Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1975-1985 (I)

A finais dos 70 xorden actividades teatrais impulsadas polo Ateneo, a asociación veciñal Breogán ou a Romaría de Bronlle

Serafín Parcero Pérez, profesor natural de Moaña. // M.Canosa

Comezamos pola etapa que abrangue dende 1975 a 1979. Estamos ante un lustro perfectamente definido tanto política como teatralmente. Politicamente pola morte de Franco e o proceso cara ás primeiras eleccións democráticas e teatralmente porque van desaparecer aquelas sainetes populares das veladas e as montaxes costumistas para as Semanas da Xuventude e festivais benéficos promovidos por unha Acción Católica en vías de desaparición. Pola contra, a finais deste quinquenio xorden actividades teatrais impulsadas maioritariamente polo Ateneo de Moaña, pola sección de Cultura da Asociación de Veciños Breogán, pola Romaría Popular de Bronlle, por Celso Parada e, en menor escala, pola Casa da Xuventude.

Lembremos o comentado en entregas anteriores da montaxe en 1975 de "Os Vellos non Deben Namorarse" de Castelao, dirixida primeiramente por Miguel Pérez e despois por Celso Parada ou "Laio Clamor pola Bretaña", interpretada por Celso Parada en 1976. Ambas obras encadradas como actividades propias do Ateneo. E esta mesma entidade, contratara así mesmo "Noite de Lobos", da man do Grupo Candea de Noia, escrito por Xosé Agrelo Hermo e representada en agosto de 1975 no colexio de Reibón. Máis tarde, grupo e autor repetiron escenario con Metá e Metá e dentro do mesmo ano 1975, Teatro Antroido de Santiago escenificou no mes de novembro "Amores e Crimes de Xan Panteira", de Blanco Amor.

A partir de finais de 1976, a AN-PG vai cometer un gran erro político e cultural de converter o Ateneo na súa sede para preparar súas campañas de estratexia política, incluso as obras teatrais propias están encadradas como actividade da Fronte Cultural da organización. En 1978 desaparece o Ateneo e van tomar o relevo nas actividades teatrais a Sección Cultural da Asociación de Veciños Breogán, neste caso, dinamizada polo Partido Obreiro Galego, e de Celso Parada.

A proxección cultural da AA. VV. Breogán constou de dúas etapas ben diferenciadas. A primeira tivo lugar entre os anos 1978 ata 1980, con programacións propias e a segunda a partir de 1981 participando conxuntamente con outras asociacións nunha plataforma moañesa. Dentro da primeira etapa, trouxeron sobre 1978 ao cine Veiga, a obra "Morte e Vida Severina", do brasileiro Joao Cabral, baseada no persoa de Severino, que por mor da seca que padecía a súa rexión marchou na procura de mellores terras, menos pobreza, fame que padecían baixo os predominios do latifundismo brasileiro. Esta obra fora montada polo Teatro Artello de Vigo. No citado cine Veiga trouxeron "A Parroquia", de Xosé Vázquez Pintor baixo a interpretación do Grupo de Teatro Matamoura de Cangas. Entre 1978 e 1979 a AA.VV. Breogán cambia de escenario para o cine Prado e contratan con Artello dúas obras: "Tarará-Chis-Pum" e "Pic-Nic". A primeira de creación colectiva propia e a segunda baseada na publicación do teatro breve que Fernando Arrabal, denuncia o absurdo das guerras en clave de humor.

Serafín Parcero Pérez, natural do barrio Praia-Seara, empezou de moi novo a interesarse pola literatura a escribir narracións e teatro; sobre todo a partires da súa profesión de mestre. De feito resultou gañador do IV certame de muller Premio Matilde Bares do Concello de Bueu, co relato curto titulado "Ollos de Cinsa". E dicimos que comezou de moi novo porque sobre 1970, Serafín Parcero, participa nunha obra escolar titulada "El Paso de las Aceitunas", de Lope de Rueda ,e máis tarde, en 1978 comezou a ensaiar no Ateneo, esta vez situado no barrio de A Seara, a traxicomedia "Morte Accidental dun Anarquista" do dramaturgo italiano Dario Fo, baixo a dirección de Celso Parada e da que se puntualizará máis adiante.

A curiosa anécdota que Serafín Parcero aporta ao mundo do teatro foi durante o curso 1976-1977, cando facía estudos de profesorado de EXB no Colexio Público de Lérez na capital pontevedresa. Alí montou co alumnado de 8º "As Venturas e Desventuras dunha Espiña de Toxo Chamada Berenguela", obra mecanografada, e por entón inédita de Manuel María, que chegou a súas mans por medio do profesor Fernando Cuñarro.

Á hora de facer o reparto, Serafín atopouse con máis actores voluntarios que personaxes tiña o escrito. A solución que tomou foi adulterar o orixinal engadindo a un carcereiro coma un personaxe máis da obra. Logo, Fernando Cuñarro, retornoulle a Manuel María unha copia do texto coas modificacións engadidas por Serafín, de tal xeito que o autor as asumiu e modificou o texto, segundo consta publicado en 1979 nos Cadernos da Escola Dramática Galega ou na Editorial Xistral en 1981.

A continuación reprroducimos o texto de Serafín Parcero:

"Eu son o Carceleiro

Do cárcere municipal!

Non se che pase pola cabeza

Intentar escapar!

Entre rellas e ferrollos

os teus crimes pagarás!

A pan e auga cen anos

Non poderás aguantar!

Texto creado por Manuel María.

Eu son o Carceleiro

da Cadea Principal!

O que custodia o Rateiro,

o ladrón e o criminal!

Por pericona e boa prea,

Espiña tola e ruín,

tes cen anos de cadea

ben gardadiños por min!"

Rematada a carreira, Serafín Parcero estivo destinado de profesor no Colexio Público Seara onde volveu a montar cos alumnos a obra citada de Manuel María co gallo das Letras Galegas de 1984. E non só iso, é que despois nos cursos seguintes escribiu dúas obras inéditas de teatro para nenos que titulou "A Flor Fea" e "A Mentireira Historia da Carapucha Verdadeira", esta xa como profesor no Colexio Espiñeira de Aldán. Ambas obras seguen sen estar publicadas.

Compartir el artículo

stats