O grupo municipal de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) defende que o Día das Letras Galegas que se celebra hoxe máis que unha xornada de celebración debería ser de reivindicación. "Non porque non queiramos celebrar unha lingua propia, senón porque cada vez esta lingua é máis maltratada e ignorada polos bos xestores", argumentan.

ACE pon como expemplo a redución na publicación de obras en galego, o uso maioritario do castelán nos centros educativos ou o uso case residual do galego na redacción de sentenzas, con só o 5% do total. "As políticas de Feijóo están a ser catastróficas, creando un conflito lingüístico constante, utilizando a lingua como arma politica, apoiándose no bilingüismo harmónico mentras desmantela o galego en áreas e materias fundamentais do ensino público", afirman. ACE avanza que estará hoxe en Santiago na manifestación de Queremos Galego e lembra unha reflexión de Carlos Casares: "Escribo cunha clara conciencia política fronte ao castelán, que é a lingua imposta".