Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O mestre Enrique Vidal de Bustamante (II)

Defensor do valores republicanos en Moaña, asinaría manifestos a prol da mellora do ensino

Os mestres José XCorbacho, A. Taboada e Aquilino Álvarez. // Arquivo do autor

Unha semana despois da proclamación da República vai ter lugar en Moaña, o día 19 de maio, unha gran homenaxe a catro mestres do concello, Corbacho, Vidal, Taboada e Novás, asistindo á mesma moitos compañeiros de Vigo e da provincia, así como directivos das Asociaciones de Maestros, algúns vencellados ao Partido Radical.

Houbo manifestación previa e no mitin falarían o alcalde electo José Romero, os mestres Vidal de Bustamante, José Corbacho, José López Varela, Darío Blanco, Victor Fráiz e Gonzalo Martín March, vocal da Asociación Nacional de Maestros de Pontevedra. Despois destes, tomarían a palabra o xornalista e irmán de Enrique, José Vidal de Bustamante, pechando o acto o lider e deputado lerrouxista provincial Emiliano Iglesias Ambrosio. Os oradores, ademáis de exaltar a conduta cívica dos mestres homenaxeados, atacarían duramente á monarquía e ao caciquismo de Bugallal, Casas, Boente e Carballo, louvando os valores republicanos e solicitando a intervención da xustiza no asasinato da veciña Cándida Lago. O acto remataría coa interpretación do Himno de Riego, a Marsellesa e a Internacional.

O xantar que tivo lugar a continuación, contaría tamén coa asistencia dos líderes agrarios Basilio Álvarez (deputado e coñecido crego ourensán) e Ramón Salgado, recibíndose sobre duascentas adhesións ao acto e realizándose entre os asistentes unha colecta a prol da veciña asasinada. Asemade, aproveitaríase a ocasión para que case un cento de mestres reflexionasen en asemblea sobre a organización societaria do maxisterio, considerando que as actuais Asociación Provincial e a Nacional adoecían de numerosos defectos tomándose diversos acordos. Entre os principais figuraba o ingreso individual ou colectivo na FETE-UGT e apoiar unha escola única nacional do Estado federal sen controis rexionais ou locais, mais con competencias para crear e soster centros de Segundo Ensino, de ensino especial e superiores compatibles cos do Estado. Acordarían, ademáis, establecer o castelán como lingua preferente de cultura por "ser superior a la particularmente regional", considerando ao galego como lingua materna, un instrumento de ensino en casos precisos e para o que terán que prepararse os mestres, sendo "obxecto de estudio especial" na Secundaria e na Universidade. Solicitarían tamén a presenza dun representante na redacción do Estatuto de Galicia e a posibilidade de presentar candidatos mestres a deputados que deixen oir a sua voz no Parlamento.

En xuño deste mesmo ano constituiríasee nesta vila o Centro Republicano Radical sendo elixido Enrique Vidal de Bustamante como primeiro presidente do mesmo. Militaría na ideoloxía lerrouxista-emilianista ata 1932, ano no que desenvolvéndose en Aldán un acto das Misións Pedagóxicas, sería detido por orde do alcalde de Cangas Pancho Eiroa quen, paradoxalmnte, era do seu mesmo partido. Isto provocaría que Vidal de Bustamante pasase a militar no Partido Republicano Radical Socialista, do que o verinense Manuel Becerra era un destacado dirixente e membro do Goberno, que se integraría posteriormente en Izquierda Republicana.

Ao remate do curso de 1932, Vidal de Bustamente sería destinado a Vigo para dar clases de preparatoria no Instituto de Segundo Ensino. Durante este periodo, defendería os valores republicanos, participaría en congresos e asinaría manifestos a prol da mellora do ensino através de asociacións gremiais e organizacións sindicais afíns á UGT. Un destes sería redactado e publicado o 17 de xuño dirixido aos mestres de Izquierda Republicana para que se adherisen a Asemblea que pretendía coordinar aos mestres cos partidos de esquerdas da provincia e coas autoridades republicanas da mesma. Asinaban este manifesto, ademáis de Vidal de Bustamante, José Meis, Daniel Fragoso, Vicente Viñas Novás, Luis P. Villegas, Benedicto Crespo Rodríguez, Antonio Goldar Rivas, Telesforo López de Guereñu, Gonzalo Martín March e José Corbacho.

Tras do periplo histórico e de compromiso republicano deste mestre, sucederíase outro menos ilusionante e terrorífico, marcado pola represión franquista sobre os mestres aos que acusaban de coadxuvar no cambio de mentalidade do país. Contodo, Vidal de Bustamante, ao contrario que moitos dos seus colegas, salvaríase da execución e tras o seu paso polo cárcere de Vigo, sería sancionado en maio de 1940 coa separación do servizo educativo e inhabilitado para cargos públicos ata 1958. Despois desta data, no ano seguinte, e cando xa tiña máis de 60 anos, acolleríase ao Decreto de Rehabilitación dos mestres republicanos, reintegrándose ao maxisterio pero cunha sanción de cinco anos de traslado fóra da provincia. Así, don Enrique acabaría exercendo na escola de nenos da Notaría - Desteríz (Padrenda - Ourense) e morrería dous anos despois, en 1962, nesta mesma parroquia.

(*) Mestre e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats