O Concello de Moaña formalizou onte, no Centro Ágora da Coruña, a súa adhesión ao programa Apego. Trátase dunha rede municipal que dende onte conta con 23 concellos participantes e que ten como principal obxectivo dotar de recursos aos Concellos para que traballen coas familias que teñan nenos de entre 0 e 6 anos para poñer en valor a transmisión da lingua galega. A partires de agora o Concello moañés facilitará aos pais do municipio apoio, información, recursos ou programación de actividades no idioma propio de Galicia.

O programa Apego comezou con 12 Concellos e onte se sumaron outros 11 a través dos seus servizos de normalización lingüística. A Coruña, Ames, Mazaricos, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo son as novas incorporacións nunha rede na que xa participan cidades como Vigo, Santiago, Ferrol, Ourense ou Pontevedra.

O acto de onte estivo conducido por dúas representantes do persoal técnico dos servizos de normalización e foi presidido polo alcalde coruñés Xulio Ferreiro. O rexedor quixo celebrar o inicio desta colaboración cun concerto de música infantil do grupo "Arrolos de salitre", composto por Xabier Díaz e Guillerme Fernández. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, falou xunto coa súa homóloga de Muros. Fixeron fincapé no interese da colaboración intermunicipal en programas como o Apego. Santos sinalou que a lingua "é a que mellor describe a nosa realidade, a nosa natureza, a nosa maneira de ser. Negarlle ás crianzas esta fermosa ferramenta mesmo podería ocasionarlles problemas de identidade". Incidiu na capacidade do galego para "abrirlles ás portas do mundo ás vindeiras xeracións" a través do portugués.

A rexedora concluiu que, dentro dos deberes dos pais está non excluír aos pequenos "da nosa lingua, porque ela conserva a nosa cultura e tradición, o que nos diferenza dos outros pobos irmás do mundo". Os pais poderán recibir nos concellos distintos recursos na lingua propia para o lecer dos pequenos.