Unha historia que mestura ficción, mito e realidade. A historia dun maquis, dun guerrilleiro e resistente. Un dos últimos homes do monte. O Foucellas. Un home que deu nome xenérico a outros moitos resistentes coma el: os "foucellas". Esta é a historia que chega hoxe ao Auditorio Municipal de Cangas da man de Talía Teatro, unha montaxe titulada "Foucellas" e que está escrita e dirixida polo recoñecido actor e director Cándido Pazó.

"Foucellas" é unha obra adicada ao guerrilleiro antifranquista Benigno Andrade, que foi torturado e executado na Coruña en 1952. Un home coñecido polo alcume de Foucellas e que con el deu nome a todo un colectivo resistentes contra a ditadura franquista. Segundo os autores desta obra, o texto non é un "biopic" ou biografía sobre a figura de Foucellas, senón que máis ben tómase a súa figura como punto de parttida para o que trata de ser unha reflexión acerca da resistencia antifranquista. "O pulso metafórico sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza, a administración da derrota", explican. Unhas personaxes nas que se conxugan "firmeza, teimosía, certeza, lealdade, inercia, utopía, inxenuidade, rebledía, resignación, adaptabilidade, determinación... As armas dunha crúa batalla dialéctica nun tempo terminal".

A dirección dramatúrxica corresponde a Cándido Pazó e sobre o escenario estarán Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo. A posta en escena complétase coa música de Manuel Riveiro.

A obra foi estreada hai un ano precisamente na Coruña, onde foi executado Foucellas. Agora chega a a Cangas nunha función que terá lugar hoxe sábado ás 21.00 horas no Auditorio, con entradas á venda ao prezo de 8 euros (5 euros para pensionistas, xubilados, desempregados, estudantes e posuídores do Carné Xove). As entradas poden mercarse a través da web ataquilla.com, o teléfono 902 504 500 ou ben na propia billeteira do Auditorio cangués a partir das 19.00 horas