Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pablo Martínez "O paso de Patrimonio recoñece o que sempre pedimos: conservar e rehabilitar os estaleiros"

A Xunta iniciou o procedemento para catalogar como ben cultural as carpinterías de ribeira de Casqueiro e Calragho e acadar a súa protección

Gonzalo Silva, Asunción Sóñora, Pablo Martínez, Miguel Cidrás e Juan Álvarez, directivos de Sueste.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou a incoación do procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do conxunto dos estaleiros de Casqueiro e Calragho ubicados no centro de Moaña. Esta medida, que contempla a súa protección preventiva mentres se prolongue a tramitación, adoptouse tralo visto bo á solicitude formulada pola Asociación Recreativa e Cultural Sueste, que emprega estas carpinterías de ribeira na súa tarefa de restauración de embarcacións tradicionais. Pablo Martínez (Moaña, 1959), é o presidente deste colectivo.

-Como recibiron a incoación da catalogación das carpinterías de ribeira?

-Como xunta directiva aínda non nos reunimos para valoralo oficialmente. Pero nun primeiro momento a acollida é positiva. Era o que buscabamos cando fixemos a solicitude no mes de maio. Pero aínda quedan pasos por seguir. É un recoñecemento ao que nós levamos dicindo dende hai tempo, que merece a pena conservar e rehabilitar estas estructuras. Sabiamos que estaba a piques de saír no DOG porque nos mantivemos en contacto con Patrimonio, pero onte nos colleu un pouco de sorpresa, como a todos.

-Agardaban que Patrimonio ordenase a protección preventiva?

-A solicitamos nós tamén, pero o contempla a propia Lei para protexer os bens durante toda a tramitación.

-Con que espírito solicitaron esta catalogación?

-Co obxectivo de conservar as carpinterías de ribeira. A catalogación da lugar a un grado de protección do ben cultural. Esta protección implica todo o que son as construccións e, sobre todo, o que se fai nelas. Isto é un dos puntos importantes. Na propia orde pon que estes estaleiros se deben adicar ás actividades tradicionais e se recomendan tamén actividades de posta en valor e transmisión do coñecemento.

-Cal é o futuro das carpinterías de ribeira de Casqueiro e Calragho?

-Lóxicamente o futuro está aínda por decidir. Nós sempre nos propuxemos a conservación en primeiro lugar. Despois viría a rehabilitación e en tercer lugar chegar a un proxecto museístico.

-O pleno aprobou unha moción solicitando a cesión dos estaleiros á titularidade municipal para a súa musealización. Sería unha saída?

-A protección de Patrimonio é un paso distinto ao da propiedade ou a concesión de Costas. Implica a protección como tal do ben. Pero a nosa postura é que estes bens revirtan ao Concello para conservalos e rehabilitalos.

-Algo similar ao que ocorreu en Bueu co Asteleiro da Banda do Río (coñecido como "A de Purro"), non?

-Exactamente. Pero nós confiamos que isto chegue a bo porto antes que en Bueu, porque estes estaleiros están en mellores condicións que o de Bueu. Aquí se realiza unha actividade mentres que o de Purro estaba abandonado.

-Temían que as protestas da Plataforma Beiramar sobre o paseo marítimo de Seara acabasen por impulsar o derrubamento das carpinterías de ribeira?

-Si. Claramente o paseo, tal e como estaba proxectado, facía dano aos estaleiros por dous motivos. O de Casqueiro, co derrubo dos 6 metros prácticamente viría abaixo. Por outra banda, un paseo polo borde litoral, por moito que queiran dicir, impide sempre a saída ao mar.

-Tal e como están as estructuras, non sería viable ceder os 6 metros de servidume?

-Non. Seguimos na nosa idea. Ceder os 6 metros significa o derrubamento da carpintería de Casqueiro e impide o paso ao mar porque o paseo iría máis elevado que o estaleiro. Nós apoiamos calquera solución que conserve os estaleiros. Ben sexa rodeando estes bens pola beirarrúa ou ben sexa cunha pasarela voada sobre o mar. A nosa posición sempre foi conservar os estaleiros e rehabilitalos, non impedir o paseo marítimo.

-Que intereses pode haber detrás de alguén que queira derrubar estas carpinterías?

-Non o sei realmente. Non temos datos. Houbo de todo, ata propostas de facer un aparcadoiro, pero descoñecemos os intereses.

-Cando naceu Sueste como asociación?

-Como asociación estamos constituídos dende 2003, o que pasa é que xa levabamos máis tempo aquí no estaleiro. Dende finais do 2001 aproximadamente. Dende entón nos dedicamos á rehabilitación de embarcacións tradicionais.

-Cantas embarcacións rehabilitaron nas instalacións de Moaña?

-O máis destacado e grande é o galeón "Eliseo", pero tamén chalanas, botes e gamelas. Rehabilitamos cinco embarcacións da asociación e traballamos no mantemento das restantes. A asociación ten catro embarcacións propias pero somos uns 30 socios e case todos teñen os seus barcos. Dentro das nosas actividades temos a programación cultural da Semana do Mar, con charlas, presentacións de libros, proxeccións ou recitais de música, ademáis de xornadas de portas abertas e exposicións para a posta en valor dos estaleiros.

-Hai relevo xeracional en Galicia na defensa das embarcacións tradicionais?

-Hai algún sector da xuventude interesada, pero outros non. É unha labor de concienciación. En Galicia chegou a haber un auxe deste tipo de asociacións e cando nos reunimos falamos da importancia de incorporar aos rapaces, porque é o futuro.

-Cantas carpinterías tradicionais se conservan en Moaña?

-Quedan estas dúas, a de Rouco en Meira e outras dúas en Domaio. Pero en activo ningunha. A única da ría de Vigo plenamente en activo é a carpintería de Claudio, en San Adrián.

Compartir el artículo

stats