A edición do Correlingua deste ano arrinca na provincia de Pontevedra esta misma mañá no Concello de Moaña. Está previsto que participen 2.900 nenas e nenos da maior parte dos centros de ensino do Morrazo.

Mentres a maior parte dos nenos que cursan Educación Infantil estarán dende as 10.00 horas no entorno do palco da música, o resto dos pequenos partirán ás 10.30 da praia da Xunqueira nunha andarina non competitiva que ten como obxectivo fomentar a o uso da lingua propia entre os nenos.

Baixo o lema "En galego, sen cancelas", trala andaina ata o palco da música os alumnos dos dous institutos moañeses se encargarán de ler un manifesto. Previamente Luís O Caruncho se encargará de saudar e conducir o acto, ademais de interpretar música tradicional.

Ao mediodía está prevista a actuación de "Tic, tac, toc", de Pablo Díaz, no que supón outra actividade lúdica en galego para os estudantes de Infantil e Primaria de Galicia.

A partida dos autobuses cara os respectivos centros está prevista para as 13.30 horas.

O Correlingua, que dende hai anos se celebra na comarca organizado en distintos concellos, é un evento organizado pola Mesa de Normalización Lingüística e pola Asociación Socio Pedagóxica Galega, que conta coa colaboración de distintos concellos de toda Galicia así como a das deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra.

Premio

Estas carreiras pola lingua adoitan celebrarse en distintos puntos do país ao longo do mes de maio, coincidindo co entorno do Día das Letras Galegas.

Esta actividade normalizadora recibiu no ano 2016 o Premio Rosalía de Castro, debido ao alto número de persoas aos que chega co obxectivo de traballar na normalización do idioma propio de Galicia entre os pequenos, que representan o futuro dunha lingua que ten claramente unha eiva en canto á transmisión interxeracional.