Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A fraxilidade da beleza

"La extinta poética" retrata unha familia vítima do baleiro vital e do arsenal químico

Un momento da representación de "La extinta poética" no auditorio de Cangas. // Gonzalo Núñez

Curar o malestar social a base de fármacos; acougar as inquietudes existenciais a base de tratamentos químicos; substituír a busca dun sentido da vida pola anestesia que proporcionan as drogas máis ou menos legais. Semella que a farmacia é a única resposta que lle dá esta sociedade ao que antes chamabamos procura espiritual. Que o que antigamente identificabamos co propiamente humano só se pode alcanzar na actualidade por mediación de ansiolíticos, somníferos, antidepresivos e todo o catálogo de remedios que trata de convencernos de que a existencia é unha enfermidade.

La extinta poética retrata unha familia vítima do baleiro vital e do arsenal químico co que cren que poden superar o deserto emocional de que son vítimas. Pero a farmacopea, por suposto, só consegue profundar na súa caída no abismo da futilidade e colocalos ao bordo da idiotez absoluta. A constatación de que a sociedade do consumo e do espectáculo se alimenta destas existencias desafiuzadas e condenadas á infelicidade amósase a través dunha revisión do grotesco que provoca tanta risa como medo: o esperpento exhibe a ridiculez extravagante e a abxección moral en igual medida.

E mais hai tamén unha esperanza que se revela case máis tráxica: a única personaxe que se libera do seu destino é unha deficiente tetrapléxica que escapa da súa condición miserable a través da creación. É Ofelia, pero non a de Shakespeare, senón a de Heiner Müller, a que "arranca as portas para que entre o vento e o grito do mundo". Esa apelación ao que podería ser a "alma bela" de Goethe fálanos do consolo da beleza, pero non da resolución dos conflitos. Abonda con transcender simbolicamente tanta sordidez?

Nueve de nueve compón este retrato de familia cunha mestura de patetismo beckettiano, ironía de sainete e crueldade expresionista. Que o autor e o director do texto sexan os artífices da compañía La Zaranda imprímelle un carimbo recoñecible ao espectáculo: un palimpsesto onde conviven as citas visuais a Magritte co recurso á música de Sibelius para construír unha atmosfera onírica que, non obstante, non nos permite en ningún momento obviar a realidade da que parte. Unha realidade dolorosamente próxima cuxa ferocidade non impide que aflore a delicadeza no retrato desa fráxil beleza que insiste en permanecer oculta, esperando unha Ofelia que a rescate da escuridade.

(*) Crítico teatral e subdirector de erregueté (Revista Galega de Teatro)

Compartir el artículo

stats