Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Félix Juncal: "Mentras sexa alcalde a consecución dunha piscina para Bueu será unha prioridade"

"Manteño intacta a ilusión e ambición de seguir transformando Bueu", di o rexedor

Félix Juncal, esta semana, no entorno da Praza Massó. // G.Núñez

FARO conclúe hoxe co alcalde de Bueu, Félix Juncal, a serie de entrevistas cos rexedores municipais xusto cando se cumpre o ecuador do actual mandato municipal. Juncal acaba de cumprir apenas hai uns días 49 anos de idade e afronta a recta final do seu terceiro mandato consecutivo con maioría absoluta. Nesta entrevista fai balance destes primeiros dous anos e entre liñas deixa caer que parece disposto a encabezar de novo a candidatura do BNG no ano 2019. Aínda quedan dous anos por diante.

-Chegados á metade deste terceiro mandato consecutivo, que balance fai destes dous anos?

-A verdade é que moi positivo. A evolución continua destes anos constata que hai unha estabilidade a nivel político, o cal nos permite tomar decisións para resolver situacións que non son sinxelas. Iso tamén se reflicte a nivel económico, cunha solvencia e equilibrio a nivel financeiro que cada ano mellora. As políticas expansivas non cesan e nos permiten afrontar proxectos ambiciosos e soñados por unha parte importante da poboación. Estamos a poucos días de empezar a rehabilitación do asteleiro de Banda do Río, estamos inmersos na rexeneración de Ermelo... Seguiremos apostando por proxectos que nos sigan ilusionando e que nos fagan sentir orgullosos como pobo porque ao final nos fan gañar en calidade de vida e benestar.

-Desta vez parece que si se vai poder cumprir un dos compromisos reiterados en cada mandato: a aprobación do PXOM.

-É un dos temas importantes aos que me teño que referir ao facer o balance destes dous anos. Imos ter un novo planeamento urbanístico que vai consolidar ese modelo de cidade e concello que queremos, baseado nun urbanismo harmónico. A acción urbanizadora debe coexistir e respectar o entorno e os recursos naturais. O PXOM vai ser a ferramenta que nos debe permitir esa transformación como concello cara un modelo máis integrador.

-Aínda así o nivel de consenso que había no anterior mandato ao redor deste asunto rachouse neste co voto en contra do PSOE e o plante do PP o ano pasado.

-Con diferencia creo que é o mellor PXOM dos posibles. Loxicamente a oposición ten que buscar algún elemento de crítica, pero tamén os grupos políticos son sabedores das restricións impsotas pola lexislación vixente. O goberno optou por esgotar ao máximo a edificabilidade posible, unha edificabilidade que é inferior a de hai uns anos. Eu polo menos non entendería ese descoñecemento por parte da oposición cando a maioría da veciñanza é consciente disto. Por iso contextualizo algunhas das críticas dentro da dialéctica política. Iso si, os que votaron en contra terán no futuro esa decisión no seu debe político. Non fai tanto tempo ese mesmo grupo, cando era dirixido por outras persoas, non só votou a favor senón que aplaudiu a actitude transparente deste goberno. Tampouco se entende como o principal partido da oposición, que debe explicar o seu voto e argumentos á veciñanza, se limitase a unha abstención sen dicir unha sola palabra. Creo que é un acto de cobardía política. Este PXOM vainos permitir afrontar algunhas actuacións importantes para o futuro de Bueu e desatascar algúns problemas graves que non hai tanto tempo foron obxecto de polémica e crítica pública. E non quero ser máis explícito ao respecto.

-Non fai falla. Entendo que se refire á problemática do edificio Pintos. Foi un asunto moi presente no inicio deste mandato e vostede mesmo chegou a dicir que foron os seus peores momentos como alcalde da vila.

