Aínda cos problemas evidentes que amosa a lingua galega sobre todo pola deficiente transmisión nas familias e nos ámbitos privados ás xeracións máis novas, o certo é que no mundo da literatura o idioma propio de Galicia presenta unha boa saúde, polo menos así se desprende das publicacións que se fan desde O Morrazo.

Rinoceronte Editora, a principal editorial coa súa base de operacións na comarca, publicou 30 novos títulos ao longo do ano 2016, dos cales 20 foron en galego e 10 en castelán. Dous de cada tres libros que se editan na comarca e se poñen á venda nas librerías de todo o país están escritos na lingua de Rosalía.

A portavoz de Rinoceronte Editora, Anxa Correa, explica que esta editorial con sede en Cangas ten cinco selos. Os 10 títulos en castelán do último ano publicáronse baixo o selo "Pulp Books", no que se publican exemplares da literatura galega actual traducida a outras linguas, co obxectivo de que os autores do país se coñezan fóra da Galicia. Ademais, baixo o selo "Sushi Books" publican literatura infantil e xuvenil tanto en galego como en castelán, para distribuir por todo o Estado e América Latina.

Dos 20 libros publicados en galego ao longo de 2016, unha grande maioría son traducións doutras linguas e chegaron ao mercado baixo o selo "Rinoceronte", que o pasado ano cumpriu o seu décimo aniversario. Relanzaron a colección "Vétera", na que publicaron obras anteriores ao século XIX. No último ano baixo esta colección puxeron á venda catro novos títulos entre os que destacan Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña, traducido por Henrique Harguindey.

Ademais, a editorial con sede en Cangas creou a colección "Nova" coa que publican traduccións ao galego de obras dos séculos XIX, XX e XXI. Neste caso Anxa Correa destaca a exitosa A Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey, de Mary Ann Schaffer e Annie Barrows; así como A boca podre, de Flann O´Brienn, que é a primeira tradución dunha obra do gaélico irlandés ao galego, a cargo de Isaac Xubín.