Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1960-1975 (VI)

O cine Prado acollía festivais benéficos e da mocidade con moita obra irónica

Xosé Carlos Villaverde

Entre as primeiras obras teatrais que se representaron nos festivais do cine Prado a partir de 1963, foi La Dama del Alba, de Alejandro Casona e intepretada por Ana Blanco, Isabel (A Malagueña), Pucho del Río, Clarita e Rosita Núñez Tenorio, Antonio Tomé (Choquito) e Manuel Piñeiro Alonso como actor e director. A obra acadou tal éxito que foi levada posteriormente ao cine Montefaro de Domaio e ao Avenida de Cangas.

A posta en escena da chamada Funerales e Danzas, de autor descoñecido, resultou moi comentada. A trama trataba do fillo dun ricachón que fora estudar fóra da aldea ao que o pai lle mandaba cartos que gastaba en todo menos nos estudos. Cando se lle acabaron, o fillo inventa a súa morte e organizoa un enterro que pagaba o pai. Pois, resultou que os actores Suso Martínez, Nel Villaverde, Siño (Marqués), Cándido Paredes, Pucho Nogueira (Lula) e Pucho del Río foron buscar un catafalco vello e podre a un almacén en desuso que tiña nos Carreiros (detrás da gasolinera) Jesús Seoane (Botatronos) e levárono ao lombo ata o cine Prado. Na función Suso Martíñez, que bordou o papel de fillo dilapidador, tivo que deitarse dentro do féretro.

Sobre o ano 1963, Nel Villaverde e Ángel Pérez Casás (O Cho) calcaron o papel na obra de Charles Dickens El Anticuario, a cal repetiron posteriormente no cine Monte Faro de Domaio.

En xullo de 1964, a Acción Católica de Moaña, dentro do programación anual de dedicarlle un día a mocidade organiza a chamada Primera Semana de la Juventud, dividindo a programación en catro bloques: unha exposición de traballos feitos pola mocidade, dous ciclos de conferencias sobre o amor e matrimonio, un festival artístico e clausura con concentración, misa e xantar campestre nas Barxas.

No festival houbo, como xa se dixo, baile galego, recitais poéticos, coros de Tirán e da Praia e representación teatrais. Dentro deste último apartado vemos unha mostra dos de Abelendo, que actuaban nas veladas do Cruceiro, repiten neste festival con dous sainetes. O primeiro Vaya Criada ou Chicas de Hoy, obra xa comentada. O segundo foi Orlando el Furioso, de Ludovico Ariosto, con representación masculina dirixida por D. Ricardo Vidal. Pola súa parte, a mocidade da Praia levou a coñecida obra Sindo el Tonto, montada con Suso Martíñez, Pucho del Río e Cándido Paredes. A clausura desta primeira semana dedicada á mocidade celebrouse no bosque das Barxas e tivo coma colofón final, xogos, cantos e concursos varios con grande participación e éxito.

A Acción Católica entra en crise en 1967 coa desaparición case total dos movementos especialistas, tales coma os Círculos, Cursos de Cristiandade, etc. Non obstante, en Moaña, seguiron ata finais dos anos 60, polo tanto, durante eses anos facíanse dous festivais, o do verán e o benéfico de inverno. Pero, ao non haber constancia escrita, logo de pasados máis de cincuenta anos, créanse dúbidas e confusións nos nosos informantes para distinguir se unha obra foi representada nun festival ou noutro e incluso para concretar o ano e os mesmo lembrar a tódolos actores.

Os do Cruceiro seguían participando con obras irónicas como o das Letanías, traídas polo seminarista Xosé Antón Parada, coa colaboración de Francisco Pena Calvar. No mesmo sentido de ironía resultou a comedia cantada Operación Riñón sobre 1968, xa representada no Cruceiro, pero neste caso con algunhas variacións dos actores. Repetían Francisco Pena no papel de médico e as enfermeiras Isabel Collazo, Isabel Cruz, Fita e Rosa Collazo e Lolo Rodas. Como novidades presentaron a Rodrigo Chorén de enfermo e a Filiberto Fernando Collazo de anestesista. A montaxe da obra estaba dividida. Unha primeira parte no hospital onde cantaba o equipo médico:

¿Compañero, compañero. Tú que opinas?.

Yo que tiene viruela.

¿Por qué tiene viruela?.

Porque también la tuvo su abuela.

Anastasista, anastasista,

duerme a este hombre por favor.

Cojo la porra, cojo la porra,

y duerme como un lirón.

O paciente faleceu na operación e empezan a extraer do ventre, latas de conservas, restra de chourizos, cordas e outras cousas. Logo pásase á segundo parte, imitando un enterro con tres curas cantando responsos:

Dies irae. Dies illa (en latín). Si eres parvo espabila.

Et ad futurus. Et da futurus (en latín). Cinco duros, cinco duros.

Esos si que están seghuros,

... a conta de catro burros

Si é pobre e non ten nada,

non se fai a foliada.

Se é rico e con diñeiro,

e mátese o meu carneiro,

e ímolo comer para o Outeiro.

Kiriy eleisón, kristy eleisón (en latín).

Os cartos para o queixón.

Para encher a miña barriga.

A conta deste lambón.

Os da Acción Católica, organizadores dos festivais no cine Prado, acadaron unha fórmula, a cal deu coma resultado a montaxe de obras moi simpáticas elaboradas por eles mesmos. Cada ano elixían un tema e saían á rúa, observaban frases da linguaxe popular que a xente dicía con seus xiros e expresións, logo as gravaban nun magnetófono ata conseguir o guión. De aí saíron obras costumistas sobre O Mercado, diálogos da tenda e da Praza de 1966 interpretada por Dora Sequeiros, Lola Gestido (Vilela), Suca Costa Alonso, Suca Villaverde, Mari Carmen Alonso, Filo Jalda, Pegina e os irmáns Suso e Jorge Santomé.

No ano seguinte o tema a tratar era o Diálogos de tascas e tabernas na que contribuíron un gran elenco de actores autodidactas, compostos por mozos e mozas da Praia, A Seara e O Vaticano (ou Gorita). Estamos a falar de Dora Sequeiros, Claudino Pena Veiga, Luís Riobó, Ángel Pérez Casás, Álvaro Chapela (Varito da Juaniña), Suso Martínez, Nando Alonso Portela, Pablo Riobó (Lucha), José Manuel Rodríguez (Nelito) e como matrimonio de turistas, madrileños era Nando Magdaleno Paz (Uruguayo) e Suca Costa Alonso, e de fillo Manolito Costa Alonso xunto con outra filla.

Diálogo cun emigrante

Tamén inventaron un diálogo entre un emigrante retornado de Arxentina (Nando Magdaleno) preguntando pola casa dos antepasados a unha vella (Dora Sequeiros), creando unha atmosfera simpática entre a desenvoltura e rico léxico daquel boludo e a curiosidade da nativa que lle preguntaba: ¿E ti de quen vés sendo? Interpolouse nese diálogo aquel famoso proverbio, do indiano retornado que esquecera o nome do angazo ata que o pisou e deu co cabo en plena faciana. Ou expresión cultas: ¡Que idiosincrasia tené este pueblo!. Si, si un indio sin jrasia..., díxolle o paisano (Suso Martínez). O guión desta peza tamén foi creación propia dos membros da Acción Católica: Nel, Candido Paredes e outros.

Posiblemente a última obra desta xeración fora sobre 1968 ou 1969, coa posta en escena dunha romaría popular, ambientada ata cos famosos barquillitos de trigo coa súa ruleta e todo.

Compartir el artículo

stats