Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De arciprestado a simplemente zona (III)

Pasaron 22 anos desde a constitución da Mancomunidade do Morrazo e agora ábrese unha nova etapa coa Área Metropolitana

Recreación virtual do segundo ponte sobre a ría, proposto en 2007, denominado Ponte da Milla. // Arquivo autor

Outro factor que se debe ter en conta na evolución do Morrazo foi a posibilidade de constituir Mancomunidades de Municipios que contemplaban as competencias autonómicas desde abril de 1985. Mais non sería ata o 27 de setembro de 1994 que catro concellos do Morrazo, Bueu, Cangas, Marín e Moaña decidiran mancomunarse para compartir servizos, xestionar axudas e incentivar proxectos comúns, tendo como principais obxectivos compartidos, a acción social e a sanidade, a creación dun conservatorio de música de grao medio, un parque de maquinaria, a potenciación da comarca, a promoción cultural e turística e a recollida e tratamento dos residuos sólidos (lixo). Pero Marín, que en inicio estaba asignado á área de Pontevedra e decidira integrarse na Mancomunidade do Morrazo a petición dos veciños, optaría por abandonar seis anos despois (15 de xullo de 2000) a chamada oficialmente Fundación Comarcal do Morrazo. Como motivos da sua segregación alegarían que nestes anos non conseguiran ningún beneficio coa sua permanencia neste ente supramunicipal, senón tamén pola propia evolución que esta vila xa viña desenvolvendo desde anos atrás como dixemos. Daquela, o presidente da Mancomunidade e alcalde popular de Cangas, desde a escasa pero interesada óptica que só permite a política, cualificaría como "pataleta" a decisión marinense, non só ignorando a dinámica histórica da que vimos falando senón que ubicaría as sedes do conservatorio e o Rexistro da Propiedade en Cangas e a planta de lixo, os bombeiros e a ITV no parque da Portela, lugares que os de Marín consideraron pouco obxectivos e moi descentrados. Ben é certo que detrás disto xa estaban actuando sinerxias que levaban a Marín cara a área urbana de Pontevedra e a Cangas e Moaña, tamén con forte dependencia portuaria e sanitaria, cara a futura Área Metropolitana de Vigo, dificultando tamén que o demandado Hospital Comarcal tivese percorrido como si o tivo noutras partes con menos poboación. O máis curioso do tema é que o daquela presidente da Mancomunidade acusaría a Marín de automarxinarse cando quen realmente podía quedarse marxinado era Bueu ao non participar das emerxentes dinámicas (viais e transportes) que propician unha nova realidade territorial. Conseguidos algúns dos obxectivos propostos a día de hoxe, o ente mancomunado do Morrazo apenas xestiona a recollida do lixo que ainda anda agora a adaptarse ao reciclado e o compost xa daquela contemplados. Incluso no abastecemento de auga aos concellos, aparece xa a dicotomía dependencial, recibindo Bueu e Marín o suministro de Pontevedra, e Cangas e Moaña de Vigo, concellos estes que tamén se viron beneficiados co trazado da chamada Vía rápida (2005), pronto autovía, que incrementou o fluxo de interrelación coa nova capital, através dos chamados Transportes Metropolitanos Intermodais que, segundo pensan algúns alcaldes, son o que máis sentido lle dan á Área, obviando a importancia industrial en canto ao emprego: Entendemos que con isto queren indicar a forte dependencia da metrópole por se ubicar nela hoxe a maioría dos servizos básicos administrativos, hospitais, empresas...

A conformación da Área Metropolitana de Vigo non cabe dúbida que está a mudar e mudará as relacións de dependencia intermunicipais e que lle afectará en boa medida ás competencias e estrutura actuais da Deputación Provincial pero sobretodo tamén está xa a influir na área de influencia da capital, Pontevedra, e nalgúns concellos como Vilaboa (aspirante) e Soutomaior (xa na Área de Vigo) que non saben ben ainda por que carta apostar. Ao que sabemos a día de hoxe, a Área de Pontevedra ainda está sen estruturar, ao menos en canto aos transportes e algunhas propostas neste sentido pretenden conformarse sobre o eixo ferroviario con Vilagarcía que une tamén os concellos antes citados e de aí as suas dúbidas. Mais, como sempre, van quedar concellos periféricos que non contan con este servizo aos que hai que lle dar alternativas como pode ser o caso de Bueu, Cerdedo-Cotobade, A Lama... Porén, ante esta proposta, concellos pontevedreses como Lalín, xa se teñen pronunciado en que a sua área de influencia está máis ligada a Santiago...

Ainda así, neste asunto dependencial e territorial que vimos comentando, estanse a xerar problemas competenciais como o dos Bombeiros do Morrazo aos que, quizais relembrando a antiga xurisdición, lle asignaron Vilaboa no Protocolo de Emerxencias cando está máis perto o parque de Pontevedra. Onde non houbo deconstrución do Morrazo, senón todo o contrario, foi na nova denominación vitivinícola de recente creación Ribeiras do Morrazo que ademáis de abranguer o territorio da antiga arquidiócese, incorpora produtores de Poio ou Redondela.

E así rematamos este repaso histórico sobre unha zona que naceu hai 1500 anos como unha demarcación eclesiástica, sinalando algúns dos fitos e avatares que a foron "deconstruindo" ata chegar a actual dependencia das metrópolis, tanta nalgúns casos que xa se define habitualmente con un ambiguo Zona do Morrazo e incluso hai uns meses limos nun blog a cualificación de Cangas e Moaña como "barrios marineros" de Vigo. E que dicir daquel vello proxecto do "funicular" de Leri entre a Guía e Moaña ou do máis recente da chamada Ponte da Milla (mellor doble milla) entre Alcabre e Balea proposto no 2007 pola Asociación de Promotores Inmobiliarios que foi moi contestado, non pola magnitude da ambiciosa obra senón porque prexudicaba as fermosas vistas e a posta de sol nas Cies... Tampouco sabemos se foi premonitorio, casual ou intencionado, pero desde cando se fixo a remodelación do peirao de pasaxe, unha oliveira é a que nos recibe no porto de Cangas... Como sexa, o caso é que estas e outras lideiras anecdóticas e a nova e molto agitata conformación da Área Metropolitana darían pé, máis ou menos axeitadamente, a estas reflexións.

(*) Mestre e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats