Unha mostra do folclore de todos os continentes baixo a idea do mar como forza transformadora de pobos e culturas. Esta é a filosofía que inspira ao Festival Internacional O Folclore do Mar, que dende o ano 1994 vén organizando a asociación Meiramar Axóuxeres. A edición deste ano foi presentada onte no Concellos de Moaña e contará coa presenza de grupos chegados de Polonia, Bulgaria, México e do propio territorio galego.

As actuación desenvolveranse dende o xoves ata o luns no palco do paseo marítimo de Moaña. Nesa última xornada, previa á celebración do Día e Galicia, terá lugar o festival central no que participarán todas as agrupacións. Os grupos invitados deste ano son Zespól Piesni i Tanca Lódz de Polonia, Ensemble Folk Zornitsa de Bulgaria, Conjunto Folklórico Magisterial de Chiapas de México e a Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro, de Galicia.

As actuacións comezarán o xoves 20 de xullo e o primeiro grupo en subirse enriba do escenario do palco moañés será Zespól Piesni i Tanca Lódz. O venres será á quenda do Conjunto Folklórico Magisterial de Chiapas; o sábado actuará O Fiadeiro e o domingo os búlgaros de Ensemble Folk Zornitsa. Todas as actuacións comezarán as 22.00 horas.

O punto culminante do XXIV Festival O Folclore do Mar será o luns 24 de xullo coa cita central do certame internacional. Nesta xornada actuarán os tres grupos estranxeiros e a Asociación Meiramar Axóuxeres a partir das 21.30 horas no palco da música do paseo marítimo moañés.

O festival non é somentes unha oportunidade de mostrar o folclore de distintos lugares do mundo, senón que tamén aporta unha experiencia de intercambio e de convivencia para os integrantes. Os grupos estranxeiros chegarán o mércores e estarán aloxados durante os vindeiros días nas instalacións do colexio de Reibón, onde está previsto que convivan máis dun cento de persoas, segundo explican dende a directiva de Meiramar Axóuxeres.

O festival está patrocinado polo Grupo Sanchilan Estación de Servicio e conta coa colaboración do Concello de Moaña, Deputación e Comunidade de Montes de Meira.