Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Casilda Alfaro: "A hipocrisía da que falaba Molière está máis de actualidade que nunca"

Representa á Señora Pernela na montaxe de "Tartufo" que o Centro Dramático Galego leva hoxe á escena no Auditorio de Cangas

Unha escena de Tartufo, con Casilda Alfaro -terceira pola dereita- no papel da Señora Pernela.

A actriz Casilda Alfaro interpreta á Señora Pernela, a nai de Orgón, na montaxe da obra Tartufo (1664), de Molière que pon en escena o Centro Dramático Galego (CDG). A obra chega ao Auditorio de Cangas esta noite, a partires das 21.00 horas. A montaxe está dirixida por Carles Alfaro e con Vanesa Sotelo como axudante de dirección. Cangas é unha das 9 localidades galegas nas que se poderá ver esta obra clave do pai da comedia francesa.

-Como valora a personalidade da Señora Pernela, o seu papel na obra?

-Vén dunha familia burguesa e que defende os valores tradicionais da súa clase. A montaxe de Carles Alfaro sitúa a acción nos anos 20 do século XX. A Señora Pernela representa o pasado en contraposición aos novos aires dos anos 20. É unha muller moi relixiosa, cuns valores clásicos. Cre profundamente nos valores relixiosos de Tartufo. É a que o defende ata o último momento.

-É unha adaptación de Tartufo ao século XX entón?

-Está ambientada nesa época, pero o texto orixinal de Molière se respecta totalmente.

-Como se traballan obras tan coñecidas como as de Molière?

-Con este director, o que fixemos foi analizar moi ben o texto. O traballamos moitísimo. Nos centramos no significado detrás das palabras. Carles Alfaro fala de traballar en presente e ser sutiles e elocuentes. O importante era entender profundamente a palabra e a dialéctica da obra. Trátase de falar e discutir como na vida, non de soltar un texto de memoria. Adicamos moito tempo a isto. Logo xa tocou ensaiar como calquera outra obra. Eu xa interpretara Tartufo, con Teatro de Ningures, no ano 2005.

-O tema central de toda a obra amosa os perigos de confundir a hipocrisía coa honestidade, e viceversa. Trátase dun tema de actualidade en todas as épocas, pero quizáis agora máis que nunca, non?

-A hipocrisía dun "falso devoto" como Tartufo é algo que se da sempre, pero agora máis que nunca.

-En Cangas levades a cabo a penúltima función do Tartufo do Centro Dramático Galego, tras interpretar a obra en distintas localidades. Como foi a acollida do público?

-Estivemos prácticamente un mes no Salón Teatro de Santiago, e despois temos 11 funcións noutras 9 localidades galegas. A verdade é que a acollida foi moi boa. En Santiago tivemos moitísimo público durante todo o tempo. Representamos tamén para estudantes e foi fantástico ver a súa resposta e como reaccionan ao texto da obra.

-O que agarda o público dunha obra clásica tan coñecida é moi distinto do que atopades ante montaxes orixinais?

-É unha comedia, pero unha obra de moito texto. O público ri, pero quere estar pendente para non perderse. É unha obra que dura dúas horas, pero a xente ri moitísimo. As personaxes de Tartufo non son realistas, pero teñen un fondo moi de verdade. O público cre ás personaxes. Observo que últimamente a xente quere rir. Creo que hai máis demanda de comedia. Nos dramas tamén hai boa resposta se é un bo texto.

-O teatro galego se está a recuperar, tras pasar por unha travesía polo deserto durante os anos máis duros da crise?

-Si. En Cangas, por exemplo, estivemos anos sen programación grande e estable. Agora é necesario facer unha moi boa programación, como está a ocorrer, para recuperar o público que se foi perdendo. Porque é moi doado perder o público, pero recuperalo é complicado. A ver se agora, que o público volve a ver unha estabilidade, se recupera a asistencia.

-O mesmo ocorre no resto de Galicia?

-En xeral esta recuperación está a pasar en todas as partes. Estou noutro espectáculo titulado As do Peixe e tivemos máis de 70 funcións e acadamos un cheo en case todos os sitios. Pero si que se observa que nos anos 2012, 2013 e 2014 perdemos moito público e partir do ano pasado se empeza a recuperar. Unha programación estable é vital, porque é o que chama ao público. Hai que facer ciclos con distintas características e que a programación teña unha estabilidade e unha coherencia. Así se vai recuperando o público.

-E existe unha renovación no público que acude ao teatro galego?

-Eu vexo que a resposta da xente nova está a ser impresionante, gracias a programas para os institutos. Os estudantes comezan a amosar un interese e en poucos anos se convertirán en público de teatro.

Compartir el artículo

stats