Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Don Andrés, un párroco moi querido

O sacerdote era natural de Lalín e foi o responsable da parroquia de Cangas ata o ano 1977

O párroco oficia unha voda en Cangas en 1956 (Teresa Miniño).

"O cura de Vigo é xastre,

o de Bouzas é pincheiro,

o de Cangas motorista

e o de Noia zapateiro"

Copla popular

Don Andrés Rodríguez Dacosta era natural de Lalín, de moi preto da Virxe do Corpiño en Santa Baia de Losón que celebra romaría a finais de xuño. A esta Santa acoden as persoas en busca de remedio para as súas doenzas relacionadas co máis alá, feitizos, meigallos, tolemias ou posesións demoníacas e onde o cura está autorizado pola xerarquía eclesiástica para realizar exorcismos.

Don Andrés foi o cura párroco de Cangas durante moitos anos. Vivía cunha sobriña. Era un home alto e delgado, de personalidade algo nerviosa pero que sempre camiñaba con lentitude. Gozou sempre entre nós dunha alta consideración porque era moi humano, moi amable no trato coa xente á que sempre saudaba con voz baixa e suave.

Era caritativo coa xente necesitada. Facía parecido ao que contan do crego rianxeiro Faustino Rei Romero, director da revista de poesía Alba de Vigo (con quen empezou a publicar poemas o noso Bernardino Graña). Nunha ocasión paseando o bo de don Faustino por Tui, un mendigo pediulle un peso, cinco pesetas daquel tempo. O crego botou man do peto e entregándolle as tres pesetas que tiña, díxolle: -Débolle dúas pesetas.

Dicía aquela vella copla popular que "O corvo canta na laxe/ e o merlo no loureiro./ O cura canta no altar/ e non hai máis Deus ... que o diñeiro"; pero don Andrés non era amigo do diñeiro. Pola contra foi un crego xeneroso e boa persoa que fixo moitas obras de caridade. Cando era requirido para visitar enfermos e ao comprobar a extrema pobreza na que vivía algunha xente tiña deixado diñeiro na almofada para axudarlles a paliar en parte as súas necesidades.

Don Andrés foi un cura moi recto e tamén algo intolerante. Alcumábano O Terco. Cando predicaba íaselle o discurso da homilía moi para lonxe do que dicían as Sagradas Escrituras. As mulleres aguantabamos sen movernos sentadas nos bancos da igrexa; mentres que aos homes que asistían á misa de pé no fondo da igrexa, éralles máis doado saír e marchaban para fóra a charlar e botar o cigarro. E cando don Andrés remataba volvían entrar. Este feito era sabido e comentado en Cangas e a el non lle gustaba nada, amargáballe, pero como era terco non cambiaba e todos os domingos se repetían os feitos cos mesmos actores.

Don Andrés era moi intelixente, escribía ben e gustáballe moito a Teoloxía e a Filosofía. Non era nada aproveitado e "dicíache unha misa si querías pero sempre comentaba que a misa era para oíla e que non facía falta pagala. No confesionario era moi solicitado porque sabía escoitar e daba moi bos consellos".

Pero se algo non soportaba era a falta de puntualidade. Se te retrasabas por algún motivo, íase. Nunha ocasión tiña que bautizar un neno ás cinco do serán e os pais non chegaban pasados quince minutos. Xa se dispoñía a marchar cando apareceron correndo pola rúa os pais coa criatura. E desculpáronse porque ao bebé houberan de cambiarlle os cueiros no momento xusto de saír.

Era moi esixente e recto coas normas da relixión. Non casaba aos que non souberan o catecismo. Había unha parella de maiores que vivían xuntos en parella durante máis de 50 anos. Tanto insistiu que remataron por casar, discretamente, na misa da mañá cedo para poder morrer "en graza de Deus".

Daquela non permitían que as nenas fosen bautizadas sen lles poñer por diante o nome de María. Así os pais que pensaran en nomes de plantas como Rosa, Margarita ou Branca, a todos lles caía por diante ou por detrás o nome de María.

Don Andrés visitaba todas as semanas a escola de dona Constantina, na rúa San Xosé (hoxe bar Outubro) e daba tamén o Catecismo no local da Fonte do Galo. E os domingos polo Nadal e os Reis, á saída das misas repartía figos e uvas pasas aos rapaces.

Por mor da súa avanzada idade e un problema de saúde, alá polo ano 1977 andou tres días desaparecido ata que o atoparon no monte, desorientado. Retirouse e ocupou o seu lugar don Xesús Barreiro. A don Andrés lembrámolo en Cangas con moito agarimo porque foi moi boa persoa e un sacerdote algo terco pero moi caritativo.

*Membros de A Cepa e comadrona de Cangas

Compartir el artículo

stats