Cangas celebra hoxe o día grande da cultura galega cun recoñecemento á cultura propia, unha homenaxe que este ano se personifica nas figuras do artista Manuel Pizcueta, no músico tradicional José Fernández Canosa "O Ghaiteiriño" de Aldán e nas danzas ancestrais do municipio. Unha Festa da Cultura que comezará a partir das 20.00 horas no Auditorio e que nesta ocasión estará conducida e presentada polas actrices Sonia Rúa e Casilda Alfaro, de Teatro de Ningures.

Os máximos recoñecementos da cultura canguesa levan os nomes de dous dos seu máis recoñecidos persoeiros: o trobador Xohán de Cangas e o mestre Ignacio Cerviño, responsable do Cruceiro do Hío. O Premio Xohán de Cangas ao Labor Cultural é para José Fernández Canosa, máis coñecido como "O Ghaiteiriño de Aldán", que aos seus 81 anos segue a contribuír á difusión da gaita e da música tradicional; o Premio Xohán de Cangas á Creación Artística é nesta ocasión para a dilatada traxectoria do artista Manuel Pizcueta Barreiro; mentras que o Premio Ignacio Cerviño á Recuperación e Promoción do Patrimonio recae sobre os colectivos que manteñen vivas as tres danzas ancestrais de Cangas: San Sebastián de Aldán, San Roque do Hío e a de Santa María de Darbo, todas declaradas como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Precisamente a Festa da Cultura de Cangas incluirá este ano a proxección da curtametraxe "Irei a Darbo", centrada na romaría desta parroquia canguesa e a súa tradicional danza. Entre os invitados estarán os seus responsables, Miguel Sotelo e Borja Brun. O guión da edición deste ano tamén recolle as actuacións do grupo cangués Astarot e a Coral Polifónica Queixumes do Hío. Amáis, as actrices Sonia Rúa e Casilda Alfaro tamén terán un papel especial durante o acto. "Será unha pequena sorpresa", avanzan dende a organización, sen desvelar máis detalles ao respecto.

Esta homenaxe está organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Cangas, cuxos representantes serán os encargados de facer a entrega destes recoñementos aos artistas e colectivos homenaxeados. A entrada é libre e de balde e dende o Concello anímase a todos os veciños a acudir a esta reivindicación do valor da cultura de Cangas e de Galicia no Día das Letras Galegas.

Mesa redonda sobre Casares

Por outra banda, onte tivo lugar no IES María Soliño unha mesa redonda ao redor da figura de Carlos Casares, titulada "Carlos Casares, profesor e compañeiro do Instituto de Cangas" na que participaron Henrique Harguindey, César Varela, José Martínez e Pedro Pablo Riobó.