Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro escolar (II)

O Teatro Estable do I.B. María Soliño supón unha experiencia "singular" no eido do teatro nos centros educativos

Unha representación de Teatro Estable, "A Branca Rosa", con Montse Malvido como o Pirata Negro Esomesmo. // Arquivo Carlos del Valle

Comentabamos na entrega anterior que o Teatro Estable do IB María Soliño deixaba de funcionar despois da función de "A Branca-Rosa sirea do azul-mar" na Escola Universitaria de EXB de A Coruña o 24 de agosto de 1987. O grupo, impulsado por Sito Parada e Carlos del Valle durante o curso 1983-1984, chegou a realizar neste tempo tres espectáculos: "Momo" de Michel Ende , "A Branca-Rosa..." de Damiá Barbany e Santiago Sans, ámbolos dous dirixidos por Sito e "Parecedes de primeiro", creación colectiva con dirección de Chis Oliveira.

Carlos del Valle propuxo levar adiante unha nova montaxe -nesta ocasión de títeres- baseada no texto de Michel Ende "Jim Boton y Lucas el maquinista", publicado pola editorial Noguer e do que xa se fixera algunha versión para teatro, pero non foi adiante a iniciativa.

Desde o meu punto de vista O Teatro Estable do I.B. María Soliño foi unha experiencia singular dentro do ámbito do teatro escolar. A esixencia de calidade e rigor na interpretación, e mesmo na concepción da escenografía e da posta en escena en xeral, que se lle pedía ao alumnado de bacharelato ten un gran valor educativo, mais coido eu mantendo sempre clara a fronteira da non profesionalidade. Unha fronteira que quizais quedou escurecida na dinámica seguida polo grupo estable no seu calendario de ensaios, na distribucións das montaxes e mesmo na constitución do propio grupo integrado -sobre todo en "A Branca-Rosa"- por algunhas persoas alleas ao centro de ensino.

Tamén é educativo que unha/un adolescente que fai teatro vexa o seu esforzo compensado podendo ofrecer o resultado do seu traballo sobre un escenario o maior número de veces posibles. E recibir o aplauso. Mais, a que ritmo de bolos?

Houbo, se cadra, unha transferencia ao grupo das inquedanzas e desexos do seu director por devir un actor e director de escena profesional?

Entendo que algo de todo isto debeu acontecer cando Sito Parada manifestou que para o curso 1987-1988 habería unha renovación case total do colectivo formulando a conveniencia de afondar máis a nivel educativo e dándolle ademais un ritmo máis pausado ao grupo de teatro. E polo demais Sito Parada actuará xa en 1988 en Teatro de Ningures como actor profesional no papel de Ubú, fundará en 1989 a Compañía Teatro do Morcego e no ano 1991 deixará o ensino para dedicarse profesionalmente en exclusiva ao teatro e a televisión.

Calquera que sexa a resposta aos interrogantes abertos, o que está moi claro son os resultados: a calidade artística dos espectáculos de "Momo" e "A Branca-Rosa sirea do azul-mar", o esforzo e adicación do alumnado, o apoio da dirección do I.B. María Soliño e da APA neste proceso, a boa acollida do público e, o que é moi importante, o grato recordo que gardan as alumnas e alumnos que participaron na experiencia.

Rematada a estabilidade do grupo coa súa desaparición, pechouse a conta bancaria e o seu saldo foi a engrosar o presuposto da biblioteca do instituto. E todo o material adquirido ao longo deses tres anos quedou para fornecer novos proxectos relacionados coas artes escénicas no I.B. María Soliño.

Compartir el artículo

stats