Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Soliña regresa a Cangas

A escultura da Escola de Canteiros presidirá o Parque da Palma desde mediados de maio

O alcalde contempla unha fotografía da escultura, xa rematada.

Hai unha débeda cunha figura mítica da historia de Cangas, que a penas conta con referentes nos espazos públicos da vila, e o goberno local quere empezar a saldalo coa axuda da Deputación, que se ofreceu a acondicionar unha das esculturas que elabora nos obradoiros de Poio á imaxe daquela veciña perseguida e condenada pola Santa Inquisición baixo acusación de bruxería. Esculpida en granito, duro como a súa determinación diante das adversidades que a farían tolear, a escultura de María Soliña xa está rematada, segundo lle comunicaron os responsables provincias ao rexedor cangués, Xosé Manuel Pazos, que prevé trasladala ao Parque da Palma na segunda semana de maio, coincidindo cos actos de celebración do Día das Letras Galegas.

Ainda que a data non está concretada, o máis probable é que a inauguración se oficialice o sábado día 14, para non coincidir coas múltiples actividades previstas para a xornada festiva. A elección do Parque da Palma responde a que se trata dun lugar céntrico, enfrente do consistorio, que non dispón de ningunha peza representativa e que permite colocala sobre o estanque. "Así, unha figura, tan ligada ao mar quedará representada como se estivera aboiando sobre as augas da ría, melancólica e á procura ideal dos seus seres queridos (marido e irmán) perdidos precisamente a raíz dunha invasión que veu do mar, a turca de 1617, que a deixou desamparada", xustifica o alcalde.

Pazos, autor dunha peza teatral sobre a lenda de María Soliña (apelido que se prioriza na literatura frente ao Soliño) é un dos múltiples autores que se teñen adicado creacións, como tamén o poeta Celso Emilio Ferreiro, musicado logo polo grupo de rock Astarot. Aínda así, tivo que ser o ex fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela, carballinés afincado en Cangas, quen, durante o pregón das Festas do Cristo, reparou publicamente na inexistencia dunha estatua que lembre a súa figura, e o goberno local recolleu o testigo para levalo adiante.

A obra non lle supón ao Concello custe económico algún, máis alá dos traslado da peza. Mesmo a dirección da obra de instalación, a mediados de maio, correrá a cargo dun técnico da Escola de Canteiros que se ocupará de que nade falle. Probablemente, o próximo ano o Parque da Palma acollerá algún acto previsto para conmemorar os 400 anos do desembarco turco e do inicio da lenda de María Soliña.

Compartir el artículo

stats