiterio de Cangas onde unha muller enloitada está arranxando o nícharo dos seus familiares.

A fotógrafa Sarah Leen moi atenta e agarimosa deixou boas sensacións do seu paso por Cangas. Nese mesmo ano de 1987 viaxou á Unión Soviética e lembrouse das atencións da familia canguesa que tan ben a tiveran acollido e mandoulles unha postal da Praza Vermella de Moscova agradecendo o trato recibido. E xa con certo dominio do castelán!

Agradecidos quedamos nós tamén polo trato que nos dispensou fotografando aspectos da nosa vila para ese libro.

*Socios de A Cepa

Compartir el artículo

stats