Tres cómicos saen a escena para unha actuación. Pero de repente un gran problema: ningún deles é quen de falar galego. Case como se estivesen na aldea gala de Asteirx e Obelix van necesitar dunha pócima máxica como aquela que facía Panoramix para derrotar aos exércitos do César. Resumindo moito este pode ser o punto de partida de "Falar sen cancelas", a divertida comedia que presenta hoxe Culturactiva no Auditorio de Cangas. Unha elección nada casual cando estamos no mes das Letras Galegas: a obra é unha moi divertida comedia, pero cun ton reivindicativo en prol da lingua e do seu uso. Aínda que sexa para falar por falar. Ou para falar polos cóbados, dos biosbardos ou de cuestións tan bizantinas como o sexo dos anxos. O caso é falar... e falar galego.

A comedia conta con tres grandes da interpretación enriba do escenario: Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz. Os tres forman tamén parte da dirección xunto a Avelino González e Diego Rey. A obra mestura comedia, clown e improvisación durante máis de unha hora na que a palabra vai ser a gran protagonista. "O falar non ten cancelas, sobre todo nun lugar no que cada palabra conta, ás veces por dúas; no que o duplo significado abrolla en cada xiro da lingua e a retranca fai rimar humor con historia cada vez que alguén abre a boca", din os seus protagonistas. En definitiva, que "somos un pobo de contos, de lendas e relatos. Sabemos falar e cando falamos, falamos ben. Porque temos, igual que acontece coa chova, mil e unha maneiras de describir as nosas formas de conversar", conclúen.

A representación será hoxe sábado a partir das 21.00 horas no Auditorio e as entradas están a venda ao prezo de 8 euros e de 5 para pensionistas, xubilados, demandantes de emprego, estudantes e posuidores do carné xove. Pódense merca na web ataquilla.con e na billeteira do Auditorio de 19.00 a 21.00 horas.