Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña1975-1985 (V)

Aurin pon en escena "O triángulo ateo" e "Pequena farsa dos amores desencontrados", de Jenaro Marinhas del Valle

O teatro en Moaña1975-1985 (V)

Antes, en febreiro de 1984, presentamos o que sería o primeiro espectáculo de rúa de Aurin: "Troup de titiriteiros Aurin," unha función de circo-farsa ou falso circo no que se homenaxeaban aqueles grupos de titiriteiros que percorrían as vilas e aldeas de Galicia até ben entrados os anos sesenta. Así Balbino Costa, Bel Iglesias, Belén Santomé, Chui Blanco, Chus Romero, Coral Ríos, Gladys Santomé, Gloria Suárez, José Carrera, María Salgueiro, Pablo Bermúdez, Patricia Moreira, Pedro P. Riobó, Ricardo Soaxe, Salva del Río, Urano Riobó e Violeta realizaban números característicos dese mundo en clave de farsa acompañados polo máis louco dos percusionistas: a muller máis forte do mundo que dun soprido podía tombar ao resto do integrantes da troup, o domador de canguros diminutos que os facía saltar da súa caixa a unha bolsa situada a máis de quince metros, a funambulista italiana da corda frouxísima que executaba o seu número á extraordinaria altura de dous centímetros do chan, a fantástica patinadora tola, o home bala capaz de propulsarse á velocidade do son tatexo, atravesar un arco sólido de papel e aterrar nunha manta rachada, as pallasas trouleiras que facían rir até a máis seria das ostras, o incríbel malabarista que manexaba cunha soltura inimaxinable dúas e mesmo tres bolas dunha vez, o grupo de saltimbanquis chineses dunha parroquia de Moaña e, como número final, a torre humana, realizada pola troup completa nun exercicio perigosísimo a catro patas.

Primeira vez na rúa

"No Entroido 84 perdemos o medo e saímos á rúa por primeira vez. O fin desta iniciativa non foi unicamente festivo senón que baixar da escena para encararnos coa xente significou para nós unha nova experiencia", escribiu Gladys Santomé no Comentario do espectáculo. E vaia se saímos! Durante aquel entroido fixemos actuacións no Colexio de Reibón, no Concurso de Disfraces organizado no Cine Prado de Moaña pola Agrupación Nós, polas rúas de Moaña o martes de entroido, no Colexio de Quintela, no Colexio de Abelendo e finalmente no Enterro da Sardiña de Moaña.

Tanto en "O triángulo ateo" como na "Pequena farsa dos amores desencontrados" Marinhas trata o tema do poder ou, mellor, do abuso do poder. "O triángulo ateo" ten como punto de partida unha clase de xeometría na que o alumno queda durmido e soña cunha escena de casino no que tres homes de pro, que se corresponden cos triángulos isósceles (que representa ao poder político e relixioso), equilátero (que representa ao poder económico) e rectángulo (que representa ao poder militar), reproban a actitude e as ideas do profesor Escaleno, librepensador que nega a existencia do punto, o principio de toda a xeometría.

Para representar a transición que leva do encerado no que están debuxados os triángulos até a escena do casino, deseñamos unha coreografía de cintas elásticas brancas sobre fondo negro, que manexadas por catro grupos de tres actrices completamente de negro evolucionaban até se converter nos catro triángulos.

A través desas formas entraban en escena os actores que encarnaban os triángulos: Antonio Pena, Pablo Bermúdez, Urano Riobó e Salvador del Río. O traballo actoral non era doado, a recreación dos personaxes demandaba afastarse da interpretación realista. Os actores, todos moi novos tiveron que realizar un grande esforzo para sacar partido dos seus personaxes, estereotipos apenas. No Comentario do espectáculo sinalaba Salvador del Río:

"(...) cumpría enfrontarse cunha obra na que os personaxes estivesen moi ben definidos e claramente diferenciados, no que cada un de nós interpretase personaxes antagónicos, sobre todo á hora de estudar as nosas posibilidades e os nosos límites como actores. (...) O espectáculo cumpriu fielmente con este obxectivo e contribuíu, xunto coas outras montaxes, a darnos unha formación actoral mínima imprescindible para calquera grupo amador de teatro".

Como era habitual nos grupos afeccionados daquela altura as maiores dificultades foron causadas pola falta de medios técnicos: sen unha mínima caixa negra e iluminación de teatro negro, a coreografía dos triángulos móbiles non lograba o efecto buscado. Aínda así creo que demos cunha narrativa dramática eficaz para resolver o problema da transición realidade-soño que a obra propón. Sabemos que o grupo de teatro da Asociación de Mulleres de Moaña prepara para xuño este texto dentro do seu novo espectáculo que dirixe Antía Costas e esperámolo coa ansia do reencontro.

Rebelión contra o apuntador

Na "Pequena farsa dos amores desencontrados", no entanto, os problemas non eran de índole técnica. A trama desenvólvese durante un primeiro ensaio dunha obra de teatro e nós decidimos representala sen especiais efectos de luz nin de son e cunha escenografía de obxectos teatrais pendentes de montar. Trátase dunha comedia con trazos de humor macabro no que unha serie de actores e actrices se rebelan contra a ditadura do apuntador (unha especie de director de escena), negándose a facer os papeis para os que están destinados:

"MOZA 1: Pero eu non quero ser namorada do carpinteiro... Fan tanto estronicio coas serras e os martelos... Ai!, viraríame a cabeza tola. Eu quero namorar cun mariñeiro..."

A raíz de que a rebelión se xeneraliza a toda a compañía, o Apuntador decide reprimir con violencia o motín. Toda a acción se converte entón nun ir e vir, con gags absurdos que parodian a tiranía e a desmesurada reacción contra aqueles que simplemente non queren vivir a vida que lles foi asignada.

Salvador del Río, por primeira vez, dirixiu a posta en escena na que interviron como actores e actrices os mesmos que no "Triángulo Ateo "e Pedro P. Riobó a quen, como non, lle tocou facer de Apuntador. María Salgueiro sinalaba no Comentario do espectáculo:

"A obra gustou moito e o público, en xeral, respondeu ben." (...) "Unha das anécdotas dos ensaios pasounos a Antonio (Pena) e a min cando intentabamos levar a cabo unha escena romántico-cómica que non dabamos feita por non conseguir sobrepornos ao pudor e ao riso que nos invadía só con ollarnos".

Sesión dobre de estrea

A estrea das dúas pezas tivo lugar o 17 de maio de 1984 en sesión dobre: a primeira de mañá no Cine Mariño de Ponteareas para o Instituto de Bacharelato da vila e a segunda na tarde do mesmo día no Cine Prado de Moaña organizada pola A.C. Nós. Nunca tal fixeramos e foi entón cando nos decatamos do tremendamente esgotador para os profesionais que debía ser facer dúas funcións diarias.

O espectáculo dobre aínda tivo unha terceira función que merece ser contada. Foi n'As Neves. para a Asociación de Veciños. Chamárannos e alí acudimos o 15 de agosto. Cal foi o noso abraio ao comprobar que o lugar da representación era unha discoteca, cun palco de apenas 4 metros, con dous niveis e cos espectadores sentados ás mesas, tomando copas e nenos e nenas correndo por todo o local. A función foi un desastre e acordamos non facela máis e tornar ao noso espectáculo inicial. "Dos Arquivos do Trasno" tivo unha nova vida na que debutaron Tete Salgueiro e Marcos Viéitez como "o home que le o xornal".

Compartir el artículo

stats