Os máis de 3.500 libros da biblioteca de Meiro devecían dende o ano 2007 por alguén que os collese, que pousara a súa mirada neles e que fosen de novo lidos, que para iso foron escritos. Despois de case sete anos pechada pola falta de persoal a Axencia de Lectura da aldea volve a abrir e sentir vida no seu interior. En gran medida é posible grazas ao entusiasmo e vontade dun mozo da aldea, Daniel Durán Chapela, que se prestou voluntario para abrir as instalacións e tentar dinamizalas coa axuda da Asociación de Veciños A Morada e do Concello de Bueu.

Nesta nova etapa a biblioteca conta xa con cerca de 20 socios. "O obxectivo é chegar a cerca dos 80 antes de final de ano e logo acadar os 100", explica Daniel Durán, que acudiu onte a presentación da reapertura nun acto no Concello. Xunto a el as concelleiras de Turismo, Silvia Carballo; de Ensino, Tere López; e o presidente e vicepresidente da asociación A Morada, Pablo Portela e Xosé Antón "Seso" Portela. A axencia de lectura, que está situada no mesmo inmoble que a Casa da Aldea, estará aberta os luns de 18.00 a 21.00 horas e os martes, xoves, venres e sábado de 16.00 21.00 horas. No tempo que leva aberta xa retomou a creación de clubes de lectura, unhas tertulias nas que de momento se comentaron novelas de Charles Dickens e Carmen Martín Gaite. "A biblioteca está integrada dentro da rede municipal polo que os veciños que fagan o carné de lector poderán acceder aos fondos do resto de centros bibliotecarios da vila", explica Daniel Durán. O mozo está incluso traballando coa dirección do IES Johán Carballeira para establecer un convenio de colaboración.

O Concello e a asociación veciñal A Morada non ocultan a súa satisfacción pola recuperación dun espazo que ata o momento languidecía por falta de uso e persoal. "Temos que agradecer a vontade de Daniel. A idea foi súa porque é unha persoa moi inqueda e activa", explican dende a directiva veciñal, que destacan que o obxectivo que se persegue é dinamizar a cultura na aldea e facilitar que os veciños teñan acceso aos fondos bibliográficos da axencia de lectura.

As actividades de dinamización van comezar xa este mes. A primeira vai ser un recital poético que se vai celebrar o venres 28 outubro a partir das 20.30 horas e no que colabora a Librería Miranda. Como se trata de celebrar o rexurdir da biblioteca da aldea nada mellor que unha sesión poética centrada nalgúns dos autores do rexurdimento literario galego, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Neste recital estarán Lucía Novas, Miriam Ferradáns e Xosé Daniel Costas. Pero a participación está aberta a todos os que desexen participar, xa sexan pequenos ou maiores. Poden anotarse chamando ao 722 24 59 79 (en horario de 15.00 a 21.00 horas) ou acudindo o mesmo día do recital, no que está prevista a actuación do grupo tradicional Recordos da Nosa Terra.

A biblioteca vai abrir con horario especial o domingo 30 de outubro, adiantándose ao Samaín. Esa noite vanse proxectar películas de medo, haberá contos de terror e un obradoiro para o deseño de cabazas, entre outras actividades. Os interesados en participar poden anotarse chamando ao 722 24 59 79 ou escribindo ao enderezo electrónico axenciameiro@gmail.com.