Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Johán Carballeira e o teatro: 1924-1935

O galeguista e exalcalde de Bueu recoñoce a prioridade de atender ao teatro "como medio de galeguización"

Na entrevista á Dra. Olimpia na revista Estampa (28-1-1930). // Arquivo

Falar de Johán Carballeira (José Gómez de la Cueva) é falar de periodismo, de poesía, das árbores, do mundo do mar e os seus problemas. Pero tamén é falar da cultura e, sobre todo, da raza humana, da sociedade e dun país que é Galicia.

A incursión no mundo do teatro de Carballeira cínguese a tres brevísimas pezas publicadas no xornal Faro de Vigo entre abril do 1924 e febreiro de 1925: a primeira titulada "El casamiento de la señorita Pardilla", en catro escenas de "Paxaritoloxía"; outra, publicada o día de Reis de 1925, como un 'Conto de Reis' titulado "El mejor regalo" e logo a peza-diálogo entre Curra e Mimí co título "La otra vergüenza".

Non se ten constancia da súa participación directa como actor, director, etc. nas obras representadas en Bueu agás no festival que no cine Victoria se fixo o 27 de marzo de 1924 na honra da Banda Popular de Música onde seu papel, en todas as obras representadas ("Juana Gray", "El padrón municipal",...), foi de apuntador.

Será no xornal El Pueblo gallego, entre 1928-1935, no que escribirá máis de vinte artigos onde de forma monográfica ou circunstancial tratará o tema do teatro no estado español e na Galicia en particular.

En 'Tornavoz' (1928), Carballeira cualifica coma "gris e monótono o panorama escénico español" e atopa dous culpábeis: as obras baseadas no divertimento que utilizan o chiste fácil e o "ollo polifémico do cinema". Como antídoto a isto receita dúas obras: "Hostia" de Cotarelo e "A fiestra valdeira" de Dieste "ese gran rapaz que nos achega dez horizontes coas súas mans".

Ao longo de 1929 media ducia de artigos séguennos a mostrar a súa preocupación polo teatro español. No primeiro deles titulado 'Teatro' expón as ideas sobre o teatro que Ricardo Baeza, Luís Araquistain,... habían debullado con anterioridade. Ideas todas elas que van confirmar a súa visión desoladora do panorama teatral e que van a influír en Johán Carballeira no futuro. Tanta vehemencia vertida fai que teña que escribir outro artigo 'Pirandello y compañía' simplemente para defenderse das críticas a 'Teatro' feitas desde Berlín por Augusto Assía (Felipe Fernández Armesto).

Noutro dos artigos, 'Fomento del teatro', Carballeira trata do pulo que se precisaría por parte das institución públicas para conseguir un teatro de calidade. Como exemplo disto presenta o impulso dado polo goberno italiano á organización dunha compañía dramática e, na boca da artista Margarita Xirgu, trata de describir as vantaxes cunha medida así causaría no teatro español: "Podería formarse un grupo homoxéneo capaz de chegar ás maiores temperaturas artísticas. Poderíase poñer en circulación todo o ouro vello de lei que garda o noso teatro clásico -o único teatro, có de Valle Inclán, de que dispoñemos verdadeiramente. Poderían tamén tomar corpo nos nosos escenarios as mellores pezas do novo teatro estranxeiro [...]. Poderíase coidar a obra dos noveis que foran merecedores [...] e poderíase, en fin, redimir ao infeliz espectador da anódina e indixesta carga dos nosos autores 'os consagrados' desgraciadamente tan vocingleiros e campantes coma mancos de enxeño e negados de aptitudes artísticas." E Carballeira remata, de forma mordaz, que o teatro español sentiríase aliviado da "conxestión que producen os irmáns Quintero e demais familia" que eran os que ocupaban a escena teatral española por esas datas.

En canto ao idioma, no artigo 'El otro resbalón' fai fronte a un comentario aparecido nun xornal criticando o uso do galego para escenas onde os personaxes sexan señoritos ou onde a atmosfera sexan salóns selectos... aos que resposta cun: "sabe de sobra que o noso idioma vernáculo é apto, de flexible e rico, para dar todas as emocións e expresar todas as ideas..." e logo aconséllalle ao columnista que deixe a pluma e que se dedique a outras cousas.

En 'Los de retaguardia' defende, "agora como home de teatro" a Ramón Gómez de la Serna xa que "hai que defendelo por ética e por estética" e todo a pesar do fracaso de "La vida blanca y negra" pois "un fracaso de Ramón ten un valor artístico máis positivo que cen éxitos" da "Congregación dos irmáns Quintero e Compañía".

Carga contra espectáculos

En 1930, segue a carga contra espectáculos, locais e representantes, neste caso de Madrid. Pero tamén o fai con dureza non só desmembrando as obras (tema, argumento, recursos utilizados,...) senón tamén á compañía de actores como o fai cando exerce coma crítico teatral da representación 'Las muñecas' de Pierre Wolf no García Barbón de Vigo.

Falando dos literatos independentes e ante as declaracións dun deles, Antón Giulio Bragaglia (Fotógrafo, cineasta, editor de arte e teatro no xornal 'L'Artista,...), e a pesar de que estas prodúcenlle "dor de cabeza" (o repite ata dúas veces) faise eco dunha afirmación deste onde di que "os mozos deberían queimar os teatros para lograr un mellor arte". Carballeira non dubida en manifestarse de acordo con "este consello tomado na súa transcendencia metafórica" pois "o noso arte escénico con todo ese ramo cativo e murcho deses autores en candeeiro é unha cousa tan triste que só pode purificala un incendio de indignación e desprezo".

Meses despois, no artigo 'Como se hace un drama?' parte da anécdota que se lle atribúe a Shakespeare que ante esta pregunta respondeu: -Busco unha situación dramática. E volvéronlle a preguntar -E como a atopas? El sentenciou: -Inventándoa. O que Carballeira confirma dicindo que "sempre foi así, no teatro e na vida. O drama sae a flor de terra cando se lle busca. Coa imaxinación para a arte e os feitos na vida..."

Escuro panorama do teatro

Nunha entrevista á periodista inglesa Cicel Sharp cando falan da Literatura Española aparece a pregunta e resposta seguintes: "Teatro? O teatro español actual non ten interese. Os pobres Marquina, Quintero, Martínez Sierra, Benabente, o tristísimo e lamentábel Linares Rivas -Poñamos aparte 'Los intereses creados'- son frouxos". El mesmo podería dar unha resposta semellante.

Esa mesma idea aparece debullada un artigo tras outro ('Coktail',...) pero sempre mostrando o escuro panorama do teatro español ao que menospreza e critica personificando esta, fundamentalmente, nos autores e produtores teatrais, pero tamén o fai co público que asiste ás representacións. A todos acusa de non permitir "as obras que non se parezan ás dos dómines en candeleiro".

No 1934, e desde o artigo 'A obriga da nosa xeración", no que fai un percorrido pola produción literaria galega amosando un panorama bastante negro e con respecto ao teatro di: "I en Galiza aínda falla a novela i o teatro. O corpo de isa pubertad degoirada d'únha cultura. Teatro, na estricta acepción que lle cumprem só temos 'A fiestra valdeira", de Dieste" (máis tarde ampliará a Cotarelo, Villar Ponte, Quintanilla e, ao aínda, nese momento inédito, 'teatro de máscaras' de Alfonso Castelao).

Será a partir desta data na que centre a maior parte da súa preocupación polo teatro na xeografía galega.

O mesmo Carballeira recoñécese coma o que "con máis desgarro proclamou" dende hai tempo o sombrío acontecer do noso teatro. Pero tamén apunta solucións, como a prioridade de atender ao teatro "como medio de galeguización e coma instrumento para preparar a chegada dese teatro propio que anhelamos". Para iso amplía a receita para que se escriba "en galego teatro selecto" pero tamén traducir "á nosa lingua materna ás obras máis representativas do teatro universal".

En 1935 segue a insistir que hai, entre outras cousas, que "dar corpo a un teatro galego" redundando nas mesma ideas de galeguización antes mencionadas pero mesturadas cun achegamento a Portugal. O mesmo fai no artigo que fala da homenaxe a Anxel Casal, insistindo no "teatro vernáculo", na tradución ao galego de obras universais, etc. Meses despois quéixase do pouco acerto, cara a divulgación do bo teatro, da elección de dúas obras de Wilian Butler Yeats que traduciron Plácido Castro e os irmáns Villar Ponte, por seren as "menos teatrais e quizais menos inmediatamente adaptadas á nosa escena". Días despois apareceu publicada na mesma editorial Nós unha obra, 'Matria', de Álvaro de las Casas que Carballeira compara coa 'Catuxa de Holiban' traducida de Yeats e as sinala de semellantes no palpitar do ideal nacionalista, antropomorfización da patria oprimida, etc. pero diferenciándose "radicalmente na adecuación do tema e, ao noso ver, [Matria] a supera en valores escénicos e dramáticos".

Compartir el artículo

stats