-Afortunadamente xa non estamos na tensión daqueles momentos. O Concello e eu mesmo como alcalde estivemos no centro dunha situación tremendamente complicada. Creo que a actitude do Concello foi exemplar e rigorosa. Tivemos que soportar por parte da oposición a instrumentalización dun asunto tan doloroso e se nos responsabilizou por non ter aprobado un PXOM. Curiosamente, cando chega o momento de que os grupos que nos criticaban se pronuncien quedan retratados nos plenos celebrados desde entonces.

-Falaba antes da necesidade de seguir con proxectos que fagan que Bueu se sinta ogulloso como pobo. Desde hai anos unha das promesas máis repetidas é da piscina municipal nas Lagoas. Cre que poderá chegar a ver esta dotación...ou a inaugurala cun chapuzón?

-[Sorrí] Ese é meu desexo e compromiso como alcalde de Bueu. Hai quen pode pensar que durante algún tempo foi un asunto que estivo esquecido, pero non nos olvidamos deste proxecto ni un só día. O noso deber é adaptarnos á situación de cada momento e tomar as decisións axeitadas. Houbo unha oportunidade histórica en 2009, que se frenou de repente co cambio de goberno na Xunta e coa crise económica. Nestes anos tentamos en numerosas ocasións retomar aquel convenio e que a Xunta aportase financiamento, ao igual que fixo noutros concellos. Nos últimos meses estanse a levar xestións moi intensas para poder construír esa piscina e unha desas decisións é a adxudicación do estudo de viabilidade.

-De verdade cre que Bueu necesita unha piscina? Non existe suficiente oferta con todas as que hai nos municipios limítrofes?

-Sei que hai persoas que se preguntan iso, de igual modo que hai moitos anos había xente que dicía que Bueu non precisaba un instituto de bacharelato ou aumentar a súa oferta educativa. Unha piscina municipal non é un luxo, é unha necesidade. É unha dotación que non ten somentes un uso deportivo, senón tamén terapéutico e os veciños non teñen porque desprazarse a outros concellos. Mentras siga sendo alcalde de Bueu a piscina será un obxectivo prioritario.

-E a financiación? Xunta e Deputación por agora aínda non se comprometeron.

-O estudo de viabilidade debe estar listo a finais do verán e entre outubro e decembro debemos tomar decisións. Non sería entendible que non apoiasen esta infraestrutura municipal. Pero de non ser así, o Concello valoraría unha concesión de obra pública. É algo co cal xa temos experiencia grazas ao tanatorio, que é o único público de toda a comarca.

-Ao longo da última década o BNG logrou consolidar unha maioría absoluta que antes parecería impensable. Optará de novo Félix Juncal á Alcaldía en 2019?

-Todo ao seu tempo. O que podo dicir é que me sinto con moita fortaleza interna e enerxía. E manteño intactas a ilusión e a ambición colectiva de seguir traballando, mellorando e transformando Bueu. Mentras sexa alcalde procurarei estar sempre a altura do cargo que ostento e para o cal a cidadanía me elexiu. Dende o punto de vista persoal e con independencia de outras consideracións eu non percibo un desgaste a nivel persoal.

-Pero cando remate o mandato van ser 12 anos no goberno. Despois de tanto tempo cre que pode existir un desgaste a nivel popular e na rúa?

-Digo isto con enorme satisfacción: o pobo de Bueu cambiou, xa non é o mesmo que hai unha década. Xa non é pobo resignado e cunha autoestima colectiva baixa, que no pasado tiña que saír a rúa lograr dotacións como o instituto ou un pavillón. Nestes anos a veciñanza foi crecendo e transformándose: agora é máis esixente e dalgunha maneira máis intransixente. Parece que o Concello é capaz de todo é non é así. Sempre vai haber un vial por reparar, algo que arranxar... Eu sigo percibindo as mesmas sensacións que nestes anos: é certo que hai cousas que non facemos como a min me gustaría pero seguimos traballando para mellorar. E calquera persoa e colectivo saben que van ser escoitados e atendidos.

Compartir el artículo

stats