Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O conflito da auga en Coiro hai 40 anos (I)

O goberno local aprobou un proxecto para ampliar o abastecemento co caudal do Bouzós que topou cunha forte oposición veciñal

Fonte do Siñal en 1979 en Cangas, que da imaxe da escaseza de auga. // Foto Santoro

Apesar de ter morto Franco, os seus seguidores no goberno municipal ainda andaban a consumar políticas ditatoriais e oportunistas que no caso de Coiro, igual que nas Encrobas e Baldaio no mesmo ano, toparían cunha forte contestación veciñal na defensa dos seus dereitos colectivos: Así empezaba o periodo predemocrático en Galicia.

Desde finais de outubro de 1976, o Concello de Cangas vaise ver sumido nunha crise municipal pola renuncia do alcalde de Antonio Graña Giráldez, pasando a ser sustituido no cargo polo concelleiro Antonio Sangabriel Gago como presidente accidental da Corporación Municipal. Durante o seu mandato, o 4 de novembro do mesmo ano, vaise aprobar en plenario o Proxecto de Ampliación de Abastecimiento de Agua a la Villa de Cangas elaborado polo enxeñeiro de camiños Alberto Vázquez Peña que contaba cun presuposto de 1.507.876 pts., a executar polo contratista Manuel Bugallo. Este proxecto fora incluído no Plan de Infraestructura Sanitaria del Litoral Gallego da Confederación Hidrógrafica e doce días despois contaba coa sua inclusión nos Plans Provinciais apoiado polo gobernador.

Con este Plan, a Corporación pretendía paliar a escaseza e demanda de auga de traída para o núcleo de Cangas, apenas suficiente, ao estar servida polo depósito da Magdalena a onde se quería bombear esta procedente da traída de Coiro. O crecemento urbanístico nestas datas e as alturas dos edificios puñan en cuestión o abastecemento de auga ás novas edificacións, sobretodo nos edificios en torno á avenida de Marín, no Forte, na rúa Moaña...

Inmerso nunha política de parcheo co tema da auga, o Goberno Local puxo entón as suas miras no maior caudal existente na zona, ou sexa o rio Bouzós, para levar adiante desde o mesmo, o Proxecto de Abastecemento a Cangas en tres fases. A tal fin, identificados e comunicados 365 propietarios e titulares de fincas afectadas para o acometemento da primeira fase, o Concello convocaría aos mesmos a unha reunión en Coiro o 30 de novembro do mesmo ano. No lugar da reunión, segundo comunican o enxeñeiro de camiños Alberto Vázquez Peña e o enxeñeiro técnico agrícola Carlos Costa Fraga, contratados polo Concello, toparíanse cunha forte oposición por parte dos afectados que impediron totalmente o inicio dos traballos de elaboración do plano parcelario e de cultivo, que se vían afectados.

En xaneiro do ano seguinte, 1977, xa nomeado como alcalde accidental Fortunato Graña Núñez van continuar os intentos de sacar adiante o proxecto, contando esta vez co apoio do Consello de Ministros que o 30 de decembro pasado, acordara declarar de urxencia este acto de ocupación de los bienes y derechos afectados por las obras a todos los efectos de aplicación del artículo 52 de la Ley de Expropiación Forzosa de 16 de decembro de 1954.

Neste tempo, o Concello vai solicitar a concorrencia do axente de Extensión Agraria local, Leandro Álvarez quen lles expón aos ediles que valoren a finalidade que estas augas veñen cumprindo desde tempo inmemorial e neste sentido a invalidez e prexuízo do proxecto tal como estaba redactado. Nin que dicir tén, que pouco tempo despois, o probo funcionario pagaría co seu traslado a defensa dos dereitos veciñais que recollera no informe demandado polo Concello. Xa no día 8 de febreiro de 1977, o alcalde vai emitir un edicto conminando aos veciños afectados a que colaboren, durante os vinte días de exposición pública do proxecto, aportando cada un personalmente un croquis descritivo no que debían constar as distancias entre marcos, superficie, lindeiros, denominación do lugar, clase de cultivo e título de propiedade.

Ante a falta de resposta veciñal, o alcalde promovería o 11 de febreiro en Vigo, unha reunión con algúns dos regantes de Coiro, convocados no despacho do avogado Lucas Irisarri, coa intención de firmar no seguinte dia 17, un compromiso entre propietarios e Concello. Neste compromiso recollíase a reposición de danos nos terreos lindantes ao rio, reposición do camiño e pago dos terreos que se ocupen sempre que sexan privados ou de servidume.

Ante a reiterada negativa veciñal e a falta de información para elaborar os planos de expropiación, o alcalde, en compañía dos técnicos, volverían convocar aos veciños o 7 de marzo, encontrándose de novo coa oposición dos propietarios que impedían o acceso ás suas fincas. Para dar unha idea da tensión existente, basta con reproducir algunhas das frases, recollidas en documento, que soltou o alcalde señor Graña, manifestándolle aos veciños que o proxecto habían levalo adiante "por cojones" e para quencer máis o ambiente, o concelleiro delegado de obras A. Sangabriel ainda engadiría que el tiña auga na casa pero que se non a tivese había levala para Cangas ainda que fose con pistola. Como non había democracia e o respeto era pouco, a esta sarta de dislates tamén se sumaría o concelleiro A. Núñez que sesudamente reflexionaba que se os veciños de Coiro se quedaban sen auga que fosen botar as patacas a Rodeira. Ademáis, os afectados foron coñecedores das veladas visitas do gobernador e dos enxeñeiros á zona, sen darlles noticia aos veciños nen convidalos a dialogar sobre o tema. Estas posturas oficiais enrarecerían máis o ambiente con algún enfrentamento e actos de boicoteo á obra xa en execución, motivando que os veciños decidisen organizarse e legalizar unha Comisión Veciñal para evitar os actos violentos e encauzar as demandas pola vía legal. Reunidos en asemblea, os veciños elixirían para a presidencia a Manuel Boubeta que estaría acompañado na mesma por Humberto Sotelo como secretario, José Gestido como tesoureiro e Julio Miranda, Antonio Bernárdez, Antonio Costas, José Miranda, Jesús Gestido, José Abal e Sergio Paredes como vocais da mesma.

(*) Mestre e historiador local

Compartir el artículo

stats