O gaiteiro e produtor Cristian Silva está embarcado dende finais do ano pasado nunha xira para presentar o seu novo disco, titulado "Ego". O álbum é todo un exemplo de versatilidade musical e de apertura sonora a outros estilos. "Ego" está producido integramente polo propio Cristian Silva, que amosa a súa gran destreza tocando medio cento de instrumentos musicais e factura un disco con sonoridades de rock, flamenco e ata música electrónica. Todo iso sen afastarse das súas raíces na música tradicional. O resultado dese traballo será o fío conductor do concerto que ofrece esta noite na sala Aturuxo, en Bueu. Un concerto que está previsto para ás 20.30 horas e cunha entrada de 5 euros.

Nesta xira de presentación Cristian Silva non está só. Xunto a el sube ao escenario o acordeonista marinense Suso Iglesias e xuntos fan esta xira chamada "EGOlatra2". O obxectivo é achegar ao público, dun xeito máis íntimo e persoal un disco "onde a tradición se funde coas vangardistas técnicas interpretativas da gaita e a música indie-pop".

Vai de gaita

O gaiteiro non é un descoñecido para o gran público. A súa participación como xurado no concurso "Vai de gaita", no programa "Luar" da Televisión de Galicia, proporcionoulle unha gran visibilidade. A publicación de "Ego" supón un paso adiante na súa carreira artística, que ata o momento estaba moi centrada na colaboración con outros artistas como Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño, Rosa Cedrón, Susana Seivane ou Cristina Pato.