Cangas colle hoxe o testigo dos actos de homenaxe a Rosalía de Castro que os concellos de Moaña e Bueu xa celebraron o mércores, día 24, coincidindo co día de nacemento da ilustre escritora. Comezarán as sete da tarde no salón de plenos como homenaxe colectiva no que participan os colexios, institutos, o Conservatorio municipal, a Escola de Música Staccato, a banda de gaitas María Soliña, así como escritores e particulares de Cangas e doutros lugares do Morrazo.

A programación comezará ás sete da tarde cun acto de benvida diante do consistorio a cargo da banda de gaitas e percusión María Soliña, previo á proxección dunha selección de vídeos no salón de plenos. A continuación haberá un recital poético con máis dunha vintena de participantes. Entre eles figuran Quique Harguindey, Nelson Quinteiro, Xosé Vázquez Pintor, Camilo Camaño, Luis Chapela, Lina Santiago, Héitor Mera, Carme Durán, Pilar Fernández ou Xosé Manuel Pazos.

Tamén intervirán Xoana Santos e Estela Suárez (autoras da curta de animación "Negra sombra"), os colexios de San Roque, Monte Carrasco, Sagrada Familia, Castrillón, Espiñeira, Compañía de María, Rodeira, María Soliño e IES As Barxas, de Moaña, así como Liz & Blacksoul Band. Pechará o acto a banda María Soliña coa interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia.