O Concello de Moaña, coa colaboración da Deputación organiza por primeira vez un programa este outono de espectáculos culturais para nenos, co obxectivo de ampliar a oferta cultural infantil e familiar e á vez dinamizar o emprego da lingua propia de Galicia.

Son oito espectáculos baseados no teatro, os contacontos e a música baixo o nome "Rechouchíos", un nome que fai referencia ao icono dun programa que aspira a asentarse no tempo: Trátase da pintura dun polo que o ilustrador Marc Taeger fixo nas paredes da zona infantil da biblioteca de Quintela. Cedeu os dereitos para este programa.

A primeira das actividades será hoxe mesmo, a partires das 18.00 horas, no salón de actos do IES As Barxas. Trátase dun espectáculo con contos e música en directo titulado "A viaxe das palabras", da compañía A tropa de trapo. Como todas as actividades se dirixen a nenos a partir de tres anos e a entrada é de balde.

O venres 18 de novembro o local social de Tirán acolle "Contos de animalario", que son contos populares da compañía Daboapipa.

O 25 de novembro serán os nenos de Domaio os que gocen do conto ilustrado con música en directo "Ollando ás Estrelas".

O mes de decembro comezará, o venres día 2, coa obra de teatro "Chíos", dirixida específicamente a bebés. Os outros venres do último mes do ano se programa o teatro de maxia e circo "Contos de lobo" e o espectáculo de narración oral "Vai de bechos".

Xa co gallo da programación de nadal, a carpa que o Concello instalará no palco da alameda acollerá o día 23 a obra de teatro xestual e acrobacias "Circanelo". O 30 de decembro, no mesmo escenario, Magín Blanco protagoniza un espectáculo musical.