As palabras do presentador do NODO do 9 de agosto de 1971 anunciaban textualmente: "El cantante gallego Xil Ríos, revelación del festival". Tratábase da primeira actuación do noso admirado amigo nun pavillón de deportes ateigado de xente no Festival Bahía de Vigo acompañado dunha orquestra coa que ensaiaran os cantantes seleccionados os días previos. Xil Ríos non tiña moitas gañas de participar pero alá o convenceu Rosiña, unha compañeira da Coral Moañesa, para facer unha proba. Lembra que gravaron o tema co acompañamento do cantautor Bernardo Xosé á guitarra nunha emisora de Vigo. A canción era de Leopoldo Bahíllo e titulábase "Un anaco de pan". Daquela el aínda non compoñía letras nin músicas.

En Madrid, a organización do festival seleccionou o tema na parte Folc e Xil Ríos acadou o segundo posto detrás do catalán Joan Baptista Humet. Resulta curioso que no ano 1971 o propio NODO que se emitía obrigatoriamente en todos os cines de España incluise a canción de Xil Ríos en galego, a do italiano que quedou en terceiro lugar e a de J. B. Humet en catalán.

A carreira musical continuou axiña e no ano seguinte compuxo "A Nosa Galicia" e "Aos meus amigos" que grava en PHILIPS FONOGRAM que vai ser a súa compañía discográfica durante varios anos. "A Nosa Galicia" é un tema dedicado ao mundo da emigración, aos seus pais que marcharan a Venezuela cando el tiña cinco anos. Cecais unha das súas mellores cancións cunha letra que é un poema que está á altura dos mellores poetas galegos. Cando presentou a canción nas Covas de Dona Urraca na Festa do viño do Condado de 1972 foi un éxito total. Alí o escritor Xosé María Castroviejo bautizouno como "O Rapsoda de Moaña".

O tema da cara B daquel single "Aos meus amigos" foi vetado pola TVE. "Era a miña época de cantante social e na canción eu denunciaba as inxustizas sociais do meu pobo mariñeiro", afirma o propio artista. A compañía discográfica non podía facer a promoción disco pola censura imposta na ditadura.

Festival do Miño

Sobre o IX Festival do Miño escribía Mariano Méndez: Si en el álbum del Festival del Miño hubiera que escribir la crónica de esta novena edición tendríamos que hacerlo en páginas de oro ya que, sin duda, este año ha mejorado respecto a los demás en organización, popularidad y calidad. El pabellón de los deportes se vió desbordado por gentes de todas las edades? El jurado otorgó entre grandes aplausos el primer premio Ciudad de Ourense dotado con 150.000 pts y rueda de afilar de oro a la canción Miña Maruxiña original de Xil Ríos, que interpretó magníficamente su autor, máximo triunfador de la noche. Los numerosos comentaristas de prensa, radio y televisión que asistieron al Festival otorgaron el premio de la Crítica a Miña Maruxiña de Xil Ríos, indiscutible revelación y triunfadora del certamen.

Despois de Voces Ceibes que comezan a súa andaina musical no 1968 e de Andrés Dobarro que no 1970 acada un nº 1 nas listas de discos máis populares de España, Xil Ríos vai ser o cantautor galego que desde 1971 populariza a canción galega pouco antes de Fuxan Os Ventos, Milladoiro, María Manuela ou Amancio Prada e colaboran con el algúns destacados membros destes grupos.

Biografía

Xil Ríos lembra con moito cariño a súa infancia vivindo cos seus tíos dado que os seus pais estaban en Venezuela. Na súa etapa escolar confesa que pensaba máis no fútbol ou en "facer a godalla" que nos estudos. Estudou música con Ricardo Costas, que fora director da Banda Airiños do Morrazo e continuou co seu tío Pepe que era barbeiro e músico, un violinista e contrabaixista que tamén lle ensinou o oficio de perruqueiro. Precisamente comezou a traballar con el antes de montar a súa propia barbería.

Verdadeiramente o meu oficio era o de barbeiro. O mar tamén lle gustaba e lembra ir de pesca pola ría cos trasmallos ou algunha tempada ás ameixas coa vara.

O fútbol era outra das súas paixóns. Xogou en infantís en Vigo, no Meira, cando o C.D. Moaña non existía, incluso probou no Gran Peña unha tempada.

"Con 16 ou 17 anos entrei na Rondalla Maño-Gallega que fundara o Sr. Martínez e pouco máis tarde na Coral Moañesa. De feito varios compoñentes da Rondalla estaban tamén na Coral baixo a dirección de Jesús Moldes Monroy. Cando el marchou de cura destinado a Loureiro, Cotobade, encargábame a min de dirixir os ensaios se el non podía vir", recorda.

