Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A presenza do poeta Manuel María en Cangas

O secretario da Asociación Cultural A Cepa repasa catro ocasións nas que o escritor estivo nesta vila do Morrazo

Manuel María, entre Euloxio López, Bernardino Graña e Miguel Anxo Fernán Vello, nun acto na alameda de Cangas. // A Cepa

Que teñamos noticia o escritor Manuel María, o poeta do pobo e da xente, estivo no Morrazo, en Cangas, polo menos, en catro ocasións que lembremos:

A primeira vez que temos novas del por aquí foi na primavera de 1984, nun acto organizado polo xornalista Xosé Currás e polo funcionario Camilo Camaño Xestido e consistente na celebración dun recital de poesía a cargo de máis de vinte poetas dos máis representativos de Galicia, e que sería dedicado ao poeta popular recentemente finado Serafín. Este acto de homenaxe no cine non foi autorizado polo alcalde de entón Lois Pena e os organizadores trasládano a última hora para o salón de actos do colexio da Compañía de María. Pola mañá realízase un acto de desagravio coa descuberta dunha placa na rúa Cega e ás 12 da mañá do día 8 de abril de 1984 celébrase o recital dos poetas galegos coa participación de Xoaquín Agulla, Xavier Alcalá, Antón Avilés de Taramancos, Vítor Vaqueiro, Alexandre Cribeiro, Darío Xohán Cabana, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán Vello, Salvador García Bodaño, Bernardino Graña, X.L. Méndez Ferrín, Manuel María, Martínez Oca, Uxío Novoneyra, Carlos Oroza, Alfonso Pexegueiro, Millán Picouto, Xosé Manuel Millán, Manolo Rivas, Ana Romaní, Margarita Ledo Andión, Susana Trigo, Xela Arias, Cesáreo Sánchez Iglesias, Ignacio Taibo, Rafael Fernández, Sito Pena e os poetas populares de Cangas Pepe Poeta, Cecilio Rial e Pepe Pereira.

A segunda vez foi no 1989 convidado ás xornadas organizadas pola asociación cultural Xiria no ano de celebración das Letras Galegas, falando de Celso Emilio Ferreiro. A terceira ocasión que visita Cangas foi en xuño do ano 1996 acompañando a Bernardino Graña que recibía o premio ao escritor na súa terra outorgado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Aquí volve Manuel María a viaxar pola Ría de Vigo que tanto quixo aquel que gustaba dos ceos abertos e azuis da Terra Chá nativa.

E a cuarta foi para impartir dúas charlas nas Xornadas da Lingua que organizou a Cepa en abril de 1997. Pola mañá viaxou dende Monforte para falar na escola de Adultos de Cangas sobre a Poesía Popular. Despois da Charla seguida de coloquio asinou no libro de honra do Concello convidado pola alcalde que entón era Euloxio López. Despois convidado a xantar no Gatañal de Joaquín en Darbo descansou pola tarde e ás 8 da tardiña xa estaba preparado para impartir unha conferencia sobre o escritor Anxel Fole na Casa da Cultura de Cangas ateigado de persoas que acudiron a ecoitalo moitos deles alumnado do IES María Soliño que coorganizara coa Cepa este acto presentado polo profesor, o catedrático de matemáticas César Varela.

Con Manuel María lembramos ao escritor e ao home de gran altura humana e literaria que se entrega ao seu pobo e que lle ofrece ao noso país o que máis e mellor ten: a memoria e a palabra. Lembramos ao irmán maior, ao pai e ao mestre que multiplicou o seu maxisterio por todos os lugares da Galiza. Lembrámolo coma un espléndido embaixador e lembrámolo co seu humanismo, feliz por ter coñecido novas xentes de Cangas e do Morrazo todo, el que chegou a coñecer toda a nación nos máis de 700 actos que fixo por Galicia e todas as partes do mundo da emigración nos que foi convidado.

Agradecidos, Manuel, e Gracísimas, como el acostumaba dicir ao rematar as charlas, por vir coñecernos ás nosas terras da beiramar do mar de Xoán de Cangas na Ría de Meendinho, Martín Codax e Bernardino.

* Secretario da A.C. A Cepa

Compartir el artículo

stats