A entrega dos Premios Johán Carballeira de xornalismo e poesía supoñen o broche aos actos no mes das Letras Galegas en Bueu. Cada un dos certames tivo onte a súa propia cerimonia de entrega para resaltar e poñer en valor o traballo das respectivas gañadoras. Gañadoras porque este ano os premios teñen un marcado carácter feminino: María Obelleiro e Montse Dopico son as gañadoras da sección de xornalismo, que por primeira vez entrega o galardón ex aequo, e María Reimóndez no caso do premio de poesía, que este ano chegaba a súa vixésima edición.

O feminino e o feminismo protagonizaron en gran medida a entrega dos premios de xornalismo. Dende o Concello de Bueu aproveitaron a ocasión para invitara editora Llerena Perozo, que nunha primeira parte do acto fixo unha clara e didáctica exposición do papel da muller nos medios de comunicación: tanto dende a perspectiva da súa representación dentro das empresas xornalísticas, aínda en clara situación de infrarrepresentación, como dende a óptica do tratamento informativo a temas como a violencia machista ou aos clichés sexistas. Ao termo da súa exposición abriuse un turno de debate no que participaron as dúas gañadoras deste ano, María Obelleiro (Sermos Galiza) e Montse Dopico (Praza), que tamén falaron dende a súa experiencia e respostaron ás preguntas do público.

Os encargados de facer a entrega dos premios foron o presidente da Asociación Amigos de Johán Carballeira, Manuel Antón Mosteiro, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal. Mosteiro, que tamén foi o presidente do tribunal que valorou os traballos de xornalismo deste ano tiñan un elevado nivel de calidade e por iso de xeito "extraordinario" optouse por dar o premio a dous traballos que "se saen dos canones preestablecidos": un sobre o "apartheid" sanitario, dando voz aos que normalmente non aparecen nos medios, e outro sobre dúas visións enfrontadas sobre a traxectoria da editorial Galaxia.

Pola tarde a cerimonia trasladouse ao Centro Social do Mar, onde coa colaboración da Asociación Ricardo Gómez Buceta organizouse o VI Festival de Poesía Johán Carballeira, que contou coa presenza dos poetas Daniel Costas, Xosé María Álvarez Caccamo e Pura Tejelo, que foi a gañadora do ano pasado. Este ano o galardón foi para María Reimóndez, tamén presente no acto de onte, que xa conta con varios premios, pero todos dentro do eido da narrativa e este Johán Carballeira é o primeiro que recoñece a súa faceta poética.

A entrega contou tamén cun apartado musical grazas ao cuarteto de corda Staccato da Banda de Música artística de Bueu.