Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Suso Pérez Gallego: "Estamos de paso na política e queremos cambiar as cousas"

"Quero darlle continuidade ao gran traballo de Eva Rodríguez", edil á que sustitúe

Suso Pérez Gallego, onte, fronte ao mar de Cangas, no que traballa como navalleiro. // G.N.

Un día despois de facerse público que sustituirá a Eva Rodríguez Calvar como edil de Asemblea pola Unidade (ASpUN) en Cangas e que se encargará da mesma área municipal, Suso Pérez Gallego (Darbo, 1973), navalleiro de profesión, xa andaba onte polo Concello para "poñerse ao día" nas súas inmediatas obrigas institucionais.

-Como afronta este paso cara adiante na implicación política, na que non ten experiencia?

-Con ilusión e gañas de traballar, de darlle continuidade ao gran labor que fixo a miña compañeira Eva, que realmente foi moi bo nunha concellería [Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo] que é importante para nós polo traballo coa xente e cos colectivos sociais, cos que hai que contar. Claro que non teño experiencia no cargo institucional e debo poñerme ao día, familiarizarme co Concello, pero en ASpUN traballamos en equipo e iso axuda na xestión.

-Sorprende que vostede foi de número 8 na candidatura de ASpUN ás municipais e as persoas que o precedían na lista renunciaron a entrar como concelleiras...

-... Hai que entender que tivemos que conformar a lista en moi pouco tempo, que quixemos respetar a paridade entre homes e mulleres e que as circunstancias persoais e laborais de cada un poden cambiar en dous anos, como é o caso. Daquela eu tampouco sabía o tempo que tería dispoñible e non me podía comprometer. Ademais, non lle damos tanta importancia ao posto porque nós estamos de paso na política e o que queremos é traballar para cambiar as cousas.

-Vive en Soutomaior e traballa como navalleiro na confraría de Cangas. Quedaralle tempo para atender o seu labor no Concello?

-Xa digo que teño uns horarios de traballo que me deixan tempo e posibilidade de xestionalo para adicarlle parte del á política. Se dou este paso é porque o considero compatible.

-O seu grupo, ASpUN, ao igual que os outros socios do goberno, ten unha adicación exclusiva que xa percibiron Tomás Hermelo, Eva Rodríguez e, agora, Ánxela Vizoso. Será vostede o próximo?

-Iso é o de menos e non nos parece que sexa un debate para abrir agora. Falta un ano para decidir e basta con debatilo un mes antes. Desde logo que esa cuestión non xenera ningún problema interno.

-Como van os trámites para formalizar a súa toma de posesión?

-É unha cuestión administrativa e non depende só de nós, pero tentamos axilizalos ao máximo para telo listo en xullo e non estar ningún pleno sen un concelleiro.

Compartir el artículo

stats