Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ritmo para combater o absurdo

O brillante sentido do humor da peza consegue manter o interese do público

Representación de "Encore un heure si courte" en Cangas. // G.N.

Falamos da existencia: de explorar un mundo case sempre hostil, dos imprevistos que nos obrigan a cambiar de hábitos, de encontrarse e desencontrarse co próximo. Encore une heure si courte amosa o estraño que é o cotián, do insólita que semella a realidade cando nos paramos a pensar sobre a nosa forma de comportarnos nela. Hai unha certa atmosfera beckettiana pasada pola peneira do humor de Tati: o ser humano enfrontado a un mundo que non entende e no que, non obstante, debe sobrevivir. Como se fose tan fácil.

Théâtre du Mouvement opera dentro dunha tradición moi francesa que comeza, a grandes trazos, con Dadá e o Surrealismo e que atravesa o século XX ata chegar ao Situacionismo, pasando pola poesía fonética, pola música concreta ou polos mencionados Beckett e Tati: trátase de empregar un humor entre onírico e ridículo que pon de manifesto o absurdo da existencia. A ese legado histórico, a compañía engádelle a xestualidade e o teatro físico para crear un espectáculo que xoga cos equilibrios, as caídas, as tentativas de recomposición do conxunto: unha metáfora da vida.

A pegada do circo e do cine mudo reforzan a idea de desviación da realidade ordinaria, aínda que a perplexidade dos personaxes é perfectamente recoñecible por cada un dos que contemplamos o seu desconcerto ante a dificultade de vivir. A obra desenvolve o seu discurso nesa oscilación entre o familiar e o descoñecido, invitándonos a ver o que ocorre cando saímos do noso particular caixón -no que tampouco estamos particularmente cómodos- e nos vemos obrigados a transitar polo exterior.

Resulta especialmente axeitada a partitura de Georges Aperghis, intensificando eses momentos de estrañeza procedentes do entorno: a continua sensación de perigo, a curiosidade desatada por un movemento fortuíto. Como se o ritmo -a rutina- fose o único que nos proporciona algo de tranquilidade e a súa ruptura un accidente que debemos superar con urxencia.

En ocasións, ese deambular polo descoñecido cae na vaguidade e o espectáculo decae, por falta de ritmo ou por indefinición. Noutras, recoñecemos gags moi manidos -a chaqueta compartida por dous personaxes- ou algúns apuntes que non acaban de desenvolverse de todo. Iso alonga a peza máis do estritamente necesario. Pero, en xeral, a destacada técnica dos intérpretes, a mestura de poesía corporal e acrobacia e o brillante sentido do humor da peza consegue manter o interese do público. Un público que en Cangas, aplaudiu xenerosamente a proposta.

(*) Crítico teatral e vicedirector de erregueté

Compartir el artículo

stats