A trixésimo terceira edición do Festival Intercéltico trae a Moaña algúns dos grupos folks máis importantes. Isto inclúe a Fiandola, unha banda con xente do Morrazo e que entende a música tradicional galega de forma diferente á hora de interpretala e de compoñer novas melodías. A súa actuación terá lugar ás 22:00 horas no Palco Principal. Celebrarase ademais o vixésimo aniversario da banda cunha colaboración coas pandereteiras Lembranzas da Ría.

-O tocar nesta clase de festivais como é o Intercéltico, ao aire libre, fai que se disfrute máis deste tipo de música?

-Si, sobre todo para o noso estilo. O que tocamos nós, que está baseado na música tradicional, facémola para bailar e é necesario que sexa ao aire libre, que a xente poida disfrutar da música.

-Os bailes son parte do seu estilo, fai o directo que isto sexa máis dinámico?

-Claro, todo está comunicado. A música e o baile forman unha unidade. O baile non pode existir sen a música e a música sen o baile, sempre estiveron ligadas. E, por suposto, nós disfrutamos moito máis tocando mirando á xente bailar e disfrutando da nosa música.

-O público disfruta máis con este tipo de eventos?

-Si, faise un pouquiño máis participativo entre ambos, o grupo e o público, pódese animar máis. Participan con nós: cantan, bailan, animan coas palmas...

-De que maneira a música de Fiandola fai entender dunha forma diferente a música tradicional galega?

-Consideramos que non estudamos nin grupos folk, nin grupos tradicionais. .. Facemos, en primeiro lugar, música galega e baseamos o noso repertorio casi todo na música tradicional. Aproveitamos que moitos de nós andamos de recollida, recuperando músicas. Casi todo o noso repertorio vai sobre esa música que recollemos e, loxicamente, dándolle un aire diferente. Facemos os arranxos pertinentes e despois, outra parte fundamental, é a de composición. Tamén a de cancioneiro ten unha gran importancia para nós.

-A actualización axuda a manter co paso do tempo a música galega?

-A música coma todo ten que ir evolucionando e esta forma parte da nosa vida. Algún día esta música pode chegar a chamarse tradicional.

-Bandas irlandesas e escocesas tocarán no festival. Hai similitudes entre ambas culturas?

-A similitude é a orixe da propia música, do pobo, independentemente da súa localización.

-Cal é o atractivo de tocar no Festival Intercéltico?

-Para nós, a parte de ser un referente entre os festivais, ao nacer en Moaña, sempre estivemos moi ligados á súa vida cultural. É moito máis emotivo pola localización, o sentimento...

-Coma un soño?

-Non exactamente [risas]. Pero si que é moito máis correspondente á hora de tocar nun sitio onde naceche, onde pasache moitos anos e co que estás moi implicado.