Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro en Cangas 1975-1985 (XIV)

Sito Parada e Carlos del Valle impulsaron o Grupo de Teatro Estable do IB de Cangas, que debutou con "Momo", de Ende

De esquerda á dereita, Elena Villar, Ana García e Lois Soage nunha representación de "Momo", do Grupo de Teatro Estable do Instituto de Bacharelato de Cangas. // Arquivo Carlos del Valle

Celso Parada (Sito) primeiro como alumno e anos despois como profesor de Lingua e Literatura Galega será un incansable activista en pro do teatro dentro do Instituto desenvolvendo deste xeito a súa paixón pola arte de Talía sobre todo como actor e director de escena. Paixón que -como veremos en posteriores crónicas cando chegue a quenda de escribir sobre o teatro profesional- o levará a escoller o teatro como profesión fundando a Compañía Teatro do Morcego.

Pois ben no curso 1983-1984, Sito é nomeado profesor de Lingua e Literatura Galega con destino provisional no I.B. de Cangas. Aquí vai coincidir con Carlos del Valle, profesor de Deseño, tamén con destino provisional, namorado do teatro desde os seus anos de bacharelato na Universidade Laboral de A Coruña e interesado sobre todo pola escenografía.

A complicidade de ámbolos dous vai ter como feliz resultado a fundación do grupo nomeado "Teatro Estable" I.B. Cangas que desenvolverá o seu labor como "actividade extra escolar".

A súa intención era potenciar esta actividade dándolle unha nova dimensión ao teatro escolar fóra da tradicional función de fin de curso. Pensaron que o mellor modo de facer teatro nos centros educativos como actividade xeradora de novas ideas era partir dunha formación o máis completa posible das diversas facetas que inclúe o teatro polo que desde o comezo crearon obradoiros de traballo sobre expresión corporal e escenografía. Chamáronlle Teatro Estable porque dalgún xeito tentaban que tivese continuidade no tempo aínda sendo conscientes de que a "estabilidade" sempre sería relativa pois un grupo escolar sempre está determinado polos cambios continuos de alumnado en cada curso.

A peza escollida para a súa montaxe, por suxestión de Carlos del Valle, foi "Momo" a novela do autor alemán Michael Ende.

Momo é unha rapaza orfa que posúe a marabillosa capacidade de saber escoitar aos demais e que desexa axudar á xente a humanizar as súas vidas. Sobre todo cando os "Homes Grises" deciden apoderarse dun dos bens máis prezados que teñen as persoas: o seu tempo. Porque o tempo é a vida.

Os "Homes Grises" son uns estraños individuos que representan ao Banco do Tempo e promoven entre a poboación a idea de aforrar tempo depositándoo no Banco que llo devolverá despois con intereses. En realidade, tentan que a xente esqueza todo salvo a súa obsesión por "aforrar" todo o tempo posible para un hipotético uso posterior. O certo é que canto máis tempo aforra unha persoa menos ten pois os homes grises o consumen en forma de cigarros feitos de pétalos secos das flores horarias que representan o tempo. Sen eses cigarros os homes de gris non poden existir.

Momo pola súa especial personalidade convértese nun obstáculo para os plans do Banco do Tempo e tentarán desfacerse dela, mais coa axuda da tartaruga Casiopea enfrontarase á ditadura dos Homes Grises rematando con eles.

Velaquí o resume da novela. O problema estaba na adaptación para o teatro e esta foi a responsabilidade que asumiu Carlos del Valle xunto co deseño da escenografía e o son. Celso Parada encargouse da versión ao galego e da dirección escénica. E por suposto, tamén actuou.

Na adaptación respectáronse os diálogos aínda que algúns deles foron eliminados en función das necesidades dos personaxes e da duración da obra. A cuestión fundamental foi resolver as transicións e neste sentido, comentaba Carlos del Valle, a escenografía ademais de estruturar a obra tamén cumpre unha función narrativa pois toda a acción xira arredor do espazo. Non é un elemento decorativo. A elección do texto foi unha cuestión de interese pola mensaxe da obra e por verlle unhas grandes posibilidades estéticas.

Na novela hai unha morea de espazos diferentes e de situacións dispares e iso supuxo un reto grande. A escenografía resolveuse utilizando unha estrutura que podía mudar varias veces na obra, con espazos ocos e cores intensas.

Quince persoas integraron o grupo que en xaneiro comezaron os ensaios de Momo. Entre "a troupe" do Instituto había moitos para quen facer teatro era a súa primeira vez pero o traballo, a ilusión e a auto disciplina posibilitou, despois de moitas horas de ensaio desde o mes de xaneiro a xuño e sempre fóra do horario lectivo, ofrecer unha montaxe de moi estimable calidade. Foi un espectáculo do que os propios intérpretes quedaron satisfeitos e que o público en xeral aplaudiu en todas as representacións que fixeron.

O reparto foi o seguinte:

Ana García: Momo.

Xoán Xesús Piñeiro: Beppo, Home Gris.

M. Augusto Magariños: Gigi.

Merchi Giráldez: Secretaria, Xentes, H.Gris, Mov. Guiñol.

Susi Oliveira: Secretaria, Xentes, H.Gris.

Mª Xosé Calo: Secretaria, Nena.

Manuel Pena: Nino Barbeiro, Xentes.

Elena Villar: Casiopea, Boneca, Xentes, Nena.

Eva María Pastoriza: Nena, Robotín.

Isabel Pousada: Nena, Robotín.

Gloria López: Nena, Robotín.

Carme Rial. Nena, Robotín.

Lois Soaxe: Home Gris, Xentes.

Celso Parada: Home Gris, Voces.

Os técnicos de montaxe: Luís Acuña, Xavier Currás e Carlos del Valle.

O deseño do programa de man foi obra de R. Cayuela.

Compartir el artículo

stats