Os deportes chamaban a súa atención. Practicou boxeo e realizaban entrenamentos na súa casa. Incluso nunhas festas de Moaña atreveuse a facer un combate de exhibición co seu amigo Suso fronte á praza de abastos. Tamén remou nas traíñas nos campionatos que se celebraban na Coruña ou algunha vez en banco móbil na ría de Vigo.

Despois do Festival do Miño veu a voda con Luz Piñeiro na capela da Peregrina en Meira e axiña foron chegando os fillos Toño, Pablo e Paula. El xa montara o restaurante churrasquería O Alboio porque da música só non se podía vivir. Eran máis ou menos actuacións no verán, sempre despois do traballo arredor do braseiro ata a noite. Logo viñan as viaxes a onde lle tocaba actuar e chegando a Ferrol, a Viveiro ou a moitas vilas que non quedaban moi perto de Moaña, precisamente. Máis adiante abre o Mesón-Restaurante Xil Ríos na estrada Ramón Cabanillas.

A pesar dos grandes éxitos e da súa popularidade, as grandes cidades non lle ofrecían contratos a este ou a outros cantautores galegos naqueles anos 70 e 80 que actuaban maioritariamente nas pequenas vilas e aldeas de Galicia. El denuncia esta falta de apoio das institucións á nosa cultura unha e outra vez: "Teño a sorte de que non vivo da música porque se fose así tería abandonado hai moito tempo" confesa el mesmo nunhas declaracións ao FARO DE VIGO.

Despois dos primeiros anos de cantigas sociais, da canción máis comprometida vai vir unha etapa na que cantará ao amor, á muller, a unha romaría, a falar nas cancións das cousas que se respiran cada día. "Moaña, a miña terra, Galicia é unha fonte de inspiración constante en min. E sobre todo o mar, que é algo que me ten embruxado. O mar e todo o que leva o mundo mariñeiro, do que eu me sinto un compañeiro e un mariñeiro máis", explica o compositor.

Algunhas veces tamén se ten manifestado pedíndolle a grupos musicais galegos que fixesen os textos das súas cancións no noso idioma. Precisamente, a popularidade de temas como "Xirarei", que lle compuxo Juan Pardo e que foi gravado en Londres, "A Nosa Galicia", "Falemos galego", "Rapaciña bonita", "Aos meus amigos", "Vello compañeiro" convertéronno nun dos artistas máis coñecidos de Galicia nas últimas décadas. A súa aposta por cantar sempre en galego tamén propiciou a normalización do idioma, sobre todo, nos anos setenta e a variedade de estilos permitiulle chegar a un público moi amplo.

Coa chegada da TVG e a súa coidada posta en escena, os ritmos e as músicas que compuxo son coñecidos máis alá das nosas fronteiras.

Reivindicativo e solidario

Cando falamos do deporte, vémolo organizando, participando e colaborando nos campionatos de futbito, fútbol-praia, de veteranos ou reivindicando mellores instalacións deportivas nos anos 80. "A pena é que non haxa alguén que se decida a construír un pavillón que é o mínimo que debería ter cada vila, pois permite xogar diariamente. Haberá que pedir aos responsables que se esforcen por conseguir ese necesario pavillón", sinala.

Creou nos anos 80 un grupo dunhas cincuenta voces chamado Os Moañeses co que participou en festivais das Letras Galegas e no entroido moañés. Alí estaban uns mozos coa frauta que, co tempo, se converteron en grandes gaiteiros como X. M. Budiño ou Iván Costa. Tamén formaban parte do grupo músicos da súa orquestra, algún percusionista, un baixo ou un guitarra. Non se conformaba coas voces soamente.

Xil Ríos sempre acudía onde o chamaron para dar un pregón ou para colaborar nun festival benéfico e se non foi máis veces era por falta de músicos que o acompañasen no escenario, nunca por falta de boa vontade.

Moi poucas persoas teñen posto a Moaña, a Galicia e ao noso idioma no mapa do mundo tal como el o ten feito durante tantos anos. Xil Ríos é merecente sen ningún xénero de dúbidas desta distinción de FILLO PREDILECTO que lle outorgará a Corporación moañesa nos próximos días. Vémonos o vindeiro venres no salón de plenos.

(*) Secretario da Agrupación Cultural Nós e membro da Comisión promotora do nomeamento.