Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marta Freire: "O PSOE demostra que ten capacidade de xestión e de entendemento"

A líder socialista dí que é pronto para falar da súa reelección como candidata e fai un bo balance destes dous anos de goberno

Marta Freire, onte, ante a escultura da balea de O Con. // Gonzalo N.

De estar nun segundo plano na política, Marta Freire pasou en 2015 a ser a candidata do PSOE á alcaldía de Moaña. Con ela o partido gañou un concelleiro -ten 3- e recuperou o pacto co BNG. Desde entón gobernan en coalición, sen aparentes fisuras nin loitas de poder. Freire sabe manterse no seu lugar sen restar protagonismo á alcaldesa nacionalista, Leticia Santos. É nai de dos nenas de corta idade, de feito estivo de baixa por maternidade ao pouco de formar goberno, e acude a diario ao seu discreto despacho que comparte cos seus concelleiros socialistas de goberno: Ezequiel Fernández e Salvador Meira. Sobre a súa reelección como candidata para as vindeiras eleccións (faltan dous anos), non confirma nada porque dí que está centrada no seu traballo e en cumprir cos compromisos.

-- Fortaleceuse o PSOE coa coalición de goberno co BNG?

-A estas alturas é compricado valorar se imos a sair reforzados como partido ou non deste pacto de goberno. Iso o terán que valorar os veciños e veciñas nas próximas eleccións municipais. Cando acadamos o acordo de goberno simplemente nos importou que Moaña saíra fortalecida dun proxecto compartido entre duas forzas políticas distintas. Con cada paso que imos dando, con cada proxecto e con cada iniciativa que impulsamos, estamos contribuindo a deseñar o modelo de vila que queremos para a nosa veciñanza. O PSOE está sendo fiel aos compromisos adquiridos cos nosos veciños e veciñas durante a campaña electoral, respetando sempre o noso proxecto para Moaña. O PSOE está a demostrar que ten capacidade de xestión e de entendemento.Sinceramente, espero que ao final desta lexislatura a veciñanza entenda que este partido é unha peza clave para a gobernabilidade de Moaña e sigamos incrementando os nosos apoios.

--Cando haberá nova executiva local socialista? Non hai nin xestora en Moaña.

-Se dependera de min mañán mesmo, pero é outro órgano do partido o que ten que tomar unha decisión sobre este asunto. Como militante e como portavoz do grupo municipal só espero que esta situación se desatasque canto antes. Moaña necesita un PSOE forte no institucional e no orgánico.

- Sempre foi unah defensora de Pedro Sánchez. Por que?

-Principalmente porque demostrou que o seu compromiso co partido e cos nosos votantes estaba por riba de calquera interese de índole persoal. Detrás da súa xa coñecida frase do "No es no" a Mariano Rajoy, había un sí aos valores socialistas, un sí á coherencia, un sí a un novo proxecto, un sí á militancia... A suma de todas estas cuestións fixeron que unha militante coma min se unira a este proxecto e non dubidara en defendelo públicamente. Sempre tiven claro que nos cargos públicos todos estamos de paso. Hoxe estás aquí e mañan non, por iso é importante ser fiel aos nosos principios, e manter a coherencia entre o que se di e o que se fai, independentemente do lugar que ocupemos.

- Que balance realiza destos dous anos de goberno?

-Foron dous anos nos que se produciron cambios sustancias na forma de gobernar e na forma de participación da cidadanía na política. Conseguimos romper coa política de improvisación e non planificación do anterior goberno. O PSOE presentouse ás eleccións municipais do 2015 cun proxecto claro orientado hacia a mellora da calidade de vida da nosa veciñanza. Cada proxecto e cada iniciativa presentada, ten a seña de identidade do PSOE. Aínda temos dous anos por diante no que temos algunhas cousas por facer, asuntos que mellorar, erros que subsanar, pero, a estas alturas da lexislatura temos a satisfación de ter cumprido máis do 65% do noso programa electoral.

- Cal é o proxecto do PSOE?

-O proxecto do PSOE é o proxecto da veciñanza. Cabe recordar que o noso programa se elaborou escoitando aos colectivos e aos veciños e veciñas. Dentro do proxecto destacan a participación e a transparencia como piar fundamental. Impulsamos os Consellos Veciñais e os orzamentos participativos, ampliamos a oferta cultural achegándona a tódalas parroquias e diseñando novas iniciativas para tódolos públicos durante todo o ano, executamos obras que apostan pola inclusión, melloramos a accesibilidade nas instalacións públicas, renovamos a rede de alumeado priorizando a eficiencia enerxética, restauramos os centros socioculturais, apostamos polo emprendemento...

- Que posición ten o seu partido no conflito do astillero de Casqueiro, continuar o paseo marítimo de Seara, conservar integramente a carpintería?

-O PSOE ten a mesma posición que defendemos no pleno de 2014 e que se recolle no noso programa electoral. Apostamos pola defensa do noso Patrimonio etnográfico, pola reversión deses terreos para o Concello e por rematar o paseo cunha pasarela pilotada. Propusemos no último pleno que se abra unha mesa de diálogo para intercambiar ideas e para intentar acercar posicionamentos. Mentres Costas non descarte por escrito a pasarela pilotada, cuestión que este organismo xa ten autorizado noutros Concellos, o PSOE seguirá insistindo nesa posibilidade.O conflito non beneficia a ninguén. Quen pense que promovendo enfrentamentos entre a veciñanza vai obter un maior rédito político está moi equivocado.

- Haberá Área Metropolitana de Vigo?

-Polo ben dos veciños e veciñas espero que esta cuestión se resolva canto antes. Creo que a Xunta se equivocou ao paralizar a Área por unha cuestión de interpretación dun convenio bilateral con Vigo. Se o Concello de Vigo e a Xunta tiñan diverxencias sobre a interpretación do seu Convenio deberían telas resolto entre eles, sen inmiscuirnos e perxudicarnos ao resto de Concellos.

Compartir el artículo

stats