Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Concello apela por carta ás familias de Moaña ante o baixo uso do galego

Tras os resultados da primeira enquisa sociolingüística, remite 1.400 misivas aos pais e 140 aos docentes - Só o 4% dos nenos empregan o idioma propio

O Concello compartiu os datos cos responsables dos colexios. // G.N

Os resultados do primeiro estudo global sociolingüístico dos alumnos moañeses, coñecidos esta semana, alarmou, como non podería ser doutro xeito, ao Concello moañés. Pois a enquisa repartida entre todas as familias de estudante revela realidades tan duras como que apenas catro de cada 100 nenos moañeses se expresan maioritariamente no idioma propio. Ademais, aínda que un 64% dos seus avós e un 30% dos seus pais lles falan habitualmente en galego, menos do 7% dos pequenos respostan na lingua de Rosalía.

Ante esta situación e tras poñer os resultados en coñecemento dos directores dos colexios e dos responsables de dinamización lingüística nos centros, o equipo de goberno escribiu e remitiu dúas cartas. 140 copias se dirixen a todos os docentes que imparten clase en Moaña e ata 1.400 cartas se entregarán ás familias a través dos alumnos. O obxectivo é concienciar á poboación sobre a importancia de transmitir oralmente o idioma ás novas xeracións, ante o claro "abandono paulatino" da lingua vernácula, según explica o concelleiro de Ensino, Aldán Santamarina.

Na carta aso pais se fai fincapé en que o ámbito familiar "non parece asegurar o futuro da nosa lingua", pese a que un 84% das familias moañesas recoñecen ao galego como a lingua propia de Galicia e case 8 de cada 10 valoran a utilidade do ensino en galego.

Nesa misiva, Santamarina pídelle ás familias que teñan que en conta que aos fillos que usan o galego "vailles ser máis doado aprender novas linguas. Ademais, falar desde ben pequeniños en galego e castelán, por exemplo, axuda tamén a mellorar o pensamento matemático".

En todo caso, o concelleiro sinala que aprender galego non vai en detrimento de coñecer outras linguas. "Todos os nenos que falan galego saben tamén castelán, pero os que falan castelán non sempre saben falar galego".

Nunha apelación directa os pais, dende o Concello se lles indica que "está na vosa man que os nenos usen o galego. Con iso favoreceredes o seu desenvolvemento, ademais de conseguir que manteñan a nosa marca de identidade ao recibilo como herdanza". Conclúe animando ás familias, dende o Concello, a empregar o galego no ámbito familiar, nos momentos de lecer e na adquisición de produtos culturais como libros e música.

No tocante ás cartas remitidas aos profesores, o concelleiro de Ensino agradece a implicación dos docentes no uso do galego no ámbito escolar, pois a media reflexa que máis da metade dos mestres imparten clase no idioma propio, aínda que haxa moita disparidade en función dos centros.

Dende o goberno local animan aos profesores a seguir traballando por este camiño que, "sen dúbida, repercute na capacidade da nosa rapazada de usar o galego e asegurar o seu uso futuro na nosa vila".

O concelleiro conclúe tamén que o mellor xeito de axudar a mellorar a competencia lingüística dos pequenos ao final do ensino obligatorio, en pé de igualdade con respecto ao castelán, deben unirse diversos ámbitos como a escola, a familia, o lecer ou a lectura.

A enquisa coñecida esta semana revela ademais que os nenos teñen maior competencia para escribir e ler en galego que habilidades para expresarse no idioma propio de xeito correcto e fluído.

Compartir el artículo

stats