Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entroidos saudosos

As nosas festas optan máis polo canto satírico e polo baile e a música como elemento distintivo

Imaxe do Entrudio de 1959. Danzantes cos galos no palco e o coreógrafo Mincheiro.

Poucos anos despois da restauración do sistema democrático, os entroidos de Galicia recobraron unha inusitada puxanza, impulsada non só polo atractivo e a exclusividade dos rituais e das máscaras, senón tamén polo interese económico da hostalería local e a promoción turística a alto nivel. E aqueles entroidos populares que esquivaban as prohibicións franquistas, só tentaban rexenerarse cada ano, por atavismo cultural e como símbolo de rebeldía e liberdade, a impulso das xentes con gañas dun divertimento que se lles furtara. Xa que logo, a atracción de xentes foi en aumento ata chegar a un punto actual no que a incorporación de novos rituais modernos converteron as celebracións antigas nunha neofesta que alonga o seu calendario nun exercicio do "eu máis", buscando a exhibición e o lucro. Aínda que hoxe son xa moitos os que ultrapasan a antiga fronteira do Mércores de Cinza, entrada ou Entroido da Coresma, xa hai quen vai máis alá, desprazando esta celebración ata o mes de xuño, asegurando así o bo tempo, a afluencia e o consumo, desprezando a ritualidade e as datas pero gabándose de ser o primeiro "Carnaval de Verano" (?) de Galicia...

E xa nun punto de saturación e distorsión, provocada pola ignorancia, falta de respecto e integración na festa, e sobre todo pola denominada práctica do chamado "botellón", os máis preocupados pola deriva do Entroido pretenden agora reconducir o que xa semella desbocado e preservar as esencias que motivaron este bun turístico. E a tal fin, fomos convocados hai uns días no Museo do Entroido en Xinzo de Limia para debater estas cuestións coa presenza nos debates de etnógrafos de Cantabria, Asturia, Castela-León e Portugal que acudiran ao III Encontro da Máscara Ibérica, celebrado en Viana-Vilariño de Conso.

A maioría deles representaban a mascaradas de lugares de montaña con celebración no ciclo Nadal e xaneiro, constatándose un grande ciúme pola preservación dos antigos ritos e ceremoniais, exercendo un forte control sobre os excesos actuais destas festas. No caso dalgúns entroidos vilegos galegos, o debate polarizouse entre os partidarios deste control e os hostaleiros, que apoiados polos políticos locais, queren aproveitar a masificación da festa polo que ten de beneficio desde hai uns anos... A día de hoxe, polo que se viu, o problema semella irresoluble e como di refrán: a río revolto...

Aproveitando os descansos destas Xornadas fixemos un percorrido polo Museo no que se acollen numerosas máscaras e trebellos dos entroidos galegos. Entre os traxes exibidos tamén hai algúns que non teñen máscara, como os das Madamas e Galáns de Cobres e os de Meira-Moaña en representación dos entroidos do Morrazo.

Alí, intercambiando opinións, pode constatarse a diferencia de rituais nestas festas, que no caso das nosas, optan máis polo canto da copla satírica e polo baile e a música como elementos distintivos, aínda que noutros como as visitas entre aldeas, o xogo do galo ou as mascaradas, se asemellan. E neste sentido lembramos como na canguesa parroquia de Darbo tamén antano se celebraba o Entroido con estes elementos sobre os que a agrupación Lembranzas da Ría se ten interesado, non sabemos se con intención da sua recuperación, que non cabe dúbida que sería benvida.

Deste Entrudio aínda se conservan imaxes que nos remontan aos anos trinta nos que semella prevalecer a comparsa musical con madriña e todo. Após a Guerra Civil e coas restricións franquistas, este Entrudio agardaría ata os finais dos anos corenta para poñerse de novo en marcha. E vaino facer de xeito similar ao que se celebraba no Hío, compartindo os de Darbo as visitas a aquela parroquia e reciprocamente, no luns e martes de Entrudio. O domingo, este ritual reservábase para o percorrido polos barrios de Darbo, sobretodo os do Outeiro e do Seixo que contaban con establecementos tabernarios como a de Simón ou a de Ermitas no Outeiro e o Fanchuquí, Milhomes, Gamallo, Graciana ou Adelina, a do Turco. E xa cara á noitiña, se se terciaba, a troula continuaba nunha adega ou nun baixo dunha casa.

Nestas celebracións tamén destacaban os palcos enfeitados con acacias e mimosas e os bailes de Madamas e Galáns que exibían ante o numeroso público congregado, a súa arte danzante a base de muiñeiras e jotas, interpretadas por grupos de gaiteiros.

Segundo nos referiu Manuel, o Asturias, un dos antigos danzantes, o ensaio corría da man do Mincheiro e lembra grupos de gaiteiros como Os Galos e os Airiños do Castelo posteriormente. A comitiva de mozos e mozas que se desprazaba cos gaiteiros polos barrios e ata os distintos lugares do Hío, adoitaba estar dirixida por un presidente, habitualmente vestido de chaqueta ou pantalón brancos e con gorra, normalmente aproveitados do paso polo servizo na Mariña. As bandeiras españolas e os estandartes eran tamén un elemento que identificaba a comitiva e nos recibimentos na entrada de cada lugar, entre o disparo de foguetes, producíanse as salutacións e os vivas á xuventude en agradecemento da visita, que ao igual que acontece noutros Entroidos, é unha parte fundamental do vello ritual desta festa que vén resaltar a cohesión veciñal desde tempos lonxanos.

En cada lugar, todos xuntos compartían os bailes, a música, a comida e o viño que se adoitaba levar e servir en sellas de madeira pintadas de verde.

O mesmo informante lembra con grande rexouba destes entrudios, as coplas de Sotelo, do enterrador, de Leiro, Marcelino... pero sobretodo os bonecos de pau da tía Dora e de Xan das Bolas, que levados en andias, acompañaban á comitiva, entoando unhas coplas atribuídas a Cecilio Rial que dicían: "Levala a modo / levala con coidado / que está moi enferma / e foi ao boticario. Peleou co Xan das Bólas / que lle fixo moito daño / ela se mata / ela quere saber / ten a tensión alta / e nos pode morrer".

Máis adiante, cara a comezos dos sesenta, desaparecerían os bailes e ata avanzados os anos setenta, eran as comparsas e comitivas de Darbo, organizadas por Cabral, Camilo, José Antonio... as que repetían o ritual das visitas, agora cara Aldán en exclusiva, acompañadas dos gaiteiros motorizados e de viño e comida para o camiño. Logo, os de Aldán devolvían a visita encabezados polo "Capitán" (Albino) celebrándose grande troula no adro.

Após estes anos, os mozos da parroquia anovarían a festa creando a comparsa Rica Parranda que destacaba polos seus disfraces temático-satíricos (Jalvau, Espigas, Cubanas...) ou o Varalonga Show, que adoitaba presentarse crítico e mordaz, reproducindo xocosamente acontecementos como a Voda Real, Os Invasores, a Cabra dos Cíngaros, a Barra Americana... Analizados estes feitos, cabe deducir dalgún xeito, que o declive do Entrudio de Darbo tamén se debeu en parte á desaparición das vellas tabernas, cenáculos fundamentais na argallada e desenvolvemento desta festa.

Retornando ao colorista e vistoso tema das danzas, tentamos indagar o porqué da sua presenza no ritual entroideiro sen que nos desen nin razóns nin referencias á sua antigüidade pero que, ao igual que as dos Cobres e as de Meira, son un referente dos Entrudios do sur do Morrazo. Tentando elucidar estas cuestións topamos cun artigo firmado por Plácido Argomoso no que alude, segundo o seu criterio, a unha posible orixe destes bailes e que reproducimos pola sua relativa antigüidade e contido de interese (ver texto adxunto).

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats