O mes de maio chegou por adiantado á parroquia de Aldán. Polo menos ao seu colexio de Espiñeira. O alumnado vestiuse onte con xestas e flores para celebrar a recuperación desta tradición popular, que agroma de novo con forza.

A recuperación comezou hai xa 10 anos, cando os nenos e nenas daquel entonces traballaban nunha recollida de cancións e panxoliñas de Nadal. Un dos veciños co que falaron era o recoñecido Ghaiteiriño de Aldán, que lles contou que na súa nenez ían ao monte e vestíanse con xestas e flores para logo baixar a aldea. Só se lembraba dunha pequena parte daquela canción, que dicía tal que así: "Eiquí vén o Maio vestido de xestas/ pra lle dar as ghracias a señora Teresa./ Eiquí vén o maio vestido de flores,/ pra lle dar as ghracias a señora Dolores". No colexio aprenderon estes versos e logo completaron a canción con estrofas creadas polo alumnado e profesorado. Onte a mediodía todos se reuniron para participar nun obradoiro para a confección de adornos florais e para os maios humanos, logo cada neno sementou unha planta na horta e, finalmente, desfilaron cantando a canción do maio pola parroquia.

Unha letriña que as nenas e nenos de Espiñeira continúan tal que así: "Eiquí vén o Maio, por riba dos tellados,/ eiquí vén o Maio de roubar os espantallos./ Eiquí vén o Maio, por riba das testas, /eiquí vén o Maio, vestido de xestas./ Eiquí vén o Maio pola Costa da Vela,/ eiquí vén o Maio camiño de Compostela. / Eiquí vén o Maio pola pescadería, /eiquí vén o Maio camiño da Romaría./ Eiquí vén o Maio polos muros da eira, eiquí vén o Maio do colexio de Espiñeira."