Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De arciprestado a simplemente zona (II)

Entre os factores que incidiron no concepto unitario do Morrazo estaría o inicio da decadencia de Pontevedra desde o século XVII

Arciprestado do Morrazo e concellos actuais. // Arquivo do autor

Entre os factores que máis influirían no concepto unitario do Morrazo podemos considerar o inicio da decadencia de Pontevedra xa desde o século XVII, debido á falta de interese por parte da Coroa de Castela e á perda de calado do porto no río Lérez. Nos anos seguintes habería que sumarlle tamén a inestabilidade política, provocada por las constantes guerras que había en ese momento como o conflito con Portugal, a sucesión á coroa española ou a ocupación inglesa... Todo isto levaría a Pontevedra a perder gran parte das relacións comerciais que se desenvolvían na Moureira e portanto ao decaemento do comercio exterior. Esta etapa de decadencia de Pontevedra e tamén de Galicia que se extende ao século XVIII vai trastocar, obviamente, as suas relacións coas poboacións que orbitaban no seu influxo económico e político como eran as do Morrazo.

Outro factor importante na desestruturación da antiga comarca morracense sería a recuperación do antigo vial Pontesampaio - Pontevedra que ainda serviría para que os ingleses ocupasen a cidade en 1719 e despois de quince días de ocupación a deixasen sen moitos dos seus edificios máis emblemáticos. Ata esta última utilidade bélica, o mencionado vial non tiña demasiado trafego comercial ou de viaxeiros polo seu deplorable estado. Sería en 1797 cando o bispo Sebastián Malvar y Pinto, natural de Salceda, decide construir una verdadeira estrada sobre a vella verea, que una Santiago con Pontevedra, dotándoa de bo firme, pontes, paradas, fontes, áreas de descanso e legoeiros mesmo con reloxio (de sol) e marcación das legoas. Esta estrada sería o alicerce da posterior N-550 pero xa sería daquela cando se empezase a conformar un espazo entorno dela que afastaría na sua dinámica e sinerxias a boa parte das parroquias que conformaban o Morrazo.

Como vemos, os viais terrestres van xogar un papel importante na conformación dos espazos de relación e, despois disto, algunhas parroquias de Vilaboa, Moaña, Cangas e Bueu ficarían máis illadas ao contar apenas Cangas e Bueu cun camiño de ferradura que se iría convertindo de roda pola influencia dos fomentadores cataláns, sobretodo os Massó de Bueu cuxa vila estaba case incomunicada co ramal principal. Desde antigo, o mar era a principal via de saída do peixe para os portos da península e para as feiras e mercados da Galicia e Castela através de Pontevedra, Redondela e Vigo. Mais sería a chegada do ferrocarril a estes puntos o que mudaría o fluxo comercial pesqueiro por via terrestre precisándose boas comunicacións coas estacións. Contodo, a necesidade de intercomunicación no Morrazo de finais do XVIII ainda activaría a creación dunha estrada Marín - O Con que se consideraba necesaria para vertebrar os núcleos do territorio que quedaba da antiga comarca, ainda cun certo carácter identitario. Pero Marín xa comezaría desde cedo a acusar a dependencia de Pontevedra ao irse convertendo no porto alternativo da gran vila, inaugurando Comandancia de Mariña no 1903 e beneficiándose portanto, das melloras en estradas, tranvía, tren, etc. e adquerindo unha dinámica económica e social diferente aos demáis concellos e áreas.

