Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro escolar (V)

A EATP de Teatro do IES María Soliño participou nun intercambio en 1996 co Instituto Cervianum de Torelló e nunha Mostra de Vic

En 1990, con ocasión da asistencia ao V Festival de Teatre de l´Ensenyament Secundari Public de Catalunya, Antón Lamapereira coñeceu a Dolors Collell i Surinyach, por aquel entón profesora de Lingua Catalana no Instituto Cirvianum de Torelló e tamén actriz titulada polo Institut de Teatre. Desde había algúns anos Dolors dirixía o grupo de teatro do instituto que naquela altura participaba no Festival. Antón e Dolors nunca perderon o contacto e mesmo ela colaborou en algunha ocasión coa Revista Galega de Teatro.

Na preparación da programación da EATP de Teatro do IES María Soliño para o curso 1995-1996, que ía impartir eu, vimos a posibilidade de realizar un proxecto longamente acariciado por nós: o intercambio con outro centro no que se cursase tamén a materia de teatro. Antón Lamapereira suxeriu facelo co Instituto Cirvianum de Torelló para experimentar a enorme diferenza que daquela, e aínda hoxe, había no tratamento das actividades escénicas nos centros de ensino de Galiza e Cataluña, e púxose en contacto con Dolors Collell. Resultou que o taller de teatro do centro catalán ía participar nunha mostra que se celebraría en Vic no mes de abril e, tras consultar cos outros coordinadores, quedou combinado que nós participariamos como grupo convidado. Non sería, pois, o alumnado da EATP o que participaría no intercambio senón o alumnado da actividade extraescolar do instituto. A alteración era mínima, pois, coñecida a noticia do intercambio, foron maioría os que se apuntaron ao grupo.

Como o tema central da mostra daquel ano ía ser o mar, ocorréuseme retomar o espectáculo inaugural de Aurin que tiña a aquel como tema central. Foi así como o grupo afrontou a preparación dunha nova versión de "Dos Arquivos do Trasno". Todo se compuxo de novo pensando na viaxe que tiñamos que acometer. Para "O drama do cabalo de xadrez", por exemplo, construímos uns cabezudos que ocupaban moito espazo. Fixemos a viaxe en tren e non sei moi ben como fixemos para levar con nós todos os trebellos.

Non contamos cunha relación fidedigna de todas as alumnas e alumnos que participaron naquela experiencia pero, aínda a risco de engadir ou esquecer a alguén, pode que os seus nomes estean dentro desta lista: José Antepazo, Ana María Barreiro, Ramón Curra, Lucía Curra, Deborah Esser, Sandra Fernández, Yésica Ferrari, Ana Filgueira, Ana Isabel Martínez, Nieves Mera, Bibiana Miranda, Sara Parada, Silvia Paredes, Minia Pastoriza, Montse Pousada, Lourdes Pazó, Noa Pazos, Carolina Pérez, María Piñeiro, Sara Pousada, Inés Prieto, Tania Rial, Rebeca Rodas, Miriam Sánchez e Nuria Vilas.

Creo que desde o primeiro momento a experiencia levantou moitas ilusións. Acordamos que cada rapaz e cada rapaza sería o convidado na casa dun rapaz ou rapaza do grupo catalán de igual xeito que o serían eles cando viñesen a Cangas. Torelló é un concello do norte da provincia de Barcelona, a 19 quilómetros de Vic, que daquela tiña uns dez mil habitantes. A comarca de Osona é famosa polos seus embutidos e moitas empresas coñecidas teñen a súa sede na bisbarra. Interior e moi tranquila, a vila tiña un vivir moi diferente ao que as nosas alumnas e alumnos estaban afeitos en Cangas e iso sen falar da comida... Aquelas mozas e mozos de cabelos tinguidos de cores insólitas, piercings incipientes, chatolas e pinchos na roupa, deberon causar un gran abraio en Torelló e as súas historias sobre a movida e o ambiente da canguesa Avenida de Marín daquel tempo deberon deixar moi desacougadas a unha familias que sabían que os seus fillos tiñan que devolver a visita. Os nosos e as nosas eran, no entanto, os que máis se queixaban e houbo que empregarse a fondo para que asistisen ás aulas daquel "insti" tan serio e se adaptasen a aquela maneira de vivir e comer.

