Morreuse Pepé, si con tilde, entrañable e familiar, próximo e coloquial, respectuoso con todos, madrugador incansable até o final. Foise feliz rodeado de todos os seus e agradecido coa vida, a súa vida chea de cor como os seus cadros, nun país ás veces escuro.

Cando as noticias non nos sorprenden, cando nesta atarefada vida, tamén política, ponse en cuestión calquera acción que realizamos, máis aínda sendo un cargo público. Nestes momentos que falamos tanto de memoria histórica, quero desde esta tribuna realzar se cabe a personalidade de Pepé como persoa, a súa humanidade e talante que nestes tempos botamos de menos.

Todos os que o coñecemos vemos nel a imaxe de boa persoa, cunhas fortes conviccións e admirable esposo, pai, avó e bisavó. Neste pobo de Bueu do que foi alcalde no final da ditadura e albores da democracia, non atoparemos a alguén que poda dicir algo malo de Pepé.

Só fai 35 anos que o coñezo persoalmente, foi na antiga Caixa de Aforros de Pontevedra, onde esta agora Mercarroupa. Un crédito de recén casado para comprar unha televisión en cor Sanyo e sen mando, daquela época cen mil pesetas. Aquel día coñecín ao Pepé empregado de banca. Que pensaría agora de todo o que rodea a ese traballo, nunca llo preguntei. Os veráns que primeiro coñecín en Bueu tráenme o recordo de Pepé preparando a súa lancha, "Chelita " creo que se chamaba, perdón si me equivoco. Os paseos pola ría, a volta ao porto, todo isto co mimo con que el a trataba, unha máis da familia.

Como dicía a canción de Solera "Todos tus recuerdos, vuelven junto a mí, como sobre un carrusel". Un carrusel como unha das súas obras, chea de cor, virando sen parar porque el levou o mando a distancia. Grazas pola túa amizade e sobre todo quédanos o teu legado familiar.

Até sempre.

*Concelleiro de Bueu