Outro punto importante na desestruturación xeográfica foi a constitución provincial que convertía a Pontevedra na capital dunha nova provincia conformada pola antiga de Tui e as terras de Santiago, situadas do Ulla para abaixo. Iniciaríase en 1814 por iniciativa das Cortes liberais de Cádiz, baseada en parte nas prefecturas creadas polos franceses, mediante a modificación dos partidos xudiciais a proposta das deputacións. Ainda que non se faría efectiva ata 1821, este xería o xérmolo dos novos concellos que farían desaparecer os coutos e xurisdicións, ainda que en moitos casos ainda pasaría por notables modificacións de límites. Tales son os casos das parroquias de Hio e Aldán como concello en 1921, agregadas logo a Bueu para integrarse en 1837 no concello de Cangas (só coa vila e máis Darbo), agregación que non aprobaría a Deputación ata 1873. Ou o caso de Coiro e Tirán, concello desde o 1814 que logo en 1821 repartiría as parroquias entre Cangas e Meira. Ou este concello que logo pasa a chamarse Moaña, integrando a Domaio que tamén era concello. E este vaivén de parroquias tamén se produciría en Marín e outros concellos da antiga xurisdición do Morrazo. No eido da xustiza tamén houbo mudanzas pois a comezos do século XVII, ao xuiz de Cangas correspondíalle a xurisdición en 13 freguesías con 1.500 veciños (incluída a illa de Ons) correspondentes máis ou menos cos actuais concellos de Cangas, Bueu e Moaña. Na división xudicial de 1921 estes concellos pasarían a depender de Pontevedra, abríndose en Cangas un xulgado de distrito durante o franquismo. A distribución actual do distrito, porén, xa adopta tamén a distribución norte - sur, pasando Bueu a depender do xulgado de Marín e Vilaboa do de Cangas.

A ubicación da capitalidade da nova provincia tamén foi problemático e había dirimirse entre Tui, Pontevedra e Vigo, con similitude de poboación, chegando a ser uns anos esta cidade, capital da sua propia xurisdición contando co apoio de destacados xuristas, xeógrafos e políticos como o marqués de Valladares que argumentaba que Vigo é o principio dun gran pobo mentres que Pontevedra é término do que foi... Se nas casas de Pontevedra abundan os brasóns, nas de Vigo tamén os hai que teñen barricas de sardiña prensada, fisgas ou tridentes, redes, nasas e outros aparellos... Incluso despois dun enfrentamento armado cos vigueses, ao final imporíase Pontevedra administrativamente por cuestión de centralidade no novo territorio ainda que o marqués non ía descamiñado e ao pouco Vigo comezaría a prosperar como porto, deixando ver a sua influencia nos concellos do sur do Morrazo e a dependencia destes no trato do peixe ao dependeren da lonxa do Berbés entanto Bueu e Marín contaban coas suas propias.

Contodo, o fluxo de viaxeiros, mercadorías e o mesmo correo por terra, seguirían tendo como referencia a Pontevedra apesar de construirse os novos viais de enlace por Moaña e Vilaboa coa estrada a Vigo, cidade que ainda quedaba lonxe. A mellora no transporte de ria a partir de 1916 contribuiría ao achegamento coa beira de enfrente que seguía mostrando un crecemento imparable. E agora que se volve a falar da fusión de concellos sobre a que hai uns anos se alporizarían os numerosos alcaldes do PP coa proposta de Xosé Crespo,anterior alcalde de Lalín, temos que dicir que moito antes, na República, o alcalde de Cangas Francisco Eiroa e o de Moaña, José Romero (ambos lerrouxistas) xa propuxeran unir os dous concellos sen éxito.

Pero o maior atractivo da metrópole daríase a partir dos anos sesenta cando se dispara o bun económico de Vigo, cidade que xa estaba en alza coa estrada de Castela, o ferrocarril, a industria naval, a conserva, a pesca... e que xa sobrepasaba á capital en poboación e dinamismo. Estes factores e a superación da orografía do trazado, propiciarían a apertura da ponte de Rande a comezos de 1981, obra fundamental na estratéxica Autopista do Atlántico que se en inicio contaría co freo da peaxe, habería mudar definitivamente a dinámica e as relacións dos concellos do sur do Morrazo ao se eliminar este pago en 2006, conseguido en parte pola demanda e presión popular. Contodo, cremos que os veciños do Morrazo, motorizados, deben ser conscentes de que a peaxe segue a pagarse de xeito estimativo (peaxe na sombra) por parte da Xunta de Galicia é dicir cos cartos dos os galegos.

(*) Mestre e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats