Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As danzas do Antroido no Morrazo no 1959, por Plácido Argomoso

Resulta marabilloso poder contemplar as fermosas danzas que aínda son privativas dalgúns recantos do país galego. Por exemplo: as que o martes de Antroido exhumaron en Donón, avanzada da península do Morrazo, os mozos e mozas daquelas terras batidas polo mar inmisericorde. Alí estaba, sen mixtificacións, o acervo máis puro da nosa arte popular, latindo ao unísono do enorme corazón vermello da gaita. Alí estaban os típicos bailes ancestrais, solemnes e cheos de grandeza, propios para os ritos sublimes da fe; e os ritmos de austera xovialidade das festas pagás; todo perfectamente deslindado, axeitándoo á sua función con ese desperto sentido das xentes galegas que saben mimar o seu folklore. Os grupos que adoitan interpretar danzas sacras nas romarías de Hío, Aldán, Darbo... tiñan cambiado as suas vestimentas severas por un atuendo grotesco propio do "Antruejo" e, sen anteface, enfeitados con fitas multicores, tecían os seus bailes solemnes nos que semellan percibirse reminiscencias incaicas...

Os máis nomeados gaiteiros da provincia acoden a amenizar estas festas tradicionais que duran os tres días de Carnestolendas. Cada lugar de importancia organiza a súa, e o martes realízase o intercambio de visitas entre os grupos, como proba de fraternidade, coincidindo ao mediodía nun barrio determinado, onde se desenvolve o número forte do festival. Após a cerimonia da salutación, que tén un sabor litúrxico, interpretan primorosas danzas de exquisita beleza coreográfica, rematando o acto co xantar ao ar libre, se o tempo o permite... E antes de que caia a noite, os grupos emprenden o retorno aos seus respectivos lugares, entre músicas e cancións.

Este ano correspondeulle ser a Donón o escenario da fermosa festa folklórica. E alí, perto das Cíes, mentres o mar bruaba encabuxado, os mozos e mozas da comarca exhumaron as marabillosas danzas que ainda perviven na península do Morrazo, apesar da invasión de aires exóticos.

Compartir el artículo

stats