Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

José Oliveira, un mariñeiro fiel á República

O mariño foi condecorado, sofriu o exilio e cando xa tiña 84 anos foille concedido o título de Capitán de Corveta

José Oliveira coa Cruz de Prata da Orde do Mérito Naval, que lle foi concedida en 1931.

José Oliveira Avendaño nace a carón do mar de Cangas en 1909. Aos nove anos, comeza a traballar co seu pai como pinche de albanel e aos 15 solicita o ingreso na Escola de Aprendices Mariñeiros da Armada pero non supera as probas físicas. O seu tesón lévao a prepararse na escola nocturna rexentada por don Ángel Mato, ao ano seguinte consigue superar o exame médico e ingresar na Armada.

Do primeiro destino no Buque Escola "Nautilus" pasa ao "Galatea" e ao acoirazado "Jaime I". Aos 18 anos embarca en Cádiz no buque escola "Juan Sebastián Elcano", onde dá seis veces a volta ao mundo. Ascende a Cabo de Mariñeiría e no 1931 concédenlle a Cruz de Prata da Orde do Mérito Naval.

No 1934 consegue os galóns de Cabo 1ª en Ferrol e embarca no cruceiro "Libertad", despois traballa no Ministerio da Mariña, sendo destinado ao buque de investigacións científicas "Ártabro", comandado por Luís González de Ubuieta, un oficial fiel á República.

Por mor da sublevación do 18 de xullo do 1936, pasa de Valencia a Barcelona sendo destinado ao Estado Maior da Flota de Destrutores en Cartaxena. Participa en varias accións de guerra. Foi nomeado axudante persoal do Xefe da Flota, Ubieta, a quen acompaña en todas as viaxes e coñece persoalmente aos xefes civís e militares da República.

Perdida a guerra, os refuxiados republicanos desembarcan en Marsella sendo trasladados aos campos de concentración de Argeles e Barcares. Quedan recluídos até o inicio da Segunda Guerra Mundial. Despois foron enviados ao campo de Saint-Cyprien. O longo camiño do exilio non facía máis que comezar para Oliveira.

No 1939 alístase na Compañía de Traballadores nº 117 destinada á fronteira con Bélxica para traballar na construción de casamatas e fosas antitanques. De alí viaxan a Dunkerque colaborando na evacuación das tropas aliadas.

Pero había unha enorme cantidade de militares e, tendo en conta a orde de retirada: ingleses, franceses, belgas e persoal civil a súa saída tardaría en producirse.

O grupo de Oliveira decide tomar un bote dos moitos abandonados na praia e cos poucos víveres que atopan reman cara o Mar do Norte, rumbo a Dover. Acollidos coa promesa de levalos a Londres rematan sendo trasladados de novo a Francia rumbo a Nantes para realizar traballos portuarios. Ao pouco, foi declarada "cidade aberta" e comeza a evacuación. Oliveira consegue embarcar nun destrutor inglés chegado para recoller feridos, con destino a Casablanca Alí póñennos a traballar nas obras de construción do ferrocarril Transahariano en pleno deserto nunhas condicións de vida durísimas.

Perante esta situación Oliveira estuda a posibilidade de regresar á Terra. Supoñía que coma moito esperáballe pasar uns anos nos cárceres franquistas. Solicita no consulado de Uxda o pasaporte. Un 8 de setembro de 1940 pasa a fronteira e de Melilla vai a Ceuta á espera da resolución do seu Expediente. Declarárono "indiferente" permitíndolle o traslado a Cangas coa obriga de presentarse cada semana no posto da Garda Civil e na Axudantía de Mariña, prohibíndolle saír da vila. Á fin arquívase o seu expediente e Oliveira queda en liberdade.

Embarca na Mercante e traballa como patrón de pesca de altura en varias compañías (Ybarra, Alfageme, Mar). Leva o mando dun pesqueiro do que era socio e faena nun conxelador en augas de África do Sur. Consegue praza no buque oceanográfico "Cornide de Saavedra" como capitán de pesca en dúas viaxes expedicionarias.

Coa morte de Franco, en 1975, afíliase ao Partido Socialista Galego, intervén na fundación de AETINAPE e na Asociación Nacional de Ex-Persoal da Armada. Exerce de profesor na Escola Náutico Pesqueira de Vigo até a súa xubilación no 1980.

Emprende as xestións para que lle recoñezan o grado que como membro da Armada lle corresponde. O Ministerio de Defensa, no 1995, cando Oliveira ten xa 84 anos, concédelle o emprego de Capitán de Corveta, recoñecéndolle os seus méritos. Mentres descansa na súa querida Cangas este home de vida axitada era un habitual do paseo relaxado ou sentado nos bancos da Alameda á raxeira do sol.

Falece, aos 92 anos, no 2001 na súa casa de Cangas. De acordo coas súas instrucións foi incinerado. E un día co mar en calma, co vento xusto para navegar, á altura de Faro Borneira, acompañado de cancións e versos mariñeiros, as súas cinzas foron entregadas a ese mar que Oliveira nunca deixou de todo. Ao igual que a súa fidelidade coa República.

*Membros de A Cepa e filla de José Oliveira

Compartir el artículo

stats