07 de mayo de 2017
07.05.2017

María Reimóndez: "Gañar o Johán Carballeira é entrar nun clube moi selecto"

A autora destaca a "xenealoxía" dun certame que cumpre xa vinte edicións

07.05.2017 | 03:32

María Reimóndez é a nova gañadora do Premio Johán Carballeira de Poesía, que este ano chega a súa vixésima edición. O xurado reuniuse onte pola mañá para valorar os preto de medio cento de poemarios presentados e decidiu premiar "Bus en Galicia", da autora lucense. Un novo galardón para unha traxectoria que xa conta con algúns importantes, como o Premio de Novela Mujeres Progresistas de Vigo en 2003 pola obra "O Caderno de Bitácora"; Premio Xerais 2014 coa novela "Desde o conflicto"; Premio Plácido Castro de tradución 2009 por la tradución da obra "Mary Prince, una esclava de las indias occidentales"; ou o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de ensaio de 2013, por "Feminismos", escrito con Olga Castro

-Como acolle a concesión deste premio?

-Primeiro con sorpresa e logo con moita ledicia. É un recoñecemento á poesía porque aínda que eu me adico máis á narrativa a poesía é tamén un dos xéneros que cultivo. É o primeiro galardón poético que gaño e é como entrar nun clube, nun clube moi selecto.

-Ten un significado especial gañar un dos certames poéticos con máis traxectoria en Galicia e que lembra a unha figura como Carballeira?

-Si. Tamén é especial porque cada premio ten unha traxectoria polos autores e libros que van gañanado, que van creando como unha xenealoxía na que gañar o premio é unir o teu nome ao desas persoas que o gañaron con anterioridade. Neste caso o Johán Carballeira é un premio moi atractivo nese sentido.

-O xurado di o seguinte no seu ditame: "Recrea asuntos como a memoria e a identidade a través da perspectiva de xénero, articulando un percorrido territorial que se estende dende o íntimo ata o cartográfico". Sinte que reflicte os seus poemas?

-A verdade é que o vexo bastante identificado. É un percorrido íntimo, pero o íntimo vinculado co colectivo, dende a consigna feminista de que o persoal é político. É levar o meu corpo por certos espazos vinculados a memoria, a visión feminista dos lugares e das experiencias .

-Onde hai que buscar as orixes de "Bus en Galicia"?

-É un poemario bastante extenso, que escribín hai certo tempo. En Galicia é complicado publicar poesía e ás veces o que escribes queda nos caixóns. Neste caso os poemas naceron dunha preocupación ecolóxica, son usuaria do bus e móvome moito en transporte público. Naceu desas viaxes físicas aos lugares da infancia, persoais? un percorrido físico que se acabou convertendo nun percorrido máis colectivo, máis da memoria, do territorio e mesmo da toponimia.

-Levaba moito tempo este proxecto no caixón ou non é este o caso?

-A verdade é que xa levaba tempo. Non sabería dicir canto, pero uns anos. Os premios coma este son tamén unha oportunidade para publicar e neste caso a publicación a fai Edicións Xerais, o que para min o fai máis emocionante porque alí desenvolvín case toda a miña obra. Ademais garante unha edición coidada e que vai ter visibilidade.

-A súa obra esténdese en varios eidos: tradución, poesía, narrativa, ensaio... Como percibe que camiño vai coller o que quere transmitir en cada momento?

-Non penso en iso dunha maneira moi racional, senón que é algo máis orgánico. Os libros nacen como proxectos, cada un vai tomando a súa forma. É certo que son máis coñecida como narradora, que a novela é o estilo co que máis se me identifica e no que nado con máis seguridade. Pero iso non quita que o resto, como o ensaio ou a poesía, sexan formas que nacen dunha necesidade de contar dunha maneira específica. Digamos que cada proxecto pide a súa propia forma.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine