"Un grupiño de persoas relacionadas coa Asociación A Cepa" e do instituto María Soliño están organizando o recital de homenaxe a Rosalía de Castro que se celebrará o venres 3 de marzo no Auditorio de Cangas. Xa está confirmada a actuación da banda de gaitas María Soliña, de alumnado do Conservatorio ou da escola de música Staccato, todos de forma altruísta, como prólogo ao recitado de poemas a cargo de coñecidos persoeiros da cultura, dos colectivos sociais da comarca do Morrazo e tamén de calquera cidadá anónimo aos que os promotores convidan a participar. "Será algo similar ao ano pasado, con recitado de poemas da propia Rosalía, música, e moitas outras sorpresas", anuncian. Tamén se prevén proxeccións audiovisuais. "A idea é que cada persoa ou colectivo recite un texto de Rosalía, como en pasadas ocasións, pero, para evitar repeticións, agradeceríamos que comuniquedes o título que elexistes para non repetir textos", solicitan.No blog "acepacangas.blogspot.com" vai aparecendo a lista dos poemas xa seleccionados, para evitar que se repitan.

A idea dos organizadores é facer unha homenaxe colectiva a Rosalía de Castro no 180 aniversario do seu nacecemento (o 24 de febreiro de 1837, en Padrón), que se suma á que lle están facendo outros colectivos, como os comerciantes a través de Fecimo.

No colexio de Montemogos, na parroquia de Beluso, xa comezaron a celebrar o Día de Rosalía. As nenas e nenos de 6º de Prmaria recitaron textos da poetisa e todo o alumnado cantou "Has de cantar" ao son da música de Uxía Senlle, unha canción do libro "Rosalía Pequeniña".

Pola súa banda, o Concello de Bueu tamén organiza varios actos. Un deles será a proxección do documental "I ante aquel silencio mudo", de Marina Chiavegatto e Millán Castro. O pase será o venres 24, día no que se celebran 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro, no Centro Social do Mar a partir das 20.00 horas. Por outro lado, durante toda a semana estarán dispoñibles en espazos públicos de Bueu unha serie de carteis con poemas de Rosalía, no marco dunha campaña de colaboración co IES Johán Carballeira baixo o nome "Libros á rúa".

Estes días os escaparates de moitos dos comercios asociados a Fecimo teñen unha decoración que forma parte da súa campaña para celebrar o Día de Rosalía, cun retrato e versos da poetisa. Os veciños que o desexen poden facerse unha foto, tipo "selfie", en calquera destes escaparates e subila ao facebook de Vive O Morrazo xunto a un comentario. Pódense subir tantas fotos como un queira, pero sempre en establecementos diferentes.

O prazo de participación estará aberto ata o 5 de marzo xa que a decoración estará nos escaparates unhas dúas semanas. O sorteo realizarase o martes 7 de marzo e o primeiro premio será un cheque-compra de 200 euros para canxear nas empresas asociadas a Fecimo e unha camiseta de Rosalía deseñada para a ocasión. Ademais tamén se repartirán outras 25 camisetas entre o resto de participantes.