Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Concha Castroviejo, muller, escritora e libre

Sufriu o exilio e ao seu regreso foi capaz de saír adiante no mundo do xornalismo, da literatura e da crítica

A súa infancia e xuventude discorren entre Compostela, Vedra, Cangas (A Retirosa) e no internado do colexio dos Praceres, en Marín.

Realiza os estudos regrados de bacharelato para acceder á universidade e intégrase nos círculos republicanos onde entra en contacto con Paco Comesaña, Borobó e Joaquín Seijo Alonso, con quen ía casar o 25 de xullo de 1936. Pero o golpe de estado militar e a Guerra, cámbiao todo. Testifica a favor de Comesaña no xuízo sumarísimo que seguen contra el en Compostela o 23 de decembro de 1936, acusado de comunista e alterador de masas. Isto colócaa nunha posición difícil e busca como saír daquela "cidade cunha sociedade pechada, carca, clerical e murmuradora".

Aproveita unha viaxe do industrial Gaspar Massó, a comezos de 1937, e marcha para Bordeos. Logo reúnese con Seijo en Valencia, onde casan. Posteriormente, el combate na fronte do Ebro e ela reside en Barcelona até o terrible éxodo no 1939 á fronteira francesa.

Consegue chegar a Bordeos e embarca no vapor "Normandía" para México, vía Nova York. Van ser dez anos moi difíciles. Traballa en Campeche, Tijuana e, sobre todo, en México D.F.

No ano 1949 chega ao porto da Coruña coa súa filla María Antonia Seijo, de 8 anos. De 1951 a 1953 traballa en "La Noche", o diario vespertino de Santiago. Ao tempo fai os cursos para a obtención do carné de xornalista que convoca en Madrid a Escola Oficial de Periodismo.

Xa co título marcha para Madrid e traballa no diario Informaciones como columnista e dirixe o suplemento infantil. Escribe en varias revistas sendo das poucas mulleres que realizan a crítica de obras literarias, eruditas, históricas, ensaios... e contribúe ao boom da literatura hispanoamericana.

É a única muller que neses anos forma parte do xurado dos prestixiosos Premios da Crítica. Membro da Asociación Internacional de Críticos Literarios. Traballou nos últimos anos na axencia Efe.

Concha Castroviejo escribe varias novelas. En "Los que se fueron" narra a peripecia do éxodo republicano e o exilio en México. Presenta a novela ao Premio Nadal e ao Premio Planeta, editorial que a publica en 1957.

"Víspera del odio" é outra novela dura, forte, onde conta o odio dunha muller afogada na invivible vida dun matrimonio non querido No libro "El jardín de las siete puertas", publicado na colección La Ballena Alegre, reúne unha presa de contos e lendas e unha obra de teatro que a revelan como unha excelente autora de literatura infantil.

"Los días de Lina" é un relato do retorno a ese paraíso perdido que é a infancia, da beleza e do discorrer plácido dos días sen responsabilidades. E unha obra inédita dos seus últimos anos, "En las praderas del Gran Manitú", achega memorias dunha infancia en Compostela e reflexións sobre os animais e o ser humano.

Tras dez anos de enfermidade que a arredan da vida pública en 1995 morre en Madrid, rodeada da sua familia.

É ben considerar a Concha Castroviejo na súa posición fronteiriza: rompe "as regras" que se supón que debe cumprir "unha señorita" compostelá do seu tempo. Violenta as conviccións políticas e relixiosas da súa familia. Decide sobre a súa vida con resolución e valentía. Sae adiante no exilio traballando no que pode, retorna cunha filla pequena e consegue abrirse paso en terreos onde as mulleres son excepción: o xornalismo, a crítica e a literatura.

Ocúpase de Galicia e do galego aínda que non escribe en galego. A súa produción recolleuse nas páxinas de La Voz de Galicia e da revista Grial. Difundiu obras de autores galegos como Curros, Pardo Bazán, Alonso del Real, Castelao, Emilio González López, Ernesto Guerra da Cal ou Carlos Martínez Barbeito; pero tamén se ocupou de Vargas Llosa ou da española Ana María Matute.

Presta atención aos traballos de plumas femininas e divúlgaos no seu labor de crítica cando isto apenas era tido en conta. Concha Castroviejo foi unha muller de coraxe que sempre evidenciou un espírito moi libre e que deixa unha obra de mérito na crítica e na creación literaria.

*Secretario de A Cepa e familiar de Concha Castroviejo

Compartir el artículo

stats