Torelló e Cangas eran moi diferentes, madia a leva! Torelló tiña poucos bares pero tiña un teatro con capacidade para máis de cincocentas persoas, rehabilitado en 1994 e gobernado por un Padroado municipal, cunha programación estable de teatro, danza e música profesionais e afeccionados. Cangas, con máis do dobre da poboación, habería esperar aínda ao novo século. Marín, Moaña, Bueu e Vilaboa seguen esperando e esperarán. En Torelló, como en moitas vilas e cidades de Cataluña e o Levante, son tradicionais as representacións de Nadal nas que intervén toda a xente da vila. Os papeis seculares de Xesús, Xosé, María, os Reis Magos, anxos, pastores... pasan de pais a fillos como se fosen un legado máis. O teatro Cirvianum é o seu teatro e nós tivemos a inmensa honra de representar nel o noso espectáculo, ante as familias, os amigos e moitos do compañeiros e compañeiras do instituto de Torelló. Representar en galego para tanta xente catalá foi unha experiencia marabillosa e non foi a única.

A reacción do noso alumnado polo uso xeneralizado do catalán entre a mocidade merece comentario aparte. Aquelas mozas e mozos galegos, educados en castelán nunha sociedade que xa entón estaba mudando de lingua, non podían entender como aqueles rapaces e rapazas falaban catalán entre eles e mudaban só ao castelán por cortesía cando se dirixían a eles. Como non entendían o que dicían os cataláns entre eles, as nosas e nosos primeiro deron en enfadarse e despois, por resentimento, a falar galego entre eles cando os cataláns estaban diante. Se cadra acabamos de descubrir un novo método de normalización lingüística!

Na nosa axenda estaba, como antes sinalamos, presentarnos na Mostra de Tallers de Secundària, que se celebraba en Vic e na que participaban os centros de bacharelato da Osona. Soubemos que se trataba dunha mostra anual, cun tema central (neste caso "O mar"), que se realizaba no Auditorio da Fundació La Caixa en Vic. Era a propia fundación a que, en colaboración co Institut de Teatre, proporcionaba monitores de teatro titulados do Institut aos distintos centros de ensino. Eran eles e elas os que coordinaban e preparaban todo o relacionado coa mostra. Despois de traballar durante todo o curso víanse en Vic, onde presentaban os seus espectáculos. Mortiños de medo e asoballados pola responsabilidade, representamos tamén en galego a nosa función que tivo unha boa acollida.

Na viaxe estaban tamén previstas outras actividades. Ademais da consabida visita a Barcelona, tivemos ocasión de asistir a unha mostra dos traballos que estaba realizando o alumnado que se preparaba para ingresar no Institut de Teatre. Puidemos comprobar de primeira man a esixencia á que se sometían aqueles aspirantes levados pola necesidade de superar unhas probas ás que se presentaban miles para moi poucas prazas. E soñamos co día en que o noso alumnado puidese presentarse ás probas de ingreso nunha institución de teatro galega. Lonxe, moi lonxe quedaba aínda a ESAD de Galicia.

O noso espectáculo volvería a ser representado á volta, cara á fin de curso, no desaparecido Cine Galaxias na Avenida de Ourense. Pero iso foi á volta, cando regresamos a Galicia coa convicción de que algo do que acababamos de vivir podería servirnos no futuro e de que, se nolo propoñiamos, se cadra nós tamén seriamos quen de ter unha mostra, seguramente non como a dos nosos parceiros de Torelló, senón a dos centros de ensino do Morrazo. Pero iso contarémolo a semana que vén.

Por certo, por máis que insistimos e por máis que Dolors Collell o intentou, non houbo maneira de que desen permiso aos integrantes do grupo de teatro do Instituto Cirvianum para viren a Cangas. Así foi como o intercambio non chegou a completarse.

| As persoas que desexen facer aportacións ou suxerencias a esta nova serie poden escribir ao correo cronicateatromorrazo@hotmail.com

---> continúa o vindeiro domingo

Compartir el artículo

stats