Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

A Taberna do Xefe, un lugar de encontro

O nome da taberna foi dado polos veciños para referirse o seu dono, Amador Núñez, xefe da Policía Local de Cangas

Colocando o bocoi na do Jefe.

Coñecido en Cangas como O Xefe, Amador tiña casa aberta no camiño polo que entraban en Cangas os veciños das parroquias de Darbo e do Hío que viñan á vila.

De preguntares en Cangas pola "Taberna Carmen" tal e como aparece no rexistro oficial seguro que ninguén che sabería dicir onde queda. Os veciños e os turistas de Cangas frecuentamos a Taberna do Xefe, no número oito na rúa Manuel Graña. Unha das cousas que máis chama a atención é o seu nome, dado polos veciños para referirse ao seu dono, Amador Núñez, o xefe da Policía Local de Cangas.

Amador nace en Sabaceda no concello de Moaña en 1916. Ten sete irmáns. Foi ao mar ata os dezaoito anos, e tivo que marchar á guerra con 20. No remate, volveu mutilado nunha man e obtivo un posto na policía local. Aos 22 anos traballa con outros compañeiros como Evangelio, Millán e Julio.

Amador casa na Magdalena no ano 1943 con Carmen Fernández Freijomil. Casualmente outros dous irmáns de Amador, un deles Pepe Macillos, van casar tamén con dúas das irmás de Carme. A parella viviu na rúa Real, fronte á igrexa, onde naceron dous dos tres fillos.

No ano 1947 vanse vivir á rúa Manuel Graña e abren a taberna. Amador seguía sendo municipal; pero Carme tamén quería traballar e de feito era ela a que, cociñaba e atendía aos clientes. En canto apareceu a figura laboral de autónoma, Carme rexistrouse como tal. Amador, ocupábase de ir buscar o viño aos diferentes colleiteiros no Rosal, no Ribeiro e en Verín.

O bar era tamén a vivenda propia, onde comía a familia e botaban algunha sesta, como recorda Pili, filla de Amador que leva na actualidade a taberna Daquela o negocio era familiar e a súa filla maior, Mucha, tamén botaba unha man e Tito acompañaba a Geniño a mazar o polbo.

Amador tiña un loro que xa falaba algunhas palabras, e outras era quen de repetilas. "Lorito" era outro membro da unidade familiar. Chamaba por Carme cando estaba no piso de arriba a facer as camas. Estamos a falar dun negocio de case "24 horas", xa que as veces os mariñeiros que chegaban de Ons a Cangas con larica chamaban á porta do bar ás tres da mañá para que lles fixera unha caldeirada e Pili lembra como os nenos que viñan cos seus pais, quedaban durmidos na mesa. E cando o seu fillo Tito e máis Chani chegaban de noite, ao sentir xente andar na pechadura, o loro alertaba ao amo e empezaba a chamar: Xefe, Xefe!!!

En moitas ocasións Amador era requirido como "mediador". A xente adoitaba pedirlle consello sobre problemas burocráticos (arranxo de pensións, postos do aterrado, etc) ou incluso sentimentais.

No calendario festivo o bar celebraba o día de San Xosé, no que lle cantaban ás Pepitas e San Manuel. Asemade a Taberna era o lugar escollido para facer as "partillas", cando os mariñeiros repartían os cartos da pesca comendo unha caldeirada.

Xubilado

Os tempos avanzaban, e con Amador xubilado da Policía Municipal e Carme facéndose maior, no ano 1981 Pili e Pepe colleron o relevo xeracional da Taberna. El andaba no mar pero ela convenceuno para que quedara en terra, e ata hoxe.

Decidiron facer reformas e ampliar o bar. Carme ensinoulle a Pili a cociñar todas as "delicatesen" mariñeiras tradicionais que podemos degustar: ovas de pescada, polbo, luras, raia, zapata, mexillóns en escabeche, ... Mención aparte merecen as empanadillas que Carme e Pili facían os sábados e domingos, cun rustido incrible, e unha masa caseira deliciosa, recheas de polbo, bacallau, zorza, mexilóns? Vendíanas no bar ou por encargos. E Amador ensinoulle a Pepe onde mercar os viños continuando cos seus colleiteiros de sempre.

Pepe e Pili aínda lembran as primeiras vacacións, deixando o bar ao coidado de Amador e Carme, catro días no verano do 81. Tamén comezaron a cerrar para comer, e déronlle outro piso a casa. Instauraron novos costumes: no Entroido a comparsa Os de Sempre entraba a cantar as súas coplas no bar e Pili repartía filloas e chulas, e seguían co costume de celebrar as Pepitas e, como son moi amantes de Portugal, sempre celebran o 25 de abril, con música, viño e comida portuguesa (insuperables as pataniscas!).

Amador faleceu no ano 1999, pero Carme, aínda que xa non cociña, segue baixando ao bar pola escaleira interior de caracol ata hoxe.

Ademais dos clientes habituais e dos veciños da zona, na taberna do Xefe é frecuente atopar turistas exploradores das rúas antigas da vila e algún visitante senlleiro como a nai da Praza de Maio, Hebe de Bonafini os compoñentes do grupo cubano Van Van, o Premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, así como cantautores coma Uxía Senlle, Luís Pastor; sindicalistas como Diego Cañamero; artistas como Wili Toledo, Casilda Alfaro ou Mónica Camaño e outras moitas persoas que buscan lugares auténticos como este espazo emblemático de Cangas, a taberna do Xefe. Por sempre, xamais.

(*) Membros da Cepa

Compartir el artículo

stats